Lúa de Xemas Frías: o Pobo Mapuche Nación

Nunca fumos

o pobo elixido

pero matáronnos

no sinal da cruz.

(Salmo 1492, Graciela Huinao)

Este venres pasado, desde a Asociación Fuco Buxán, presentouse na Galería Sargadelos de Ferrol, unha escolma de poesía mapuche editado por Espiral Maior. Esta presentación correu a cargo da directiva da asociación Rosa Méndez, coñecida poetisa, ensaísta e especialista en patrimonio público.

Con ela estaban Omar Contreras, exiliado chileno, membro do Cosal, residente en España, practicamente desde o golpe de estado que acabou coa democracia en Chile e coa vida do Presidente Salvador Allende hai tres décadas. Tamén nos acompañaba Xulio L. Valcárcel responsable desta edición. Mágoa de que o director literario desta obra, Miguel Anxo Fernán Vello, non puidera finalmente estar.

Tras un vídeo de Guido Brevis, “Territorios de Frontera”, sobre a realidade do Pobo Mapuche, os tres contertulios fixeron un percorrido tanto pola realidade socio – política actual e histórica de Chile, como pola cultura deste Pobo que está a ser exterminado pola autoridades do país, baixo o argumento do “progreso” e o “desenvolvemento da economía”. Resulta estremecedor que isto pase nun país que ten como Presidenta a Michelle Bachelet, socialista represaliada pola Ditadura fascista de Pinochet. Chile vive aínda hoxe baixo a vixilancia dos militares e dos poderes fácticos, cunha Constitución promulgada polos traidores golpistas, con plena vixencia dunha lei antiterrorista que se aplica aos Mapuches, para defender a voracidade capitalista das grandes fortunas chilenas e das grandes multinacionais; algunha delas españolas.

Esta é unha escolma bilingüe mapuche – galega dos seguintes poetas: Elicura Chihuailaf, Graciela Huinao, César Millahueique, María Teresa Panchillo e Paulo Huirimilla. Vén acompañada dunha introdución á historia e a cultura mapuche a cargo do propio Xulio L. Valcárcel. Un libro que deberemos ler con atención.

Seguir lendo