Arquivo por etiquetas: reganosa
Vídeo “Ferrol, polo mar e a vida”
Esta é un semana intensa para Fuco Buxán en Ferrol, o luns presentouse o número 23 de Razón Socialista, que contou coa presenza da tenente alcalde de Ferrol, Iolanda Díaz. O martes presentamos o vídeo “Ferrol, polo mar e a vida”, dentro do recoñecemento a Carmelo Teixeiro, Coordinador do Comité de Emerxencia e un dos fundadores da nosa asociación; e este venres en Sargadelos o libro “Votos de Riqueza” de Ignacio Castro.
Abaixo podedes enlazar ao vídeo que conxuntamente fixemos desde Fuco Buxán coa ONGD “Acsur – Las Segovias”. A presentación do acto foi da man do noso presidente Lalán, e a parte do vídeo tocounos a Silvia Chocarro e a min. Temos que agradecer, ademais, a presenza de Camilo Nogueira, e unha intervención non prevista do propio Carmelo Teixeiro, o cal estaba acompañado pola súa compañeira Victoria Fernández, e dous dos seus fillos: Carmelo e Noé, así como da súa familia, e moitas persoas vinculadas aos movementos sociais da ría de Ferrol. O acto foi pechado polos amigos d’A Revolta de Trasancos.
Coñezo a Carmelo desde marzo do ano 1991, e desde aquela teño colaborado día a día con el. Dicía na miña intervención algo que é ben certo: a miña vida non sería igual se non nos houberamos cruzado. Carmelo é un bo exemplo do carácter desta cidade, o seu nome está na mellor tradición de loita polos dereitos sociais e democráticos. O seu nome está unido ao dos Xaime Quintanilla, Julio Aneiros, os Pillado… ao conxunto do movemento obreiro que trouxo a democracia, as liberdades e o estatuto. Nel fúndese a mellor tradición do socialismo democrático, tanto político como sindical; sendo tamén un dos principais promotores da conciencia ecolóxica e no campo do desenvolvemento sostible da ría de Ferrol.
E este é un punto seguido. Vaille tal mal ao Grupo Tojeiro que xa están vendendo gas ao por menor, a través de camións cisternas. Non tardaremos os galegos, en base a aquel pacto siciliano asinado na etapa Fraga que protexía os intereses económicos dos promotores, en pagar do noso peto este ruinoso negocio.
Recoméndovos o visionado do vídeo, e pregamos a súa difusión. Ademais, ten unha licenza Creative Commons.
Ver vídeo en formato Quicktime (75 mb. Aprox.)
Ferrol, polo mar e a vida

O vindeiro 18 de decembro no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol, presentarase o vídeo que da título a este comentario, produto da colaboración que desde hai uns anos estamos a manter desde Fuco Buxán coa ONGD “Acsur – Las Segovias”.
Eses dez minutos e medio que dura a película é o resume do traballo que na primeira semana de xullo (adestramento e nocións en vídeo social), e na primeira fin de semana de agosto (montaxe), estivemos a facer coas dúas persoas chegadas de ACSUR: Silvia Chocarro e Ian Ingelmo. As nosas máis agarimosas grazas pola súa implicación cos nosos problemas.
Non contentos coa axuda que nos prestaron, eles enviaron ao Certame “Vídeo Diversidade” polo que a entidade convocante “Ecoloxistas en Acción” tivo a ben outorgar á nosa curtametraxe un dos accésits.
Este vídeo, ademais, entrará na rede internacional que esta ONGD ten para a difusión de problemáticas sociais. De feito, formará parte do Noticiario Intercultural, sendo ademais un programa que nesta ocasión compartimos con dúas asociación bolivianas: Casa Wayna Tambo e o Centro de Información Boliviano. O tema común é a sostibilidade medioambiental.
