Paciencia

megasa140908

Si, empeza a escasear. Os acontecementos recentes no Concello de Ferrol non gusta, nin aos propios protagonistas. O que pasa é que toda a xente está a perder a paciencia.

Realmente, está en cuestión o papel das nosas Institucións. Para que valen uns políticos que non se poñen á fronte das necesidades dos cidadáns? Onde está a súa valía como xestores?

O PP local erra o tiro. Teñen que esixirlles solucións urxentes e razoables a eses “gobernos amigos” que miran para outro lado no naval e no caso da siderurxia, fomentan a competencia desleal por orde dos bancos que quebraron o país.

Desmantelar o Estado de Benestar e esperar sentados a que cambio o ciclo económico, conduce a ningures porque, polo camiño, caemos todos. A xente existe, necesita solucións e esperanzas dunha vida plena. Ofertar miseria e apostar por unha sociedade submisa é pegarse un tiro.

Enlace á columna “Letras de Cambio” (@DiarioFerrol).

Confesións a dúas antropólogas catalás

Directivos de Fuco Buxán con Susana Narotzky e Irene Sabaté

Do 22 ao 27 de marzo deste ano 2010, estiveron en Ferrol dúas antropólogas catalás – Susana Narotzky e Irene Sabaté – facendo un traballo sobre a Megasa Siderúrxica S.L., dentro dun estudo máis amplo da siderurxia en España, e tendo esta vez como centro principal de traballo a cuarta planta da sede da UGT. Na parte na que eu participei trata sobre as relacións que se establecen entre os traballadores da factoría, a empresa, o seu entorno e incluso como afecta as súas relacións familiares. As súas vertentes nas relacións intralaborais, sindicais, políticas, persoais… E esta tamén é unha primeira aproximación á historia social de Megasa, van volver máis adiante.

Quizais, outras das cousas que pasa con isto da antropoloxía é que de algún xeito son traballos que quedan inconclusos, sen rematar. Sempre hai posibilidade de darlle outro enfoque. Por iso, e como Narotzky xa estivo en varias ocasións aquí – ben invitada pola UNED, pola actual concelleira de cultura do Concello de Ferrol Mercedes Carbajales, ou pola Asociación Cultural Fuco Buxán – tamén estivemos falando sobre a transmisión da memoria histórica e a súa reelaboración para a acción política, os liderados carismáticos vs. liderados democráticos, a xénese dos movementos sociais, as estruturas circulares – horizontais dos movementos sociais democráticos fronte ás estruturas leninistas clásicas (absolutamente todos so partidos políticos son en maior ou menor medida organizacións de tipo leninista, militar), os 160 anos de movemento obreiro socialista e a necesidade dunha sínteses para unha nova praxis, Gramsci e o novo bloque histórico; e a xénese de Fuco Buxán… en fin, demasiadas cousas.

Seguir lendo

A responsabilidade dos traballadores de Megasa

Onte pecháronse vintecinco meses de conflito, e ábrese unha nova etapa coa aprobación do novo Convenio Colectivo e o acordo coa Empresa para a aplicación do Expediente de Regulación de Emprego; este último está xa na man da Autoridade Laboral a súa definitiva resolución. Na prensa hai un resume que podedes ler aquí.

A xente necesitaba tranquilidade ante o panorama de crise social que vivimos no país, pero ao mesmo tempo un acordo de convenio razoable. E dentro do contexto no que nos movemos, este está por riba das expectativas inicialmente pensadas.

Obviamente, hai cousas tanto no Convenio – que con caracter retroactivo aplicarase desde o 2008 até o 2011 – que gustan máis ou gustan menos, e tamén na proposta modificada de ERE que finalmente chega á Autoridade Laboral, pero, globalmente e un bó acordo.

Atrás deixamos dous anos e pico de conflito social, ten tamén custes persoais e sindicais, pero as cousas teñen o seu propio devir. As situacións ao longo de todo este tempo foron moi cambiantes. Con momentos bos e moi malos, pero a unidade dos traballadores e a unidade de acción dos sindicatos representados no Comité (UGT con sete delegados, CCOO con dous delegados), foron determinantes para chegar a porto.

