Dezasete

O Primeiro de Maio de 1995 aparecía o número cero de “Razón Socialista”, é dicir, hai xa dezasete anos. Esta revista foi produto da reflexión dun grupo de militantes, que cansos da situación interna do seu partido, decidiron apostar por ter un voceiro propio, para así dirixirse ao conxunto da sociedade de Ferrolterra e, dende o seu momento inicial, dar cabida nas súas páxinas a todas as voces da esquerda plural e do nacionalismo progresista.

Isto fai que o lema da súa cabeceira sexa: “Pola rexeneración da esquerda”. Co tempo a revista vai ser o xermolo en 1999 da Asociación Cultural Fuco Buxán, unha entidade apartidaria, plural e de esquerdas, que entende a cultura dende unha perspectiva gramsciana, é dicir, que considera a cultura como un elemento de transformación social, tanto na conformación dunha opinión pública afín a unha nova hexemonía progresista, como na formación dun novo bloque histórico, que aglutine ao conxunto das forzas políticas, sindicais e sociais en favor dun avance radical da democracia e da clase traballadora.

Hoxe en Sargadelos, cun novo número, acompañaremos ao seu director José Torregrosa. Con nós estarán Carlos Etcheverría (expresidente do Ateneo Republicano de Galicia) e o artista e dirixente de Esquerda Unida, Suso Basterrechea. Permítanme achegarlles esta invitación, para xuntos encontrarnos neste foro e buscar ese camiño á esquerda de saída da crise.

Enlace a Diario de Ferrol.

Insoportables

O exministro Rodrigo Rato terá un lugar na Historia de España. O de aquel que levouna á quebra, provocando a maior crise dos últimos setenta anos. Foi o responsable da Lei 6/1998 do 13 de abril, que “liberalizou” o chan provocando a burbulla inmobiliaria. Agora, tras pasar polo FMI, regálanos a quebra de Bankia.

O curioso é que sendo unha crise provocada polo neoliberalismo, a esquerda é incapaz de dar unha resposta axeitada. Hai grandes mobilizacións sindicais, cidadás e do 15M; entón, por que non hai unha alternativa que derrote á dereita? Porque os partidos da esquerda están realmente desaparecidos, e o descontento social require da súa intervención cun programa antineoliberal, que aínda non aparece para a maioría da sociedade.

Mentres, a dereita desmantela todo. Reformas para coaccionar aos traballadores, oportunistas programa de axustes nos concellos para desmantelar os servizos municipais e preparar despidos, concelleiros/as do PP que néganse a recibir ás asociacións que son críticas coa súa xestión, alcaldes que lle pechan a porta do Concello de Ferrol aos traballadores do naval.

Esa prepotencia da dereita traspásase a todos os niveis. Cóntanme o caso dunha profesora que pretendía baixarlles a nota aos seus alumnos, acusándoos de estar manipulados polos seus pais, porque nun traballo sobre Machado falaban do exilio e da represión franquista. En fin, a dereita está insoportable.

Enlace a Diario de Ferrol.

Rebeldes

A vida encontra sempre un camiño para proseguir a súa andaina, e a senda dos rebeldes é a única que a ética xustifica sobradamente. Así a sociedade e as organizacións que a conforman están vivas, porque os seus rebeldes teñen trazada a liña para o cambio, sabendo que a liberdade ten un prezo.

Os partidos son unha mestura de proxecto político e ambicións persoais, cando non son directamente secuestrados por aqueles que usan a política para facer negocios de dubidosa licitude. A isto último, en lingua antiga ferrolá chámanlle “soutismo”, sobre o cal hai ampla hemeroteca e tres accesibles expedientes documentados, cun contido que non hai muíño que terme de semellante lameira.

O socialismo ferrolán está no punto onde pode telo todo ou perdelo definitivamente. E os seus rebeldes (con causa) saben que o mundo se transforma tamén dende a mobilización, obrigando ás institucións a asumir as demandas dos cidadáns, sobre todo si unha sociedade como a ferrolá está nunha fonda situación de emerxencia, provocada pola crise xeral, á que se suma a que parece definitiva no naval. Estamos ante a meirande crise de supervivencia desta cidade.

Na esquerda do PSdeG ferrolán teñen dúas razóns polas que están dispostos a abrasarse: a paixón por Ferrol e a defensa do socialismo máis democrático. Por iso son rebeldes e van continuar ese camiño. Por iso, escriben letras para cambiar un mundo que comeza en Ferrol.

Enlace á versión dixital do Diario de Ferrol.

Migrantes

Este Primeiro de Maio ferrolán quedará na nosa memoria pola emotividade provocada cando un colectivo, formado maioritariamente por inmigrantes visualizáronse, rompendo coa idea de que son un elemento máxico do noso imaxinario, como pretende a dereita. Existen e son persoas coma todos nós.

Os inmigrantes non son culpables da crise. Viñeron reclamados por negociantes ávidos de man de obra barata e silente, e cando empezaron a ter certo nivel económico, tamén foron estafados polo noso peculiar capitalismo popular, en forma de vivenda sen dación en pago. Sanearon as contas da nosa seguridade social e os seus fillos encheron de vida os nosos colexios e parques.

Agora, a dereita reclama que se volvan aos seus países de orixe, ou que cando menos, queden ocultos nas penumbras das nosas rúas; pensan que aquilo que non se ve, non existe. Envases de usar e tirar. Pero, a crise evidencia que cando se deterioran as condicións laborais e a dignidade das persoas, afúndese o sistema económico.

Tamén, é ben certo que cando a unha persoa se lle sacan os seus dereitos, e ráchanse todas as solidariedades, o totalitarismo ocupa a centralidade política e social. O problema non son os diferentes, senón a acumulación da riqueza en mans duns poucos. Miserables aqueles que se enriquecen co sufrimento dos demais. Permítanme acabar con seis palabras: Migrante, dignidade, traballador, solidariedade, cidadán, democracia.

Enlace a Diario de Ferrol.

Culpables

Para F. Ocampo. Que lembrará que as tres últimas palabras, 
deste "irónico" artigo, forma parte da nosa conversa de hai uns días.

Non hai crise que cen anos dure, ou que non faga volver as cousas á súa “orde natural”. Somos unha sociedade que ten a súa base fundamental na “palabra revelada”, e agora que a dereita ocupa case todo o poder político e mediático, por fin, podemos entender o seu verdadeiro sentido (con vídeo antisocialista incluído).

Non foi a usura urbanística dos bancos, a acumulación da riqueza en moi poucas mans e a debilidade do noso Estado de Benestar os causantes da nosa, actual e penosa, situación económica. Non hai dúbida. Foi o despilfarro dos cidadáns, que pretendíamos vivir por riba das nosas posibilidades.

Culpables os pensionistas, que irresponsablemente acumulan medicamentos nas súas casas, e se as farmacéuticas non aportaban envases máis pequenos era, simplemente, porque sentíanse coaccionados pola nosa gula. Culpables os traballadores, que non entendemos que é o esforzo soamente persoal a base do ascenso social e non un ensino público de calidade, e incapaces de saber o noso sitio na orde natural, reclamamos para a nosa prole oportunidades que non lles corresponden.

Si, o esforzo é o eixo de toda sociedade moderna e aberta. O sufrimento – non pode ser doutro xeito – forma parte do mesmo. É unha forma de selección natural dos mellores, e os que xa están arriba non é porque teñan mellor berce, senón porque son máis listos. Debemos pagar as nosas culpas. O pecado orixinal. Vivan as cadeas!

Ler artigo na columna “Letras de Cambio” (Diario de Ferrol).