No noso caso, o tema central é a agresión de Reganosa ás nosas vidas e á ría de Ferrol. Tendo como hilo condutor durante todo o filme ao Coordinador do Comité Cidadán e primeiro presidente de Fuco Buxán, Carmelo Teixeiro.
Mágoa que neste proceso de aprendizaxe tiveramos que desbotar unha parte do material filmado, erros que se cometen en todo proceso creativo. Mais, o noso recoñecemento e as nosas máis sinxelas grazas a Monserrat Garel, a Xaime Gabarre, Gabriel Tizón, Alberto Saavedra, Luz Marina, a Milladoiro, ao Ateneo, ás Asociacións de Veciños de Ferrol Vello e do Ensanche A, ao IES Carvalho Calero e á Concellaría de Cultura do Concello de Ferrol. Grazas a todos os colectivos, especialmente ao Comité Cidadán e aos seus integrantes pola defensa da nosa ría ferrolá.
Grazas a todos pola axuda prestada, así como aos participantes ao curso: Xan, Ana, Rafael, Martín, Amador, María, Rocío, Paula, Mauricio.
E unha mención especial para Carmelo Teixeiro. O 18 de decembro non só proxectaremos un vídeo de temática social, senón que a parte máis importante será a do recoñecemento ao traballo que desde hai máis de trinta anos esta persoa leva facendo pola defensa medio ambiental da ría de Ferrol e a calidade das nosas vidas.
O traballo, moitas veces na sombra, ao longo de toda unha vida de Carmelo Teixeiro, obriga á nosa cidade, a esta ría, a un recoñecemento que sempre será pouco, para quen tanto nos deu e tan pouco recibiu.
Todos coñecemos do seu compromiso social e político na defensa dos valores humanos, dunha democracia de calidade e dunha sociedade cohesionada en base á xustiza social.
Grazas a ti Carmelo, por nos permitir durante todos estes anos estar ao teu carón.
*(Este artigo forma parte do número 23 da revista “Razón Socialista”, 2º Semestre 2007, editada pola Asociación Cultural Fuco Buxán).
Outra Galicia é posible
Estamos a mediados de lexislatura, e o noso Goberno acaba de presentar unha proposta de orzamentos que semella que queren deixar atrás definitivamente a era Fraga, pretendendo amosar o perfil máis social desta coalición de socialistas e nacionalistas.
Pero, ¿estamos percibindo a xestión da Xunta dun xeito claro? ¿Defendendo outra Galicia lonxe desa outra desartellada, onde o intervencionista clientelar, a dependencia política -económica e a mediocridade eran sinais básicas de case dezasete anos de fraguismo?
Se ben é certo, que hai un intento de marcar as pautas do que quere se presentar como unha nova etapa socialdemócrata, a verdade que aínda hai por resolver eivas como as prácticas clientelares na Cidade da Cultura, que deberan obrigar ao PP a unha fonda refundación con líderes novos. Culpable este tamén da falta dun novo Estatuto galego con novas ferramentas con que afrontalo futuro.
Outro tanto pasa coa persistencia nunha política enerxética – especulativa ditada polas “nosas enxebres” corporacións como o Grupo Tojeiro, Unión Fenosa, Endesa… e que na nosa comarca ferrolá plasmase nese “pacto siciliano” chamado Reganosa; amosan que xunto ás políticas sociais impulsadas por Zapatero en España, e que se traspasan á nosa terra; as liñas macro económicas seguen a estar orientadas nun perfil básico neoliberal, onde os poderes públicos seguen as directrices dunha minoría, que ante a debilidade do noso tecido industrial, repártense entre eles os negocios de Galicia.
Así hai cuestións herdadas do fraguismo que parecen intocables. Pero, ¿é só unha cuestión de asumir acríticamente un submodelo neoliberal clientelar, ou tamén de que ambos partidos chegaran á Xunta de Galicia sen un programa alternativo real e en moitos casos sen equipos humanos cos que substituír ao anterior?
