Pepe Blanco, Rajoy e o Pacto anti crise

Do debate parlamentario do pasado 17 de febreiro hai que salientar tres cousas: a) evidencia as dificultades para acadar un Pacto de Estado que contribúa a unha saída progresista á crise económica – social que padece España; b) Rajoy recoñece a súa incapacidade para liderar unha alternativa democrática fiable; e c) Pepe Blanco é hoxe un dos grandes valores políticos do Goberno Zapatero.

A dereita española, aposta outra vez máis, pola estratexia de esperar a que se pudra a situación e co Partido Socialista se enfronte coa súa base social. Non hai que esquecer que precisamente a abstención dos votantes socialistas situados máis á esquerda foi o que lle permitiu a Aznar ser presidente de 1996 ao 2004.

Redundando nesa estratexia do PP hai que entender a solicitude de Mariano Rajoy ao Grupo Parlamentario Socialista para que cese ao Presidente Zapatero. É un recoñecemento expreso da súa incapacidade para liderar unha alternativa crible, mais tamén, sérvelle para seguir escondendo que a dereita española aposta por unha saída á crise segundo o modelo ultraliberal letón.

Un dos problemas para ese Pacto está en que hai que ten decidido que para saír da crise, esta a paguen unicamente os traballadores, reducindo salarios, pensións, precarizando máis as relacións laborais, cuestionando os fundamentos do Estado de Benestar. Reducindo en definitiva a Democracia. Temos unha dereita, que incapacitada para reivindicar o franquismo, reclámanse “pro-chinos” na súa proposta de modelo político e social e dun capitalismo de estado que lles permita uns bos negocios sen riscos.

Estamos ante á crise social española máis importante desde 1936. É evidente que o Goberno Zapatero fai fronte aos seus efectos sobre o emprego, intenta renovar o modelo de crecemento económico e defender os avances sociais e así como, afortalar o noso sistema de protección social no curto e longo prazo. E isto fíxose máis visible, fundamentalmente, coas políticas expansivas – clásicas da socialdemocracia keynesiana – tras a saída do ex Ministro Pedro Solbes.

Seguir lendo

Rajoy triunfa en Letonia

rajoy.jpg

A dereita mediática, tanto a tradicional como esa nova – que editorializa sobre o “Che” Guevara – andan na caza e captura do Presidente Zapatero, a iso curiosamente hai que engadirlle que significados “ex” que coinciden en materia económica coa Patronal fan de coristas do PP.

Ademais, o Presidente das Caixas de Aforro pide eleccións anticipadas senón hai un pacto social para saír da crise; é dicir, se os sindicatos e o Goberno non fan o que a voracidade da CEOE reclama, cando ten paralizados cento cincuenta mil convenios colectivos, co obxectivo de causar o maior dano á sociedade e aos traballadores. Tamén, é certo, que mentres tanto o Sr. Quintás logra agachar o debate sobre a súa propia xestión, sobre as prácticas especulativas que levaron ás Caixas de Aforro a contribuír á actual crise económica e de como se está a usar o diñeiro público no eido financeiro, e o que é moito máis importante, sobre a necesidade dunha gran banca pública onde estas teñen un papel que xogar, na dinamización e crecemento da economía produtiva e da creación de emprego estable e de calidade.

Mentres o xefe de patronos, Sr. Díaz Ferrán, esixe da Ministra de Economía que o Goberno non lle suba os impostos as clases de rendas altas, e que hoxe eufemisticamente chámanlles “aforradoras”, para agachar que por unha banda son responsables últimos da crise económica e agora, pretenden que se traspasen – outra vez máis – rendas do traballo a rendas do capital.

Hai que recoñecer que ao seu voceiro político, ao Sr. Rajoy empezan a facerlle caso. Hai quen está xa a aplicar o programa electoral da dereita. Aquí en Galicia, o Sr. Feijoó – co argumento da crise – pecha os hospitais pola tarde, saca a gratuidade dos libros de textos ao 70% da poboación escolar e os demais, dependerá segundo o baremo, reduce o número de profesores, reduce servizos públicos; para con estes cartos financiar ós centros escolares do Opus Dei, onde se practica o fundamentalismo relixioso e a segregación por razón de sexo.

Pero, onde máis caso lle fan a Rajoy é en Letonia. A redución do gasto social, tal como pide o PP para nós, significa neste país o peche de 30 hospitais e naqueles que seguen abertos os pacientes deberán pagar 35€ por cama; redúcese nun 50% os salarios dos mestres; o salario mínimo baixa un 20% e as pensións un 10%. Rajoy, De Cospedal, Saenz de Santamaría… deben estar pletóricos. Por fin, lles fan caso. En Letonia.