Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Rajoy triunfa en Letonia

rajoy.jpg

A dereita mediática, tanto a tradicional como esa nova – que editorializa sobre o “Che” Guevara – andan na caza e captura do Presidente Zapatero, a iso curiosamente hai que engadirlle que significados “ex” que coinciden en materia económica coa Patronal fan de coristas do PP.

Ademais, o Presidente das Caixas de Aforro pide eleccións anticipadas senón hai un pacto social para saír da crise; é dicir, se os sindicatos e o Goberno non fan o que a voracidade da CEOE reclama, cando ten paralizados cento cincuenta mil convenios colectivos, co obxectivo de causar o maior dano á sociedade e aos traballadores. Tamén, é certo, que mentres tanto o Sr. Quintás logra agachar o debate sobre a súa propia xestión, sobre as prácticas especulativas que levaron ás Caixas de Aforro a contribuír á actual crise económica e de como se está a usar o diñeiro público no eido financeiro, e o que é moito máis importante, sobre a necesidade dunha gran banca pública onde estas teñen un papel que xogar, na dinamización e crecemento da economía produtiva e da creación de emprego estable e de calidade.

Mentres o xefe de patronos, Sr. Díaz Ferrán, esixe da Ministra de Economía que o Goberno non lle suba os impostos as clases de rendas altas, e que hoxe eufemisticamente chámanlles “aforradoras”, para agachar que por unha banda son responsables últimos da crise económica e agora, pretenden que se traspasen – outra vez máis – rendas do traballo a rendas do capital.

Hai que recoñecer que ao seu voceiro político, ao Sr. Rajoy empezan a facerlle caso. Hai quen está xa a aplicar o programa electoral da dereita. Aquí en Galicia, o Sr. Feijoó – co argumento da crise – pecha os hospitais pola tarde, saca a gratuidade dos libros de textos ao 70% da poboación escolar e os demais, dependerá segundo o baremo, reduce o número de profesores, reduce servizos públicos; para con estes cartos financiar ós centros escolares do Opus Dei, onde se practica o fundamentalismo relixioso e a segregación por razón de sexo.

Pero, onde máis caso lle fan a Rajoy é en Letonia. A redución do gasto social, tal como pide o PP para nós, significa neste país o peche de 30 hospitais e naqueles que seguen abertos os pacientes deberán pagar 35€ por cama; redúcese nun 50% os salarios dos mestres; o salario mínimo baixa un 20% e as pensións un 10%. Rajoy, De Cospedal, Saenz de Santamaría… deben estar pletóricos. Por fin, lles fan caso. En Letonia.

Torregrosa: Teatro e compromiso

torregrosa.jpg

Tiven a sorte de recibir do propio autor unha obra revisada e actualizada de teatro que leva como nome “La masacre de la calle Contreras”. Unha obra nacida na época franquista e que vén a celebrar as máis das vinte mil visitas có amigo Torregrosa, ten na súa bitácora en internet “Cumbres Borrascosas”.

Este é un prezado regalo que recibo, que vai a revalorizar a miña biblioteca persoal, e que recoméndolle a todo o mundo, xa que logo é de moi doado acceso con isto das novas tecnoloxías. Ademais, poderán ver neste blogue unha gran parte da obra literaria (novela, poesía, teatro, conto e cine) deste ferrolán comprometido coa cultura e polo cambio para unha sociedade máis xusta. Quizais as súas obras máis coñecidas polo público sexan o libro “El Juicio de los 23” (proceso xudicial que o franquismo abre contra os líderes do 10 de marzo de 1972 en Ferrol) do que é coautor xunto con Rafael Pillado e Enrique Barrera e a novela “Abordajes”, cuxa portada é un fragmento dunha obra orixinal do pintor Víctor García Novás, así como, as súas colaboracións no suplemento “Nordesía” deste xornal.

La masacre de la calle Contreras” é unha obra teatral en dous actos onde un popular prostíbulo vai ser o escenario do que lle acontece a mulleres que acusan nelas as dificultades da vida; que unha vai morrer a mans de mariñeiros da armada dos Estados Unidos; de presións policiais e políticas e de inesperadas vinganzas… Pero, tamén é moito máis.

Esta obra teatral tamén forma parte dunha época onde a cultura era un elemento de formación intelectual e transformación social. Onde o creativo era a proa da loita contra a ditadura fascista do xeneral Franco; un instrumento aos servizo da emancipación dos traballadores como elemento central na loita pola reinstauración da democracia.

Coa recuperación desta obra teatral o seu autor tamén fai un exercicio de recuperación da Memoria Histórica democrática da loita antifranquista. Por se alguén ten algunha dúbida, “La masacre de la calle Contreras” foi estreada no cárcere da Coruña, pola sección de presos políticos o 6 de maio de 1972, moitos dos seus “actores – presos” tiveron un papel esencial tanto na loita antifranquista como antes e hoxe na Democracia. Xunto co autor, José Torregrosa, interviñeron: Ánxel Cortizas Domenech, Xan María Castro Paz, Antonio Romero Ramos, Juan Fernández López, Suso Díaz Díaz, Francisco Caballero Martínez, Vicente Álvarez Areces, Rufino Corbato Coto, Francisco Rodríguez Sánchez e Rafael Bárez Vázquez.

Lúa de Xemas Frías: o Pobo Mapuche Nación

Nunca fumos

o pobo elixido

pero matáronnos

no sinal da cruz.