¿Onde está a defensa da primacía do público sobre o entramado privado – clientelar? Quizais crean que fóra dos sectores automobilista, lácteo e naval, pouco temos que dicir nesta nova división internacional do traballo configurada pola globalización das multinacionais.
Quizais nada teñan que dicir ante un modelo universitario europeo ideoloxizado que pretenden reducilo a unha minoría clasista. Quizais nada teñan que dicir ante unha Europa, e un Tratado de Lisboa, que persiste na sacralización da “liberdade de mercado” que converte aos cidadáns en súbditos.
O certo que á maioría da poboación chéganos un discurso político bastante plano. En boa parte a valoración positiva que temos do noso goberno autonómico é porque preferimos obviar os defectos, esperando que nun futuro non moi lonxano a nosa esperanza fágase realidade.
Neste panorama os movementos sociais, que provocaron con Nunca Máis o cambio galego, seguen a marcar o camiño. Desde a ría de Ferrol a Corrubedo, desde o Courel á ría de Pontevedra; os seus herdeiros reclaman outra Galicia que é posible. Non son “antisistema”. Só son a base social do PSOE galego e deste BNG post beirista; cuxos dirixentes son perfectamente intercambiables e descubriron, repentinamente, ou iso cren, que trátase soamente de “xestionar mellor ca dereita”.
Erran, e como mostra aí está o resultado municipal que lle impediu obter a Deputación de Pontevedra ao PSOE. Facer país é algo máis. Desde a esquerda galega é necesario a reformulación da acción política, a discusión dun programa federalista e nitidamente post: Post fraguista e post capitalista. A reformulación do funcionamento dos partidos, e a súa conexión cos cidadáns; a reformulación dunha política económica e fiscal que está supeditada aos intereses dun empresariado que considera que o seu “dereito de propiedade” sobre o medios de produción esixe perpetuar unha clase traballadora precaria, “mileurista” nos mellor dos casos, e que reclaman constantes e insolidarias baixadas de impostos.
É o momento de conquerir a incorporación dun amplo sector de traballadores/as, das novas clases urbanas e das novas xeracións, que entenden que a galeguidade non está supeditado a un territorio, que o avance da democracia postliberal resultará da confluencia entre a esquerda tradicional cos movementos altermundialistas, os pobres e os inmigrantes elevados á categoría de actores políticos fundamentais.
*(Este artigo forma parte do número 23 da revista “Razón Socialista”, 2º Semestre 2007, editada pola Asociación Cultural Fuco Buxán).
FALSEDADE HISTÓRICA (Carta aberta a Aymerich)
Por Rafael Pillado (publicado no Diario de Ferrol)
Amigo Carlos, non considerei respostar o teu artigo de xuño, porque a única acusación que me facías, a mín e a outros, era a de ser afiliado do PSOE.
Pero chegado o momento. Precisamente, cando se firmou a acta de funcionamento da planta, coa pretensión de indemnizar os promotores cando se peche Reganosa. Vou mostrar como as túas “Catro verdades sobre Reganosa”, son medias verdades e falsedades:
Primeiro, seguindo a Reganosa, xogas coa planta de gas de Xixón. Escondes que si os promotores houberan querido, esa instalación no porto exterior estaría funcionando, sen oposición algunha.
Segundo, rexeito que o Comité Cidadán de Emergencia crítique soio o BNG. Na comarca de Ferrolterra hai tres organizacións políticas que reclaman “Planta de gas fora da ría”: EU, IF e TG. O resto, con posicions distintas no seo de cada quén, acatan a decisión do poder económico, entre eles o BNG, que mudou a posición que tiña con Xaime Bello.
Pero, hai que sinalar que, contra Reganosa dentro da ría, estamos xentes da dereita, da esquerda e do nacionalismo. Se trata de defendela vida e a supervivencia da ría. Nesa tarefa, non pode haber colores. Seguir lendo