Paquí Pallá

A verdade que, cada día que pasa, o asombro é maior ante as noticias que teñen como protagonista ao PP. Dálles igual que haxa sentenzas xudiciais firmes, que a maioría dos ministros de Aznar estean procesados ou que a Garda Civil informe dunha empresa pantalla chamada “Paquí Pallá S.L.” vinculada ao financiamento irregular das campañas de Aguirre. O seu é tirar para diante, pasar de todo e esixir aos demais que calen a boca e escondan a realidade.

E isto chega tamén aos nosos concellos. Así, sen pudor, Diego Calvo pretende normalizar posibles pactos cos que odian a democracia e ás mulleres. Así, sen pudor, o alcalde dependente do PP de Miño pretende non falar dos quince millóns de euros das débedas do pelotazo do ladrillo, que lastran as finanzas municipais. Si, na ignorancia está a felicidade (do incauto). Pero, como di o voceiro socialista Manuel Faraldo, Miño é futuro, pero un futuro sen PP.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/paqui-palla/20190206221523247099.html

María Vázquez

Hai feitos importantes como os deste último 14 de abril en Santiago e Miño. Onde os do PSdeG lembraron a figura da mestra republicana e socialista María Vázquez, asasinada na praia deste último concello en 1936. Lembrando a Dona María, celebran os socialistas galegos a primeira edición dos seus Premios de Igualdade.

No Miño natal da homenaxeada, comezou a xornada da man da súa secretaria local Catarina Morado, acompañada de Gómez Besteiro, Pilar Cancela e a ferrolá Eva Martínez -todos eles da executiva galega socialista- e da presidenta do PSOE, a andaluza Micaela Navarro. Parabéns.

Dous actos emotivos, cargados de memoria e de loita pola igualdade, máis tratándose dunha parte que segue agochada, porque o que aínda queda é sacar á luz o papel das represaliadas. Dobremente. Non esquezamos que a agresión sexual era unha práctica habitual franquista.

Enlaza web a Diario de Ferrol.