A capacidade de xestionar

Andan as entidades veciñais revoltas en Ferrol, e se por algo se caracterizan é por facer esforzos por levarse ben cos sucesivos gobernos municipais, sen importarlles a súa cor. Elas están a algo “tan conservador” como buscar solucións para os problemas do día a día dos seus barrios. Non teñen teñen tempo para retóricas.

Queren solucións a problemas reais e inmediatos e agora non hai escusas. Lembran aquelo de que Ferrol necesitaba unha maioría absoluta? Pois, parece que iso quedou nun simple eslogan de campaña. Agora, resulta que trece son menos que oito.

Outra cousa que sae mal é o populismo. A renuncia á recadación por infraccións de tráfico acaba de facerlle un burato ás contas municipais de dous millóns de euros, que a actual corporación popular pretende paliar subindo un dez por cento o IBI a toda a cidadanía. Iso si, deixando que os bens da Xunta de Galicia non tributen por este concepto, algo que ninguén pode entender.

Si, a xestión desta maioría absoluta descansa na afabilidade do alcalde Rey Varela e na fichaxe de Ponte Far, concelleiro de cultura. Pero, todo goberno serio necesita amosar a súa capacidade de xestionar as cousas que inciden directamente na vida da cidadanía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/capacidade-xestionar-5033429

Autoestima ferrolá

Acaban de pasar os cen primeiros días do novo mandato municipal en Ferrol. É certo que a maioría absoluta de José Manuel Rey facilítalle algunhas cousas: fixeron a reorganización municipal que estimaron oportuna. Ela permitiulle que nin tiveran bloqueos da oposición, nin houbo voces discrepantes de dentro do Concello. Tamén, hai que recoñecer a virtude do alcalde, que se vende como unha persoa máis achegada á xente na rúa.

Tras isto, unha vez máis, a maioría absoluta non é sinónimo nin de boa xestión, nin de saber que facer para que Ferrol avance como cidade europea que é. A política estatal contamina a local na pretensión de impoñer o pensamento único. Tanto que, desde o actual grupo de goberno, tiveron que desdicirse de graves acusacións contra o anterior alcalde.

As análises encontradas, sobre estes tres meses, só alimentan ás diversas parroquias. A maioría absoluta vai ser un impedimento para que haxa acordos por Ferrol? Vese como un dos grandes éxitos do anterior mandato, como foi traballar a prol da autoestima da cidade, fai augas. A falta de diálogo coa oposición, a incapacidade para corrixir erros na xestión e a “machada” do soterramento de San Francisco, dan idea dun mandato estéril. Oxalá estea equivocado.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/autoestima-ferrola-4452682

Marrocos

Todos acabamos de ver as imaxes dantescas dos efectos do terremoto en Marrocos. Creo que a inmensa maioría compartimos as mensaxes de solidariedade coa súa poboación. Mais, como sociedade, debemos condenar aos elementos da ultradereita e da dereita extrema, que rebentaron o minuto de silencio en Barcelona coas vítimas.

Como país debemos estar agradecidos aos grupos de bombeiros que, desde distintos puntos de España, van a prestar axuda humanitaria e coa decisión do Goberno de Pedro Sánchez de ofrecer a asistencia de unidades da UME e que foi aceptada polo goberno marroquí.

Permítanme unha proposta á actual corporación municipal: que coa participación de todos os grupos políticos municipais co alcalde José Manuel Rey á fronte, recibiran de xeito oficial á comunidade marroquí local, que ademais levan xa moitos anos sendo veciños de Ferrol e con unha primeira xeración xa nacida aquí. Aproveitemos para que eses camiños paralelos que temos, e que rara vez se cruzan, sirvan para coñecernos mutuamente. Deixar de ser uns grandes descoñecidos. Unha sociedade como a ferrolá é tal, cando todos participamos e achegamos os nosos esforzos, visións e necesidades a este proxecto común de cidade en construción permanente.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/marrocos-4435152

Salarios municipais

Veñen de se constituír as novas corporacións e os primeiros plenos, que serven para clarificar a organización interna de cada concello. Talvez o asunto do que, todos os alcaldes e grupos municipais, queren que se saiba pouco é das súas retribucións económicas.

Aí está Narón, onde a oposición á alcaldesa Marian Ferreiro votaron en contra da proposta previa a que eles mesmos chegaron. Outra mostra dese complexo está nas palabras sobre as novas retribucións do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, que pasa a ter un suba directa de máis de sete mil euros, un 15,4%. A xustificación para este incremento salarial foi que “non é unha suba, senón o resultado de actualizar o acordo salarial de 2019 coa aplicación do IPC”.

Si, hai mala conciencia, aínda que a estas alturas ninguén dubida que todo traballo ten que estar remunerado e acorde ás responsabilidades de cada cargo e persoa. Entón, a que se debe este medo sobre os salarios dos políticos e persoal de confianza? Apúntolles un par: Un populismo barato que busca embarrar e instalar a desconfianza contra da política, para que sexa exclusiva dunha elite. Que son os políticos quen deciden as súas propias retribucións.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/salarios-municipais-4353676

Un acordo por Ferrol

Ángel Mato e o grupo socialista lograron a aprobación do chamado “Convenio de Defensa”. Era tempo de pechar o estéril debate deste últimos trinta anos. Pode gustar máis o menos, podemos ser críticos con que o ministerio de Defensa actúe como unha inmobiliaria, pero tocaba resolver. Por iso, é de agradecer o cambio de opinión do Partido Popular e tamén de Ferrol en Común.

Pero, seríamos incautos se consideraramos o acontecido como a evidencia de que si podemos artellar acordos de cidade? Quizais o preto que están as vindeiras eleccións municipais obrigaron a mudar dinámicas de non colaboración co actual goberno municipal?

Así estes días Rafael Fernández Beceiro, novo concelleiro de Facenda, xa tivo que facer fronte ás acusacións por parte da dereita e do nacionalismo sobre o nivel de investimento. E el non deixa de ter razón. Aquel goberno de maioría absoluta de Rey Varela só foi capaz de facer a metade de investimento, có actual goberno en minoría de Ángel Mato. Como vemos, realmente o importante é ter un proxecto de cidade e lograr abrir dinámicas que permitan sumar e lograr implementar o consenso social na cidade. Ás veces, menos suman máis, porque é cuestión de vontade e de traballo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/acordo-ferrol-4204009