Tras o Primeiro de Maio

Acaba de pasar o Día do Traballo con manifestacións que pedían unha saída progresista á crise económica. As propostas sindicais son claras: emprego, investimento público e protección social.

Fronte a isto a dereita política e mediática segue a pedir baixada de impostos ás grandes fortunas e patrimonios, desregulamentos maiores do mercado laboral, despedimentos gratuitos, “austeridade” e reducción do gasto público. Medidas todas elas que só afondaría na propia crise económica, na superación do actual marco democrático en aras dunha ditadura do capital, que condicionaría todas as relacións sociais.

Os traballadores tamén están atentos ao Goberno español. En principio, a marcha de Solbes trae para o Presidente Zapatero aires renovados, máis sensibles á necesidade de maior gasto social e ás demandas dos máis desfavorecidos. Un discurso máis á esquerda que deberá acompañar cunha maior implementación das políticas sociais.

A diferenza do que plantexa ese señor enfadado chamado Rajoy, o aumento do gasto social en investimentos en obra pública e servizos sociais, non supón unha hipoteca, senón un crédito na liña de mellorar o presente e aseguralo futuro. Unha política expansiva que estimule o consumo, o emprego de calidade e tamén o emprego público – en España apenas un 9% fronte aos países máis avanzados que chegan até o 25% – xunto con outras medidas que garantan a necesidade dunha banca pública, como instrumento de intervención das políticas progresistas; ou unha fiscalidade que, ademais dos traballadores e as clases medias, tributen as grandes fortunas e patrimonios en función dos seus ingresos.

Cambiar o modelo produtivo herdado da etapa de Aznar, basado na especulación e o cemento, necesita unha base diferente onde os traballadores amplíen a súa influencia na política e na economía. O Presidente Zapatero tivo unha boa intervención diante do Parlamento Europeo hai uns días. Antes, o 25 de abril en Pontevedra, diante do congreso extraordinario dos socialistas galegos a súa frase final foi: “Os socialistas somos o que temos, a nosa orixe son os traballadores e, por iso só temos o noso traballo”.

As Orixes de Ferrol, segundo Ramón Loureiro

As orixes de Ferrol

Este xoves pasei a ollar libros na Galería Sargadelos, que sabedes está situada pola parte de atrás da Casa do Concello. A primeira sorpresa foi atoparme con Javier Guitierrez,  que agora podedes seguir na serie televisiva “Águila Roja” e que acaba de gañar o premio Max como mellor actor teatral. Como non nos coñecemos, so atrevinme a intercambiar un breve saúdo con el.

Tras revisar as novidades e outros libros, cando marchaba atopeime cun pequeno conto do amigo Ramón Loureiro, titulado “”A saga de San Ferreol”, baseada nunha canción do tamén ferrolán Couce Fraguela, e con ilustracións de Francisco Pérez Porto. Unha das cales acompaña este comentario.

Ramón, amigo, vai desenvolvendo un fermoso conto a partir da suposta chegada de San Ferreol, acompañado polo bispo Maeloc a estas Terras do Nordés, tamén, bautizada por el como Escandoi. Aparecen desde Sete Sereas de varia cor, que probablemente estean emparentadas coas Setes Mulleres do Miño, até a Virxe do Nordés – que todo hai que dicilo está asentado nun antigo lugar sagrado do celtas, Chamorro, que ademais tiña a súa propia pedra de abalar – xunto con lobos e dragóns; todo para que a súa profecía sentara as orixes de Ferrol. Unha terra onde as persoas construirían barcos e compoñerían cancións; co tempo xurdiría o sector naval e a Noite das Pepitas.

Unha terra onde todos e todas as nenas terían o don de que con cada conto que lles contaran antes de durmir, eles e elas nos seus soños farían outro novo, inmensamente mellor. Isto, resulta curioso, faime partícipe, xa que teño un xogo coa miña filla de catro anos; eu cóntolle dous contos e ela, despois, bótase a durmir. Son xa moitos contos, todos inventados e que un día terei que empezar a escribir.

