Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Money

Poden atopar na Rede, en versión de Liza Minnelli ou de Nacha Guevara, aquela coñecida canción chamada “Money”. Agora, convertida xa na banda sonora dos ex directivos da Nova Caixa Galicia, que recibiron unhas cuantiosas indemnizacións a costa dos cartos que todos nós puxemos.

Mais, creo que ninguén quedou sorprendido polo acontecido. Mentres, todos estamos a nos afogar por culpa da banca e dos especuladores que aproveitan para reducir dereitos, salarios e condicións de traballo da maioría da poboación; podemos comprobar como a política de entrega de capital financeiro público aos Mercados, leva ao mesmo sitio. A sacar unha boa tallada, sen pudor, sen vergoña en beneficio dos mesmos culpables.

Agás a coruñesa Mar Barcón, que axeitadamente presentou a súa dimisión como membro do Consello de Administración da Caixa, ninguén sálvase da queima. O Goberno Zapatero por poñer á fronte do Banco de España a un señor de dereitas como Ordóñez, a Xunta de Galicia cun Feijóo que xa ten bastante con ter quintuplicado a débeda galega e uns conselleiros da propia Caixa que están ás súas cousas e non para defender o ben común.

A renuncia a facer das Caixas unha banca pública en beneficio da política económica e social do País, leva a ter que asumir que como ben di a canción “os cartos poñen ao mundo a andar[…] diso estou seguro, pois son pobre”. Mentres o PP ferrolán reduce as becas para comedores escolares.

 Enlace a Diario de Ferrol.

Cen Dias

Fagamos un primeiro balance da nova Corporación de Ferrol. Dous elementos marcan a xestión do PP. É evidente que non prevían gobernar. Presentaron unha lista para estar na oposición e ir curtíndose á espera da seguinte convocatoria. Iso explica que para a área de Facenda, un dos eixos centrais de toda proposta política, tiveran que recorrer ao “concelleiro número trece”.

O outro elemento está na dura derrota das esquerdas, que seguen máis preocupadas en asuntos internos que en traballar nunha alternativa viable. Despertarán, ou volveremos á etapa de Juncal, onde os movementos sociais eran a verdadeira oposición?

Neste contexto, cunha dereita con maioría absoluta, pero obrigada a “facer máis dun apaño” vimos que estaban máis en laminar aos seus antecesores, co evidente intento de xustificar unha xestión máis que dubidosa (por exemplo a organización das festas, a política de subvencións a entidades da extrema dereita relixiosa ou a comedores de centros concertados), xunto con outras políticas típicas da dereita para xustificar máis recortes ou a supresión de organismos de control do gasto.

Agora, deberan serenarse dende o PP. E por xustiza, o señor Langtry (que recoñeceu a solvencia financeira de Ferrol), debera desculparse co seu antecesor. E o actual alcalde debera saber que dicir que somos “o concello máis barato de toda Galicia” sona a recoñecemento explícito de falta de xestión municipal.

Enlace a Diario de Ferrol.

Foro Social

Se por algo caracterízase Ferrolterra é polo seu dinamismo social. Sempre estivemos na vangarda democrática e da esquerda. Por iso, non é estraño que o 24 e 25 deste mes celébrese no Campus de Esteiro o primeiro Foro Social comarcal, nunha versión autóctona do Foro Mundial e fillo do Galego.

Necesitamos encontros cidadáns para dende a liberdade, na liña de pensar globalmente e actuar localmente, falar da calidade democrática, doutra política económica, do decrecemento e doutro modelo produtivo, duns medios de comunicación con información veraz e responsables, doutro modelo de xestión municipal e participativa, de que cousa é agora vivir ben… Para isto a convocatoria do Foro Social de Ferrolterra.

E precisamente – cando a maioría dos nosos políticos seguen na tarefa de implementar medidas neoliberais contra a sociedade que deberan defender – que os movementos sociais de Ferrol e comarca sexan capaces de sentarse para discutir sobre a realidade, propoñer accións e traballar en común, permítenos dicir que hai vida alén da reforma constitucional e do “pensamento único”.

A través dos movementos sociais, todos temos a oportunidade de opinar e influír, de marcarlle a axenda aos políticos, de ensinarlles que a democracia é moito máis que votar cada catro anos. Aproveitemos a convocatoria deste Foro Social e participemos nel como persoas libres, declarándonos polo tanto así en rebeldía.

Enlace a Diario de Ferrol.

Déficit

Para frear a presión das redes sociais, dos sindicatos e da revolta interna no socialismo español, o chamado “déficit constitucional” non incluirá unha cantidade específica na innecesaria e clasista reforma da Constitución, quedará para unha futura Lei Orgánica.

Mais, segue a ser outra cesión ao pensamento único neoliberal. O problema real do déficit non está no investimento público nos servizos sociais, senón no déficit nos ingresos por mor dunha fiscalidade insolidaria para os traballadores e as clases medias: as rendas do capital e das sociedades cotizan menos dun trinta por cento cós seus homólogos do norte de Europa.

Priorizar o déficit, antes ca recuperación económica é un dogma integrista do neoliberalismo, igual a aquel outro en boca de Fernández de Mesa de “a esquerda é un perigo para o benestar de Ferrol”. Estamos ante a submisión aos Mercados, na renuncia democrática ou, simplemente, na posición da dereita máis oportunista.

Hai quen dende a esquerda resígnase e renuncia a defender o Estado de Benestar. Os cidadáns teñen que tomar a palabra; só dende a súa mobilización, na confluencia entre o 15M, os sindicatos de clase e o tecido asociativo é posible facer fronte ás agresións dos responsables da crise.

Os parlamentarios do PSOE hoxe en Madrid – incluídos os dez deputados e cinco senadores do PSdeG – deben votar non á reforma constitucional. A saída da crise ten un camiño á esquerda.

Ver artigo no Diario de Ferrol.