Os traballadores de Megasa, en Narón, paralizamos a produción hoxe desde as 6 horas. A folga xeral é de 24 horas. Todo desenvolveuse con absoluta normalidade. Se a patronal segue sen querer negociar un convenio xusto a seguinte data de mobilización será o vindeiro domingo 24 de agosto.
Hoxe entraremos a traballar ás dez da noite, e ao saír este domingo ás seis da mañá, comezaremos a folga xeral á que nos obriga a ir a pechazón da patronal. Este mes estaremos catro días, basicamente eliximos os domingos porque é cando máis rendable sae a produción.
Sabemos que imos a un proceso longo. Os dous últimos convenios firmáronse porque hai xa un lustro estivemos dezaoito días en folga. Así que estamos mentalizados para chegar ao nadal, se fose preciso. O curioso é poder explicarlle á xente o que pasa, as nosas reivindicacións non son esaxeradas, probablemente aqueles que descoñecen como funcionan as empresas privadas as consideren pacatas. Se pinchades na foto ou aquí, poderedes ver como o Diario de Ferrol recolleu a roda de prensa do Comité de Empresa, formado por sete delegados de UGT e dous de CCOO (hai unha terceira sección sindical, nacionalista, pero carece de representación electoral).
Estes días, tras o primeiro debate electoral entre Zapatero e Rajoy percibíase un cambio na campaña do Partido Popular. Aquel Rajoy máis moderado daba paso ao extremista, que xa no propio debate lanzara inxurias contra o Presidente, entre elas aquela da suposta agresión ás vítimas do terrorismo.
A miña primeira impresión era que no PP quizais tiñan detectado que unha parte da dereita radical pro Aznar non tiñan claro si votar a Rajoy. De aí a dureza, outra vez do seu discurso; xuntábase tamén o catastrofismo en materia económica e, aquilo de “se rompe España”, e tamén, ese discurso racista e xenófobo contra a inmigración. Quizais o máis patético foi aquela intervención final de Rajoy dedicado a “aquella niña española”.
Si Rajoy, a diferenza de Aznar en 1993, non foi capaz de gañalo primeiro debate, o segundo, que vaise facer este vindeiro luns, evidentemente o ten moito máis complicado. Entre outras cousas porque desta os temas serán iniciados por Zapatero e ademais, as declaracións ao Financial Times do seu responsable de comunicación, Gabriel Elorriaga, amosa xa a verdadeira estratexia da dereita: provocar a abstención da esquerda sementando dúbidas sobre a situación económica, as Autonomías e a inmigración. Recoñecendo que en España, coa poboación europea máis á esquerda, non hai transferencia significativa de votos entre os bloques ideolóxicos, e que o triunfo da dereita está na abstención dos electores socialistas.
Con respecto ao debate galego a tres; Touriño, Quintana e Feijoo, quizais o máis salientable é que tanto o PSdeG e o BNG desta vez actuaron como socios de goberno, especialmente na defensa da política social e do modelo autonómico. Iso dálles unha vantaxe indubidable sobre o PPdeG. A resposta do líder da dereita galega así o amosa: “Sr. Touriño rompa o pacto de progreso co BNG e terá novo estatuto galego”. Lamentable. Feijoo non entende que ou estamos todos o non hai xogo. Parabéns ao bipartito.
Non quero deixar de facer un comentario sobre a campaña das XSG, á que teña moito aprezo. Débese, claro está, a que fun membro da súa Executiva Nacional a principios dos noventa. A súa é unha campaña moi dinámica. Que usa a fondo as posibilidades da Rede, ademais imaxinativa. Aí tedes o seu vídeo “Ti que queres ser de maior?”, as súas cuñas radiofónicas, aínda que a min gústame máis o cómic de campaña.
Manifesto o meu apoio aos candidatos ao Congreso por Ferrolterra, Xavier Carro, e tamén a Sandra Ríos, candidata ao Senado. A pesar da baixada no número de escanos que ten asinado desta a provincia d’A Coruña, estou seguro que coa vosa participación teremos a Xavier no Congreso representando os intereses das persoas da comarca. Fun un dos redactores da nota da UGT de Megasa, que fai que a nosa sección sindical publicamente se manifestara a prol da candidatura socialista.
En definitiva, non vos quededes na casa o 9 de marzo. Non deixedes co PP estrague a vosa vida. Galiza con Z de Zapatero.
O pasado 27 de decembro de 2007, sendas delegacións de UGT e do PSOE, encabezada polo noso secretario xeral Cándido Méndez e o Ministro de Traballo Jesús Caldera, respectivamente, tiveron unha reunión onde este último explicou ao sindicato o programa electoral con que o Presidente J.L. Rodríguez Zapatero concorre ás eleccións xerais do 9 de marzo de 2008.
Destacamos como acertadas as palabras de Cándido Méndez, reflectidas pola prensa: “Nós queremos ter incidencia nas leis e nos debates que afecten aos traballadores, e non ocultamos que pretendemos ter esa interacción a través do Grupo Parlamentario Socialista”.
Este domingo pasado sobre a dez da mañá o compañeiro Iván Arnoso morría atropelado por unha pala mecánica. Tiña pouco máis de vinte e tres anos e levaba un par de meses na empresa.
Os traballadores de Megasa, en Narón, seguimos conmocionados, de loito. Sentímonos moi pretos da familia. O sentimos de verdade. Sabemos que non hai xeito de paliar a perda dun fillo, dun ser querido, sobre todo cando prodúcese por mor dun accidente laboral.
Dende un primeiro momento chamouse á familia, e a Empresa aceptou a solicitude do Comité e permitiu a súa entrada na fábrica, vivindo momentos moi tráxicos, sumados á espera polo xuíz para levantalo cadáver.
É obvio que as medidas de seguridade fallaron. Os tres informes (da policía científica, da local e da inspección de traballo) servirán para que queden claro os fallos, así como as responsabilidades de onde se poidan, incluso, derivar actuacións penais polo propio xuíz. Non se pode producir por ningunha circunstancia a morte de ningún traballador.
Pero, ademais de conmocionados pola morte de Iván, estamos a asistir a un debate sobre as declaracións feitas polo secretario comarcal da CIG en Ferrolterra, Anxo Pintos. A familia puido comprobar de primeira man as circunstancias da morte deste compañeiro e, polo tanto, enfrontalas ás descritas por Pintos nos medios de comunicación. Quizais isto non o sabían desde a central nacionalista.
Cremos na fábrica que as declaracións incendiarias de Anxo Pintos, que eu escoitei as dez da mañá do luns 13 na Radio Galega, onde se mesturaban temas, moitos falsos (p.e. non se pode falar de precariedade en Megasa cando os indefinidos están sobre o 95% dos empregados, asistindo ademais a un proceso de xubilacións importante; en Megasa hai comedores e a xente os utiliza, a pala mecánica ten cinco anos…), e outras medias verdades; tiñan como obxectivo instrumentalizalo accidente mortal para crear unha gran alarma social cos propósitos dedar a imaxe dunha empresa terceiromundista, un comité colaboracionista e uns traballadores, “pobriños nós”, necesitados dun “salvador”.
Estas declaracións non foron para solidarizarse co falecido, nin coa familia, nin cos traballadores. Nin foron unha axuda para ninguén. ¿Entón, cal é o obxectivo real?