Acaba de pasar o Día do Traballo con manifestacións que pedían unha saída progresista á crise económica. As propostas sindicais son claras: emprego, investimento público e protección social.
Fronte a isto a dereita política e mediática segue a pedir baixada de impostos ás grandes fortunas e patrimonios, desregulamentos maiores do mercado laboral, despedimentos gratuitos, “austeridade” e reducción do gasto público. Medidas todas elas que só afondaría na propia crise económica, na superación do actual marco democrático en aras dunha ditadura do capital, que condicionaría todas as relacións sociais.
Os traballadores tamén están atentos ao Goberno español. En principio, a marcha de Solbes trae para o Presidente Zapatero aires renovados, máis sensibles á necesidade de maior gasto social e ás demandas dos máis desfavorecidos. Un discurso máis á esquerda que deberá acompañar cunha maior implementación das políticas sociais.
A diferenza do que plantexa ese señor enfadado chamado Rajoy, o aumento do gasto social en investimentos en obra pública e servizos sociais, non supón unha hipoteca, senón un crédito na liña de mellorar o presente e aseguralo futuro. Unha política expansiva que estimule o consumo, o emprego de calidade e tamén o emprego público – en España apenas un 9% fronte aos países máis avanzados que chegan até o 25% – xunto con outras medidas que garantan a necesidade dunha banca pública, como instrumento de intervención das políticas progresistas; ou unha fiscalidade que, ademais dos traballadores e as clases medias, tributen as grandes fortunas e patrimonios en función dos seus ingresos.
Cambiar o modelo produtivo herdado da etapa de Aznar, basado na especulación e o cemento, necesita unha base diferente onde os traballadores amplíen a súa influencia na política e na economía. O Presidente Zapatero tivo unha boa intervención diante do Parlamento Europeo hai uns días. Antes, o 25 de abril en Pontevedra, diante do congreso extraordinario dos socialistas galegos a súa frase final foi: “Os socialistas somos o que temos, a nosa orixe son os traballadores e, por iso só temos o noso traballo”.
Meus queridos amigos: Se me permitides unha recomendación, non deixedes de asistir mañá luns, ás sete e media da tarde, na Biblioteca Central de Ferrol, a conferencia do meu grande camarada, realmente un irmán, Claudio Rodríguez Fer.
Eu, por diversas circunstancias, non poderei estar alí, e moito me parte o corazón…
Todos cantos reivindicades a recuperación da memoria histórica, levaredes, se acudides ao acto, unha moi agradable sorpresa, que non vos adianto…
Mil apertas!