Permitídeme unha confesión inoportuna: realmente este libro non o merquei polas miñas dúas fillas. Este conto o considero un regalo persoal, como outros que o propio amigo Ramón tenme feito.

Apertas Ramón, e grazas por este fermoso conto. Parabéns, a ti, ao autor da canción e ao magnífico debuxante.

Caso Leganés: negocio, infamia mediática e fundamentalismo

m_luismontes2Este sábado 13 de decembro, Fuco Buxán, trouxo a presentación por parte do seu autor – o doutor Luís Montes – do libro “El caso Leganés”, editado por Aguilar. Isto aconteceu na Aula Magna do Campus de Esteiro – Ferrol, da UDC.

Como lembraredes o doutor Montes e o conxunto do persoal médico do Complexo Hospitalario do Severo Ochoa en Madrid, durante o ano 2005 sufriron a persecución da prensa da dereita e dos sectores máis ultras da sociedade española. Se lles acusou de matar a catrocentas persoas.

Esta foi unha campaña mediática apoiada polo PP de Esperanza Aguirre e o seu conselleiro Manuel Lamela co obxectivo de montar unha cortina de fume para ocultar, entre outras cousas, a xestión da dereita na crecente privatización do sistema madrileño de saúde. As cousas chegan ao nivel de que con fondos públicos estanse a facer sete hospitais, para lucro privado e cunha poboación adherida que non ten opción de elixir un sistema público, porque así lle interesa aos intereses especulativos duns poucos beneficiados coas concesións.

Ademais, dunha campaña ultra que pretendía equipar a asistencia dos servizos paliativos aos pacientes en fase terminal coas prácticas nazis.

O debate – xa onte – xirou polo tanto, nestes dous aspectos. Por unha banda, a análise do acontecido cos facultativos do Severo Ochoa, e a campaña mediática fascistoide e a xestión oportunista do PP madrileño; e pola outra sobre o dereito a unha morte digna, ou mellor dito, sobre a calidade de morte.

Fronte ao lucro, aos intereses dos grupos privados ou das propias empresas farmacéuticas, son os dereitos dos cidadáns a decidir de seu, e a defensa dun sistema público de saúde o que ten que estar en valor. Somos polo tanto, os cidadáns, que amparándonos, ademais na Lei de Autonomía do Paciente, os que coas nosas reclamacións por un sistema público, que ten que ofertar o servizo demandado, e polo tanto, no que non caben obxeccións de conciencia oportunistas ou fundamentalistas -xa que do contrario vulnéranse os nosos dereitos fundamentais – debemos velar e pór en marcha.

Fronte un sistema privatizado ou supeditado a intereses privados – temos os exemplos en Galicia das fundacións comarcais de Fraga – que prioriza o lucro e a baixa calidade da asistencia médica e humana, son os poderes públicos e os propios cidadáns, os que debemos estar alerta para garantir a nosa calidade de vida… e morte. Isto tamén é unha cuestión de calidade democrática.

Unha interesante tertulia a habida co doutor Montes, que deberemos completar coa lectura do seu libro.

luismontes_fucobuxan1312081

Estaremos no Foro Social Galego

acceso_librefsgal1

 

Son consciente de que desde hai un mes teño un pouco abandonado o blog. Muitas cousas están a pasar, e que me impide ter a cabeza clara para poder escribir cun pouco de tranquilidade. Prosiguen as folgas en Megasa, disolveron a miña quenda de Laminación e pasei á sección de Acería; estiven traballando no número 25 da revista Razón Socialista, e entrevistáronme en Radio Filispim (escoitar audio).

Tamén, teño boas novas para mediados desta semana entrante: o festival o día 10 en favor de Cuba, no Teatro Jofre de Ferrol e unha nova – que ten que ver cunha amiga de Vigo – que ocurrirá o xoves 11 de decembro en Fene, e que aínda non queiro adiantar.

