Hoxe entraremos a traballar ás dez da noite, e ao saír este domingo ás seis da mañá, comezaremos a folga xeral á que nos obriga a ir a pechazón da patronal. Este mes estaremos catro días, basicamente eliximos os domingos porque é cando máis rendable sae a produción.
Sabemos que imos a un proceso longo. Os dous últimos convenios firmáronse porque hai xa un lustro estivemos dezaoito días en folga. Así que estamos mentalizados para chegar ao nadal, se fose preciso. O curioso é poder explicarlle á xente o que pasa, as nosas reivindicacións non son esaxeradas, probablemente aqueles que descoñecen como funcionan as empresas privadas as consideren pacatas. Se pinchades na foto ou aquí, poderedes ver como o Diario de Ferrol recolleu a roda de prensa do Comité de Empresa, formado por sete delegados de UGT e dous de CCOO (hai unha terceira sección sindical, nacionalista, pero carece de representación electoral).
En fin, este domingo estou de folga!