Lúa de Xemas Frías: o Pobo Mapuche Nación

Nunca fumos

o pobo elixido

pero matáronnos

no sinal da cruz.

(Salmo 1492, Graciela Huinao)

Este venres pasado, desde a Asociación Fuco Buxán, presentouse na Galería Sargadelos de Ferrol, unha escolma de poesía mapuche editado por Espiral Maior. Esta presentación correu a cargo da directiva da asociación Rosa Méndez, coñecida poetisa, ensaísta e especialista en patrimonio público.

Con ela estaban Omar Contreras, exiliado chileno, membro do Cosal, residente en España, practicamente desde o golpe de estado que acabou coa democracia en Chile e coa vida do Presidente Salvador Allende hai tres décadas. Tamén nos acompañaba Xulio L. Valcárcel responsable desta edición. Mágoa de que o director literario desta obra, Miguel Anxo Fernán Vello, non puidera finalmente estar.

Tras un vídeo de Guido Brevis, “Territorios de Frontera”, sobre a realidade do Pobo Mapuche, os tres contertulios fixeron un percorrido tanto pola realidade socio – política actual e histórica de Chile, como pola cultura deste Pobo que está a ser exterminado pola autoridades do país, baixo o argumento do “progreso” e o “desenvolvemento da economía”. Resulta estremecedor que isto pase nun país que ten como Presidenta a Michelle Bachelet, socialista represaliada pola Ditadura fascista de Pinochet. Chile vive aínda hoxe baixo a vixilancia dos militares e dos poderes fácticos, cunha Constitución promulgada polos traidores golpistas, con plena vixencia dunha lei antiterrorista que se aplica aos Mapuches, para defender a voracidade capitalista das grandes fortunas chilenas e das grandes multinacionais; algunha delas españolas.

Esta é unha escolma bilingüe mapuche – galega dos seguintes poetas: Elicura Chihuailaf, Graciela Huinao, César Millahueique, María Teresa Panchillo e Paulo Huirimilla. Vén acompañada dunha introdución á historia e a cultura mapuche a cargo do propio Xulio L. Valcárcel. Un libro que deberemos ler con atención.

Nesta introdución empézase co relato “Nunha idade remota, a serpente Kaikai, espírito maléfico que habitaba nas profundidades do mar, virou tola e provocou unha grande inundación: quería acabar cos homes e destruír a terra. Grazas que TrenTren, a serpente boa, deu a voz de alarma e aconsellou aos homes que subisen aos cerros para non perecer afogados.

Así o fixeron. Homes, mulleres e nenos escaparon ás alturas levando canda eles animais e alimentos suficientes para sobrevivir. Os cerros, coa axuda de TrenTren comezaron a ascender para afastar aos homes da ameaza, pero a poderosa KaiKai seguía elevando o nivel do mar para alcanzalos. Aqueles que non daban acadado os cumes transformáronse en peixes, dando así lugar a novas especies mariñas.

[…] Os Mapuches son os descendentes daqueles sobreviventes coñecidos como Llituches”.

Resulta extraordinario ver como temos neste relato unha versión, na Araucaria chilena, do diluvio universal e da Arca de Noé, que supostamente ocorreu no Próximo Oriente. Pero, ademais, a transformación dos homes en peixes, parecen ser a testemuña, a pegada, da evolución da vida na Terra. No mar está a orixe de todas as especies, e algunha de esas especies ten un eslavón que a conduce ao ser humano, que basicamente estamos compostos por auga.

En fin. Un extraordinario pobo e unha extraordinaria cultura. Liberdade e recoñecemento oficial, por parte das autoridades chilenas, para o Pobo Mapuche Nación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.