Máis este domingo 7 estarei en Compostela, representando á miña asociación no Plenario do Foro Social Galego. Dende o venres 5 de decembro a Asociación Cultural Fuco Buxán está a participar no mesmo.

O Foro Social Galego recolle a un centenar de entidades de toda Galicia, desde sindicatos de clase e agrarios, a Fundacións e asociacións socio-culturais, que apostan pola transformación social do planeta dende unha perspectiva de progreso e, obxectivamente de esquerdas. Supón a conexión de Galicia ao movemento internacional auspiciado polo Foro Social Mundial, e que ten a súa sede central en Brasil. Galicia súmase así tamén ao Foro Social Europeo.

A Asociación Fuco Buxán vai participar nos debates, así como na Carpa das Asociacións, cunha mesa propia, que será un divulgador durante esta fin de semana no FSGal, das actividades desta propia asociación cultural, das nosas publicacións audiovisuais (entre eles o vídeo protagonizado pola nosa ría contra Reganosa, e publicado dentro do acordo entre Fuco Buxán e Acsur no Noticiario Intercultural: “Ferrol, polo mar e a vida”), dos nosos libros e da nosa revista Razón Socialista; esta última xa leva 13 anos de existencia. Fuco Buxán naceu en 1999.

Este sábado 6, na Facultade de Filoloxía de Santiago, un dos puntos neurálxicos do FSGal, ás 12h, e a proposta de Fuco Buxán, do Comité Cidadán de Emerxencia e da ONGD Acsur – Las Segovias, celebrarase un debate que afecta á ría de Ferrol. Este celébrase baixo o título “Galicia, Territorio, Enerxía, Seguridade, Mobilización Social: O caso Reganosa”. Participarán: Manuel Rodríguez Carballeira (Voceiro do CCE e presidente de Fuco Buxán, Luz Marina Torrente (Presidenta da Plataforma de Veciños de Meá – Mugardos), os profesores Manuel Amorím e Carlos Álvarez e o ecoloxista Humberto Fidalgo.

O domingo 7, a Asociación Fuco Buxán, participará no Plenario das Asociacións do FSGal, no Auditorio de Galicia, onde se debaterán as propostas para os vindeiros tempos, a nova convocatoria do ano 2009 e a participación no Foro Social Mundial. O Foro Social Galego supón a consolidación dun movemento social transformador para outra Galicia e outro mundo que é posible.

Enlace ao programa completo do FSGal

Un goberno de progreso para Ferrol

Un grupo de cidadáns e cidadás, a título persoal, ante a situación do Concello de Ferrol, manifesta:

En Ferrol hai unha maioría de esquerdas, como se demostrou nas últimas eleccións municipais. O seu triunfo foi en grande medida grazas á presión dos movementos sociais, mobilizados contra das políticas regresivas do Partido Popular.

A ruptura do Goberno Bipartito pon en risco a execución de importantes proxectos que se viñeron xestando nos últimos meses: Regulamento de Participación Cidadán, Recimil, Urbanización do Bertón, Estrada de Castela, Tren ao Porto Exterior, etc., que supoñían abordar desde unha óptica progresista, os problemas da cidade.

Resúltanos de todo punto de vista inaceptábel que, máis aló das diferencias puntuais entre os dous socios de Goberno, se chegase á ruptura.

En todo caso, independentemente das causas da mesma, consideramos que a responsabilidade contraida coa a cidadanía obriga a reconducir a situación. Emprazamos ás dúas forzas políticas a sentarse para recuperar a unidade progresista, incorporando a este proceso ao BNG, para traballar no que queda de mandato a prol da cidade.

Estamos convencidos de que hai tempo para que un Goberno de Progreso poida desenvolver unha xestión frutífera para o avance da cidade e ser un referente, sobre todo nestes tempos, para o resto de Galicia. Seguir lendo