Loito en Megasa

Este domingo pasado sobre a dez da mañá o compañeiro Iván Arnoso morría atropelado por unha pala mecánica. Tiña pouco máis de vinte e tres anos e levaba un par de meses na empresa.

Os traballadores de Megasa, en Narón, seguimos conmocionados, de loito. Sentímonos moi pretos da familia. O sentimos de verdade. Sabemos que non hai xeito de paliar a perda dun fillo, dun ser querido, sobre todo cando prodúcese por mor dun accidente laboral.

Dende un primeiro momento chamouse á familia, e a Empresa aceptou a solicitude do Comité e permitiu a súa entrada na fábrica, vivindo momentos moi tráxicos, sumados á espera polo xuíz para levantalo cadáver.

É obvio que as medidas de seguridade fallaron. Os tres informes (da policía científica, da local e da inspección de traballo) servirán para que queden claro os fallos, así como as responsabilidades de onde se poidan, incluso, derivar actuacións penais polo propio xuíz. Non se pode producir por ningunha circunstancia a morte de ningún traballador.

Pero, ademais de conmocionados pola morte de Iván, estamos a asistir a un debate sobre as declaracións feitas polo secretario comarcal da CIG en Ferrolterra, Anxo Pintos. A familia puido comprobar de primeira man as circunstancias da morte deste compañeiro e, polo tanto, enfrontalas ás descritas por Pintos nos medios de comunicación. Quizais isto non o sabían desde a central nacionalista.

Cremos na fábrica que as declaracións incendiarias de Anxo Pintos, que eu escoitei as dez da mañá do luns 13 na Radio Galega, onde se mesturaban temas, moitos falsos (p.e. non se pode falar de precariedade en Megasa cando os indefinidos están sobre o 95% dos empregados, asistindo ademais a un proceso de xubilacións importante; en Megasa hai comedores e a xente os utiliza, a pala mecánica ten cinco anos…), e outras medias verdades; tiñan como obxectivo instrumentalizalo accidente mortal para crear unha gran alarma social cos propósitos de dar a imaxe dunha empresa terceiromundista, un comité colaboracionista e uns traballadores, “pobriños nós”, necesitados dun “salvador”.

Estas declaracións non foron para solidarizarse co falecido, nin coa familia, nin cos traballadores. Nin foron unha axuda para ninguén. ¿Entón, cal é o obxectivo real?

A CIG leva unha década fóra do mapa sindical en Megasa. Pasaron de ter o 100% da representación sindical a non poder sequera presentar listas ás eleccións. A práctica sindical en Megasa Siderúrxica desta central foi pactista e amarela, de costas aos traballadores. Foron moitas as eivas e as débedas que nos deixaron, e nos últimos anos, cando menos logramos poñer o contador a cero. Isto debera obrigarlles a unha primeira reflexión. A segunda é que baixo a bandeira do sindicalismo non vale todo. A familia e os traballadores merecen maior respecto.

Non estou cualificando á CIG, senón, simplemente, a práctica da súa sección sindical nesta empresa e as opinións desacertadas de Pintos, que probablemente tirou de informantes alleos á realidade da fábrica (hai cousas que un traballador de Megasa nunca diría). (Por outra banda, as direccións dos tres sindicatos galegos, basicamente, desenvolven a mesma liña sindical, deixando á marxe diferenzas de orixe ou “discursivas”. No mellor dos casos poderíamos cualificar como “socialdemócrata” a práctica de UGT, CCOO e CIG).

O primeiro pensamento segue a ser o compañeiro Iván e a súa familia. Non sabemos como explicalo. Sentímolo fondamente. Estamos coa familia e a súa dor… Realmente, non sei como describilo.

2 opinións sobre “Loito en Megasa

  1. Estimado Manolo:Ante el echo luctuoso en tu fabrica,quisieramos transmitir atraves de tu persona,nuestro pesame a los compañeros de Megasa.En nombre del Comite de Empresa,del cual formo parte,junto a otro Ferrolano y doce compañeros mas,COMITE DE EMPRESA DE MAYMO,TARRAGONA

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.