De falsas vítimas

Beatriz Sestayo actúa como se fose vítima protagonista dunha suposta campaña de acoso, para tapar unha das peores derrotas e forzar un peche de filas entre os seus incondicionais. Non quere ver o dano que lle fai ao PSdeG local, a culpa sempre élle allea.

Este luns -con ausencias significativas- celebrou unha asemblea cun 20% dos afiliados. O máis salientable é que xa vai ter de xerente de urbanismo ao número seis da súa lista municipal e o cese (cuestión esta que non me causa especial sensación) da súa secretaria de organización, que tamén foi apartada da xunta do goberno de Ferrol en favor de Sas.

Revólvese” contra a “malvada” prensa, pero non entregou o seu escano parlamentario (de dedicación exclusiva) e está en boca da cidadanía polas retribucións que, a maiores, vai ter como membro da xunta de goberno, voceira e pola asistencia a plenos.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/falsas-vitimas/20150709003819128598.html

Dedicacións

Avanza o novo deseño do goberno de Ferrol. A nivel práctico, soamente, o novo alcalde e seis asesores veñen a reducir os seus salarios do erario público. Haberá que sumar os 560€ de asistencia por cada pleno para todos os seus membros, os 104 semanais para quen asista á xunta de goberno e os 38 por asistencia a cada sesión das comisións. Á marxe dos 140€ para os voceiros municipais.

No pleno do día 2 de xullo veremos exactamente o reparto. Pero, hai sete dedicacións exclusivas para un grupo de goberno que ten o mesmo número de concelleiros que o principal partido da oposición, que queda con tres e os nacionalistas cunha soa. Así, o grupo socialista de Sestayo con cinco concelleiras/os terá tres dedicacións exclusivas fronte ao anterior de Laso, que con dous concelleiros máis tiña só dúas. É ben coñecida a polémica dentro do PSdeG no mandato anterior.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Por Ferrol

As esquerdas ferrolás teñen que aproveitar a súa ocasión para facer unha aposta, de verdade, pola cidade. Hai necesidade dun verdadeiro programa conxunto que deseñe o futuro a curto e medio prazo, pero tamén sen cometer o erro de querer cambialo todo facendo penitencias innecesarias e alimentando á dereita.

O inmediato é unha auditoría das contas e frear pelotazos urbanísticos como o proxectado coa remodelación do mercado de Caranza. Tamén, hai que ter en conta como facer fronte á reforma local impulsada polo PP que pretende coaccionar aos concellos. Isto non é asunto menor. Por exemplo, afecta a como remunicipalizar a auga, a limpeza ou recuperar servizos sociais básicos.

Non se trata, simplemente, de xestionar ou representar. Senón, de recuperar a política con maiúscula, de ensanchar a democracia e o empoderamento da xente. Primeiro ás persoas.

Enlace a Diario de Ferrol.

Veredicto

O noso entorno inmediato terá alcaldes socialistas en Neda, Pontedeume, Cerdido, Cariño, Ortigueira, Capela, As Pontes, Monfero, Ares, Valdoviño e Miño. Así o apunta a lóxica política e matemática. Este resultado, nas comarcas do nordés da provincia da Coruña, pon na man do PSdeG a Deputación, que debe ser sumada ás de Pontevedra e Lugo.

Pero, o Partido Socialista recibe unha dura derrota en Ferrol. Non hai escusas. Non hai alcaldesa, nin lista maioritaria. Toca autocrítica, responsabilidades e cumprir cos compromisos adquiridos coa cidadanía. O primeiro que a candidata asuma o seu propio resultado, abandonando o Parlamento para encabezar o novo grupo socialista no Concello. Así, tamén, a fragmentada esquerda ferrolá debe resolver a prol da cidade, reflexionar sobre a súa fraxilidade e sacar conclusións adecuadas do ruxe-ruxe da xunta electoral de onte.

Enlace web a Diario de Ferrol.

María Vázquez

Hai feitos importantes como os deste último 14 de abril en Santiago e Miño. Onde os do PSdeG lembraron a figura da mestra republicana e socialista María Vázquez, asasinada na praia deste último concello en 1936. Lembrando a Dona María, celebran os socialistas galegos a primeira edición dos seus Premios de Igualdade.

No Miño natal da homenaxeada, comezou a xornada da man da súa secretaria local Catarina Morado, acompañada de Gómez Besteiro, Pilar Cancela e a ferrolá Eva Martínez -todos eles da executiva galega socialista- e da presidenta do PSOE, a andaluza Micaela Navarro. Parabéns.

Dous actos emotivos, cargados de memoria e de loita pola igualdade, máis tratándose dunha parte que segue agochada, porque o que aínda queda é sacar á luz o papel das represaliadas. Dobremente. Non esquezamos que a agresión sexual era unha práctica habitual franquista.

Enlaza web a Diario de Ferrol.