Unha vez máis, quedou amosado que o maior capital de que dispón Megasa Siderúxica S.L., corazón do Grupo Megasa, son os seus traballadores.

Megasa: a negociación, unha trampa

Por Vicente Rivas

Secretario do Comité de Empresa por UGT

Tras 16 meses de negociación do Convenio Colectivo, os traballadores de Megasa, a siderúrxica galega, asentada no Concello de Narón, seguen sen poder subscribir un convenio, debido á postura da Dirección, encaprichada en que os traballadores hipotequen os seus dereitos coa firma dun convenio de aspectos sociais regresivos, con unha única desculpa; a crise.

Vicente Rivas no centro da imaxe

Vicente Rivas no centro da imaxe

A parte económica atrasou de maneira deliberada a negociación os primeiros meses do ano 2008, cando os resultados económicos da empresa presentaban un dos seus mellores momentos.

As necesidades expostas no anteproxecto de convenio pola parte social, baséase na regulamentación de aspectos de primeira necesidade: mantelo poder adquisitivo, regulamentar as categorías e promoción profesional, aplicación de contrato relevo aos 60 anos, complementar IT derivado de accidente de traballo, creación dun plus para os traballadores que exercen o seu traballo en sábado ou domingo, ou recortar a xornada laboral – na actualidade en 1774 horas e 45 minutos / ano-, non podía supoñer na negociación aspectos que motivasen unha postura patronal tan enfrontada, tendo en conta que no inicio da negociación, esta non presentou na mesa ningunha proposta da súa necesidade para incluír na mesma.

Seguir lendo

Malos tempos para a lírica

rodinpensador

Si, recoñezo que levo un tempo descoidando os contidos deste blogue. Pero, tamén é certo que tamén estamos en crise. Unha crise identitaria, de reubicación, de readaptación a unha realidade que por momentos supera a un. Ando dando saltos, sen o acougo necesario.

Van xa trece meses de conflito na miña empresa, e catro de cambio á sección de Acería; basicamente, a dirección da Megasa pretende usala negociación do convenio colectivo e a situación social para facernos retroceder varias décadas nos dereitos dos traballadores. Estamos nun longo conflito, e soamente se logramos resistir, lograremos consolidar as nosas posicións.

A vida familiar, con dúas nenas moi pequenas ocupa tamén moito tempo. Non o boto en falta, pero son consciente de que iso réstame tempo – sumado ás longas xornadas do traballo – para pensar, madurar, depurar e escribir. Tamén, é certo que hai tempo que xa pasei as febres bitacoreiras e agora, quizais – aínda que non o consigo – gustaríame publicar o verdadeiramente interesante, que modestamente, un poida aportar a este novo oficio de “periodista on line”.

Tamén é certo que ando revolvendo en iso do Facebook, que entrei aconsellado polo amigo Jordi Pedret. Pero, tamén asinei o manifesto “Sumando Ideas”, ou “Se resides, decides”. No primeiro caso, son crítico co propio manifesto, xa que creo que hai que ir alén da mera declaracións de intencións; hai no conxunto do partido socialista galego unha falta de valentía. E no segundo caso, porque considero que quen vive na casa, é quen ten que decidir; porque distorsiona a vida política galega e porque quero que as forzas políticas galegas maduren; ademais, obviamente, de que os que viven con nós, pero non teñen a nacionalidade, tamén deberan ter os meus mesmos dereitos.

Volvendo ao PSdeG – PSOE. Realmente as únicas persoas que apostan no socialismo galego teñen nome de muller: Carmela Silva, Mar Barcón, Laura Seara, Loli Amoroso… Realmente, son o único novidoso do meu partido, que ultimamente ten a agulla mareada. Si, prometo publicar (ou ameazo) unha reflexión sobre o rumbo que debemos tomar como partido socialista e galego.