Inocentes

Quizais sexa hoxe o mellor día para falar disto. Da pretensión dunha parte da “clase política” e os seus tertulianos que tomar á xente como parvos, inocentes que non saben ren. Pero, o único que están a conseguir é que a cidadanía quede farta e non queira saber deles. Ninguén parece asumir as responsabilidades do resultado das autonómicas en Cataluña, comezando por M. Rajoy cuxo partido é irrelevante alí.

Parece que Inés Arrimadas xa asume que non gaña as eleccións a lista minoritaria máis votada, senón aqueles que son capaces de formar goberno. Caeron outras inocentadas, como aquela da “maioría silenciosa” pero tamén aquelo do “refrendo soberanista”. Pero, que ninguén veña agora con aquelo da “convivencia e diálogo dentro da lei”. A única solución é unha reforma da Constitución en sentido federal e garantindo os dereitos sociais. O demais son “inocentadas” e ganas de enredar.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/inocentes/20171227235926211795.html

Déficit

Para frear a presión das redes sociais, dos sindicatos e da revolta interna no socialismo español, o chamado “déficit constitucional” non incluirá unha cantidade específica na innecesaria e clasista reforma da Constitución, quedará para unha futura Lei Orgánica.

Mais, segue a ser outra cesión ao pensamento único neoliberal. O problema real do déficit non está no investimento público nos servizos sociais, senón no déficit nos ingresos por mor dunha fiscalidade insolidaria para os traballadores e as clases medias: as rendas do capital e das sociedades cotizan menos dun trinta por cento cós seus homólogos do norte de Europa.

Priorizar o déficit, antes ca recuperación económica é un dogma integrista do neoliberalismo, igual a aquel outro en boca de Fernández de Mesa de “a esquerda é un perigo para o benestar de Ferrol”. Estamos ante a submisión aos Mercados, na renuncia democrática ou, simplemente, na posición da dereita máis oportunista.

Hai quen dende a esquerda resígnase e renuncia a defender o Estado de Benestar. Os cidadáns teñen que tomar a palabra; só dende a súa mobilización, na confluencia entre o 15M, os sindicatos de clase e o tecido asociativo é posible facer fronte ás agresións dos responsables da crise.

Os parlamentarios do PSOE hoxe en Madrid – incluídos os dez deputados e cinco senadores do PSdeG – deben votar non á reforma constitucional. A saída da crise ten un camiño á esquerda.

Ver artigo no Diario de Ferrol.