Outra Galicia é posible

Estamos a mediados de lexislatura, e o noso Goberno acaba de presentar unha proposta de orzamentos que semella que queren deixar atrás definitivamente a era Fraga, pretendendo amosar o perfil máis social desta coalición de socialistas e nacionalistas.

Pero, ¿estamos percibindo a xestión da Xunta dun xeito claro? ¿Defendendo outra Galicia lonxe desa outra desartellada, onde o intervencionista clientelar, a dependencia política -económica e a mediocridade eran sinais básicas de case dezasete anos de fraguismo?

Se ben é certo, que hai un intento de marcar as pautas do que quere se presentar como unha nova etapa socialdemócrata, a verdade que aínda hai por resolver eivas como as prácticas clientelares na Cidade da Cultura, que deberan obrigar ao PP a unha fonda refundación con líderes novos. Culpable este tamén da falta dun novo Estatuto galego con novas ferramentas con que afrontalo futuro.

Outro tanto pasa coa persistencia nunha política enerxética – especulativa ditada polas “nosas enxebres” corporacións como o Grupo Tojeiro, Unión Fenosa, Endesa… e que na nosa comarca ferrolá plasmase nese “pacto siciliano” chamado Reganosa; amosan que xunto ás políticas sociais impulsadas por Zapatero en España, e que se traspasan á nosa terra; as liñas macro económicas seguen a estar orientadas nun perfil básico neoliberal, onde os poderes públicos seguen as directrices dunha minoría, que ante a debilidade do noso tecido industrial, repártense entre eles os negocios de Galicia.

Así hai cuestións herdadas do fraguismo que parecen intocables. Pero, ¿é só unha cuestión de asumir acríticamente un submodelo neoliberal clientelar, ou tamén de que ambos partidos chegaran á Xunta de Galicia sen un programa alternativo real e en moitos casos sen equipos humanos cos que substituír ao anterior?

¿Onde está a defensa da primacía do público sobre o entramado privado – clientelar? Quizais crean que fóra dos sectores automobilista, lácteo e naval, pouco temos que dicir nesta nova división internacional do traballo configurada pola globalización das multinacionais.

Quizais nada teñan que dicir ante un modelo universitario europeo ideoloxizado que pretenden reducilo a unha minoría clasista. Quizais nada teñan que dicir ante unha Europa, e un Tratado de Lisboa, que persiste na sacralización da “liberdade de mercado” que converte aos cidadáns en súbditos.

O certo que á maioría da poboación chéganos un discurso político bastante plano. En boa parte a valoración positiva que temos do noso goberno autonómico é porque preferimos obviar os defectos, esperando que nun futuro non moi lonxano a nosa esperanza fágase realidade.

Neste panorama os movementos sociais, que provocaron con Nunca Máis o cambio galego, seguen a marcar o camiño. Desde a ría de Ferrol a Corrubedo, desde o Courel á ría de Pontevedra; os seus herdeiros reclaman outra Galicia que é posible. Non son “antisistema”. Só son a base social do PSOE galego e deste BNG post beirista; cuxos dirixentes son perfectamente intercambiables e descubriron, repentinamente, ou iso cren, que trátase soamente de “xestionar mellor ca dereita”.

Erran, e como mostra aí está o resultado municipal que lle impediu obter a Deputación de Pontevedra ao PSOE. Facer país é algo máis. Desde a esquerda galega é necesario a reformulación da acción política, a discusión dun programa federalista e nitidamente post: Post fraguista e post capitalista. A reformulación do funcionamento dos partidos, e a súa conexión cos cidadáns; a reformulación dunha política económica e fiscal que está supeditada aos intereses dun empresariado que considera que o seu “dereito de propiedade” sobre o medios de produción esixe perpetuar unha clase traballadora precaria, “mileurista” nos mellor dos casos, e que reclaman constantes e insolidarias baixadas de impostos.

É o momento de conquerir a incorporación dun amplo sector de traballadores/as, das novas clases urbanas e das novas xeracións, que entenden que a galeguidade non está supeditado a un territorio, que o avance da democracia postliberal resultará da confluencia entre a esquerda tradicional cos movementos altermundialistas, os pobres e os inmigrantes elevados á categoría de actores políticos fundamentais.

*(Este artigo forma parte do número 23 da revista “Razón Socialista”, 2º Semestre 2007, editada pola Asociación Cultural Fuco Buxán).

4 thoughts on “Outra Galicia é posible

  1. Claro que outra Galicia é posible, e outra España, e outra Europa e outro mundo, pero os mimbres que temos para compoñer a cesta son os que hai, os que temos. Hai moitas cousas que cambear, pero por Deus que non sexa para un modelo de dereitas liderado por esta xentiña do PP. Coa ideoloxía da esquerda, pasa como coa familia, que é a que temonos, e é a que más amamos cos seus defectos e as súas virtudes.
    Mentres,en troques das lamentacións, poñerémonos a razoar como hai que facer as cousas para que estas abranguen as ilusións da maioría (que somos todos), e como hai que facer para desterrar ven lonxe de nós aos ambiciosos e oportunistas e colocar no seu lugar aos “bos e xenerosos” que hai que buscaslos alí onde se atopen, coste o que coste
    Feliz Nadal e un saúdo desde Teo

  2. “A reformulación do funcionamento dos partidos, e a súa conexión cos cidadáns”, para min unha das claves cara o futuro. Afilieime a un partido de esquerdas, ¡e a desilusión e tan fonda!,pero sin participación non hay democracia ¿non si?,¿qué pode facer enton un cidadan para participar en politica si os propios partidos llo impiden?,por iso me parece tan importante esa reflexión dentro de un articulo todo el interesante e cheo de ideas para reflexionar.

  3. Hai unha vía indirecta para obrigar aos partidos a ser fieis aos seus electores e militantes, cando desde os aparatos péchanse á participación. O traballo desde os movementos sociais aprol de obxectivos que afectan aos cidadáns, e que sirve para a elaboración dun “discurso forte”, que dificilmente, pode ser obviado polas élites gobernantes, a non ser a costa de abrir unha fenda cos electores que lles acabe por perder, a medio prazo, as eleccións.
    Hai unha boa reflexión de Gramsci sobre o papel “coactivo” e “ideolóxico” da sociedade civil e a súa influencia na política.
    Grazas a ambos (Rosa e Enrique), polo voso interese neste artigo. Podedes descargar a revista completa, se queredes, en http://fucobuxan.com

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s