A todos os traballadores/as de Megasa
O pasado 27 de decembro de 2007, sendas delegacións de UGT e do PSOE, encabezada polo noso secretario xeral Cándido Méndez e o Ministro de Traballo Jesús Caldera, respectivamente, tiveron unha reunión onde este último explicou ao sindicato o programa electoral con que o Presidente J.L. Rodríguez Zapatero concorre ás eleccións xerais do 9 de marzo de 2008.
Destacamos como acertadas as palabras de Cándido Méndez, reflectidas pola prensa: “Nós queremos ter incidencia nas leis e nos debates que afecten aos traballadores, e non ocultamos que pretendemos ter esa interacción a través do Grupo Parlamentario Socialista”.
Cándido Méndez non trasladou ningunha reivindicación concreta nesa reunión á espera de que UGT, como en anteriores lexislaturas, presente un documento balance que inclúa as súas principais reivindicacións. Algunhas das cales son:
Que o SMI alcance os 800 euros mensuais, na próxima lexislatura; Unha lei integral de Saúde Laboral; Seguir mellorando as pensións mínimas, establecendo ademais un complemento de solidariedade aos perceptores de pensións mínimas que viven sos; A aprobación dunha lei que fomente as políticas activas de emprego e a súa coordinación entre as distintas Administracións Públicas; Melloralo noso sistema educativo potenciando a Formación Profesional e universalizando a educación infantil; Que se defina un modelo fiscal en términos globais (non falar de xeito illado sobre determinadas figuras impositivas); E que se defina un modelo enerxético para o noso país, que nos permita abordar nun futuro a nosa situación de dependencia enerxética.
MCA – UGT Megasa, reclama ao conxunto dos traballadores e da sociedade a súa participación no proceso electoral sendo conscientes, ademais, de que a abstención ou a baixa participación prexudicaría á maioría social de esquerdas e á consecución dun Goberno de Progreso.
Esta sección sindical, quere agradecer publicamente ao candidato socialista Xavier Carro Garrote, así como ás Executivas, tanto comarcal, como galega de MCA-UGT, o seu interese e mediación ante a Administración Central na petición dos coeficientes redutores para os traballadores de Megasa, co obxectivo de adiantar a idade de xubilación. Expediente elaborado por MCA – UGT Megasa e entregado recentemente.
Facemos, polo tanto, un chamamento para arroupar a presentación da candidatura socialista este vindeiro sábado día 2, ás 12 da maña, onde ademais dos candidatos de Ferrolterra polo PSdeG – PSOE, Xavier Carro e Sandra Ríos, está prevista a presenza do Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño e do Ministro César Antonio Molina. Acto que se desenvolverá no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol, situado na Praza do Inferniño.