Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Todos somos Honduras

MichelettiGolpi$ta

Desafortunadamente, tíñamos razón aqueles que dicíamos que cando a presión norteamericana acougara en Iraq, os procesos democráticos latinoamericanos ían sufrir. Honduras hai xa trinta anos – que foi usada para atacar á Revolución Sandinista – sufriu unha brutal represión, con miles de asasinados e desaparecidos na esquerda e nos movementos sociais, que rachou coa perspectiva dun pobo emancipado. Produto desa situación a Constitución vixente é o garante do dominio e supeditación dos intereses do país aos das súas clases altas, así como que ningún colectivo social ou político poida pór en cuestión o status quo imposto pola dereita autoritaria.

Ler artigo completo en Vieiros

Versión en castellano para Socialdemocracia.org

Os hondureños vencerán ao ditador Micheletti

A Asociación Fuco Buxán e Acsur – Las Segovias co pobo hondureño e a democracia, contra a ditadura de Micheletti

FUCO BUXAN DENUNCIA:

A ilegalidade dun golpe que estado que pretende acabar cos intentos dunha América Latina que trata de vivir a súa propia historia, á marxe do control de USA e a explotación. O Golpe de Estado víñase formando desde hai un tempo, na medida da coincidencia de Honduras cos países da Alternativa Bolivariana para as Américas en vez de promovida polos grupos financeiros de EUA e a oligarquía hondureña (ALCA) e o paso no país dun réxime de dereita autoritaria a un de democracia participativa e popular.

O atropelo dos dereitos humanos da poboación civil, con prácticas de corte pinochetista: brutalidade policial, desaparicións, detencións arbitrarias, torturas…

A manipulación sistemática da información, no interior de Honduras e cara ao ámbito internacional, ocultando datos fundamentais do problema e presentando baixa forma caricaturesca, cando non totalmente calumniosa e incerta, a figura do Presidente Zelaya, elixido democraticamente pola súa poboación, pretendendo situar a súa incuestionable legalidade no mesmo nivel que aos cabecillas do movemento golpista.

Manifesto completo da Asociación Fuco Buxán co pobo de Honduras, contra o Golpe de Estado

ACSUR participa nunha misión internacional de solidariedade coa loita do pobo hondureño

Do 26 de xullo ao 1 de agosto, diversas redes, movementos sociais, ONG, organizacións de Dereitos Humanos e responsables políticos de Europa, Canadá e América Latina, entre eles ACSUR-LAS SEGOVIAS, participan nunha misión internacional en Honduras en solidariedade coa loita e resistencia da poboación hondureña ante o golpe de estado que sufriu o país o pasado 28 de xuño. Este golpe foi inmediata e rotundamente condenado pola comunidade internacional, a Organización de Naciones Unidas (ONU), a Organización de Estados Americanos (OEA), e a Unión Europea.

Megasa: a negociación, unha trampa

Por Vicente Rivas

Secretario do Comité de Empresa por UGT

Tras 16 meses de negociación do Convenio Colectivo, os traballadores de Megasa, a siderúrxica galega, asentada no Concello de Narón, seguen sen poder subscribir un convenio, debido á postura da Dirección, encaprichada en que os traballadores hipotequen os seus dereitos coa firma dun convenio de aspectos sociais regresivos, con unha única desculpa; a crise.

Vicente Rivas no centro da imaxe

Vicente Rivas no centro da imaxe

A parte económica atrasou de maneira deliberada a negociación os primeiros meses do ano 2008, cando os resultados económicos da empresa presentaban un dos seus mellores momentos.

As necesidades expostas no anteproxecto de convenio pola parte social, baséase na regulamentación de aspectos de primeira necesidade: mantelo poder adquisitivo, regulamentar as categorías e promoción profesional, aplicación de contrato relevo aos 60 anos, complementar IT derivado de accidente de traballo, creación dun plus para os traballadores que exercen o seu traballo en sábado ou domingo, ou recortar a xornada laboral – na actualidade en 1774 horas e 45 minutos / ano-, non podía supoñer na negociación aspectos que motivasen unha postura patronal tan enfrontada, tendo en conta que no inicio da negociación, esta non presentou na mesa ningunha proposta da súa necesidade para incluír na mesma.

Seguir lendo

Chámome Anxo

Con-miña-nai

Ás amigas, e aos amigos. Para Ripoll e Sarille.

Hoxe fun ao Xulgado a recoller a certificación literal da tradución ao galego do meu nome. Desde xa oficialmente chámome Manuel Anxo. É, indubidablemente, só un pequeno cambio, pero que persoalmente ten moito significado para min. Ten moito que ver cos sentimentos.

Sempre conto a mesma historia. Fillo dunha familia galego falante que sufriu a inmersión lingüística en castelán, como así obrigaba a educación franquista e que aínda é moi recente o cambio neste senso. Agora, parece que entre a Xunta do PP – Feijoó9, os mal chamados “Galicia Bilingüe” e Rosa Díez, andamos a desandar o camiño do recoñecemento do mesmo status para todas as linguas de España… xa se sabe, iguais si, pero só unha é a lingua “española”.

A inmersión lingüística en castelán trouxo na miña familia cousas tan disparatadas como que os meus pais e familiares adultos usasen entre eles e os seus achegados o galego; máis aos fillos falábannos en castelán. De feito, segue a ser habitual os diálogos galego / castelán. Iso non é simplemente unha anécdota, senón unha expresión máis da profunda represión da nosa identidade propia como persoas e como País.

A miña outra identidade e moi marcada, obviamente, é que sinto orgullo de ser fillo de traballadores, consciente de pertencer a unha clase social que chegará a emanciparse, que a aspiración a hexemonía será realidade.

Foi grazas ao meu profesor de galego Alexandre Ripoll como eu reencontreime co idioma propio. Acababa o derradeiro curso da Formación Profesional de Segundo Grao. O seu exame final foi obrigarme a falar – mentres se desenvolvía a clase – en galego; acabei descubrindo que podía superar esas barreiras invisibles que unha deformación educativa che pode crear. Desa etapa tamén está a miña amizade con Xosé Manuel Sarille, que co tempo acabaría fundando a Mesa pola Normalización Lingüística. Ripoll ten moito que ver con que eu escriba en galego; rachou o camiño para recuperar unha parte da miña identidade pertencente a unha xente e a unha cultura diferenciada.

É un xeito de saldar unha débeda coa historia da miña familia, da miña nai e do meu País. Estou a saldar unha débeda comigo mesmo. Chámome, tamén Anxo.