(Salmo 1492, Graciela Huinao)

Este venres pasado, desde a Asociación Fuco Buxán, presentouse na Galería Sargadelos de Ferrol, unha escolma de poesía mapuche editado por Espiral Maior. Esta presentación correu a cargo da directiva da asociación Rosa Méndez, coñecida poetisa, ensaísta e especialista en patrimonio público.

Con ela estaban Omar Contreras, exiliado chileno, membro do Cosal, residente en España, practicamente desde o golpe de estado que acabou coa democracia en Chile e coa vida do Presidente Salvador Allende hai tres décadas. Tamén nos acompañaba Xulio L. Valcárcel responsable desta edición. Mágoa de que o director literario desta obra, Miguel Anxo Fernán Vello, non puidera finalmente estar.

Tras un vídeo de Guido Brevis, “Territorios de Frontera”, sobre a realidade do Pobo Mapuche, os tres contertulios fixeron un percorrido tanto pola realidade socio – política actual e histórica de Chile, como pola cultura deste Pobo que está a ser exterminado pola autoridades do país, baixo o argumento do “progreso” e o “desenvolvemento da economía”. Resulta estremecedor que isto pase nun país que ten como Presidenta a Michelle Bachelet, socialista represaliada pola Ditadura fascista de Pinochet. Chile vive aínda hoxe baixo a vixilancia dos militares e dos poderes fácticos, cunha Constitución promulgada polos traidores golpistas, con plena vixencia dunha lei antiterrorista que se aplica aos Mapuches, para defender a voracidade capitalista das grandes fortunas chilenas e das grandes multinacionais; algunha delas españolas.

Esta é unha escolma bilingüe mapuche – galega dos seguintes poetas: Elicura Chihuailaf, Graciela Huinao, César Millahueique, María Teresa Panchillo e Paulo Huirimilla. Vén acompañada dunha introdución á historia e a cultura mapuche a cargo do propio Xulio L. Valcárcel. Un libro que deberemos ler con atención.

Seguir lendo

Apuntes sobre o “Manifesto” de Marx e Engels

Manifesto_MarxEngelsTeño nas miñas mans a primeira edición en galego (de xuño de 2009) do Manifesto Comunista de Marx e Engels, editada pola Fundación Federico Engels. Debe haber, cando menos, uns vinte anos que non facía unha relectura desta obra que é o certificado oficial de nacemento do movemento obreiro moderno.

Unha das virtudes desta edición galega radica en que vén acompañada dos prólogos da alemá de 1872, rusa de 1882, alemá de 1883, inglesa de 1888, alemá de1890, polaca de 1892 e italiana de 1893. Estas últimas cinco feitas só por Engels. A primeira edición española foi publicada no periódico “El Socialista” e posteriormente, a dirección do PSOE a difunde en folleto en 1885 (é dicir, seis anos despois da fundación do Partido por Pablo Iglesias). A esta edición súmase un limiar de Alan Woods, que aínda interesante necesita dunha actualización en algúns pasaxes. Este limiar é a tradución dun texto datado en 1996.

Tras o triunfo da Revolución Francesa de 1789 os antepasados da actual dereita política e económica emerxen como clase dominante e rechazan a instauración dun goberno que defenda os dereitos do pobo. De feito os inimigos da democracia defínense, en oposición a ela, como liberais.

Marx e Engels son a fusión entre a filosofía clásica alemá e a esquerda xacobina francesa. Considéranse polo tanto como a esquerda do movemento democrático. O propio Manifesto fala de como o primeiro paso é a elevación da clase traballadora a clase dominante para a conquista da democracia. Obviamente, estamos a falar dunha democracia extensa, de pleno significado e profunda praxe política.

Unha das persoas que farán en clave marxista unha defensa radical da democracia será a polaca – alemá Rosa Luxemburgo. Non hai que esquecer que será Federico Engels o fundador do Partido Socialdemócrata Alemán (SPD) e no limiar ao programa do partido alemán encontraredes un pasaxe que fala da importancia histórica que ten para os traballadores o exercicio consciente do seu voto nas eleccións políticas. Non cae no “parlamentarismo”, el aposta por combinar a acción electoral co traballo nos movementos sociais, especialmente co movemento obreiro, que segue a ser a base da transformación da sociedade, de esa máxima expresión da democracia que en términos clásicos chámase simplemente socialismo.

En fin, recoméndolles a todas as persoas con capacidade de análise crítico, sen sectarismos e que aposte por outro mundo que é posible, esta edición galega cós amigos do Militante teñen a ben espallar.

Outra exposición de Víctor Gª Novás

VGN_060809

Víctor, primeiro pola esquerda

Mapas da Alma é o título xenérico da nova exposición que o amigo Víctor ten desde o día 6 até o 28 deste mes de agosto.

Tiven a ocasión, xunto cun medio centenar de amigos e amigas, de estar presente na inauguración o pasado día seis. A exposición está na Casa da Cultura, patrocinada polo Concello de Valdoviño e a Deputación da Coruña. A podedes visitar de luns a venres de 12 a 14 horas e de 20 a 21,30 horas e os sábados de 12 a 14 horas.

É unha exposición que paga a pena ir a ver. Nestes últimos anos Víctor creceu como artista, os seus cadros reflicten as cores das persoas e tamén do mundo do traballo. Dúas facetas que lle dan a este amigo unha perspectiva dunha arte que serve, non só para alcanzala beleza, senón para contribuír a cambiar o mundo.

Como sabedes Víctor é un artista claramente vencellado á esquerda e á Asociación Fuco Buxán.

Parabéns por esta nova exposición e aproveitade os días para ir a vela.