De pastoreo bancario

A venda do Popular -por un ridículo euro- ao Santander amosa claramente que segue a crise e que, tanto as autoridades europeas como españolas, do mesmo xeito que a Xunta de Galicia, renuncian a intervir e a regular a economía, a non ser como fieis servidores dos que fan os grandes negocios bancarios. De feito o último informe do Banco de España (intentando sacudirse as súas responsabilidades nesta desfeita) é outro desatino máis.

A novidade é que a absorción polo Santander vai ir a costa dos pequenos accionistas e acreedores. Pero, para que están as Institucións referidas? Quen permiteu co Popular -con activos tóxicos- absorvera ao Banco Pastor? Como se pode asumir que o Banco de España diga que o Estado non vai recuperar nada do desviado para salvar á banca, ou que se anuncie que Bankia vai ser privatizada para que algúns sigan a facer caixa? E a Xustiza cando vai intervir?

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/de-pastoreo-bancario/20170621222503193774.html

Insoportables

O exministro Rodrigo Rato terá un lugar na Historia de España. O de aquel que levouna á quebra, provocando a maior crise dos últimos setenta anos. Foi o responsable da Lei 6/1998 do 13 de abril, que “liberalizou” o chan provocando a burbulla inmobiliaria. Agora, tras pasar polo FMI, regálanos a quebra de Bankia.

O curioso é que sendo unha crise provocada polo neoliberalismo, a esquerda é incapaz de dar unha resposta axeitada. Hai grandes mobilizacións sindicais, cidadás e do 15M; entón, por que non hai unha alternativa que derrote á dereita? Porque os partidos da esquerda están realmente desaparecidos, e o descontento social require da súa intervención cun programa antineoliberal, que aínda non aparece para a maioría da sociedade.

Mentres, a dereita desmantela todo. Reformas para coaccionar aos traballadores, oportunistas programa de axustes nos concellos para desmantelar os servizos municipais e preparar despidos, concelleiros/as do PP que néganse a recibir ás asociacións que son críticas coa súa xestión, alcaldes que lle pechan a porta do Concello de Ferrol aos traballadores do naval.

Esa prepotencia da dereita traspásase a todos os niveis. Cóntanme o caso dunha profesora que pretendía baixarlles a nota aos seus alumnos, acusándoos de estar manipulados polos seus pais, porque nun traballo sobre Machado falaban do exilio e da represión franquista. En fin, a dereita está insoportable.

Enlace a Diario de Ferrol.