Auga

 

Si, a xestión do alcalde José Manuel Rey fai auga. O conflito do saneamento e as novas taxas da auga, que gravan as economías dos ferroláns, veñen dados pola incapacidade da dereita local para defender Ferrol, fronte á Xunta de Galicia.

Pretenden darse un titular nesta longa precampaña de cara ás eleccións municipais do 2015. Mentres, Augas de Galicia e a Xunta escabullen a súa obriga de poñer en marcha todo o proceso do novo saneamento. Non vaia ser que haxa problemas; e de paso fan negocio a costa dos cidadáns.

A falta de sangue da dereita ferrolá, vólvese contra deles. A rebelión entendible de Narón, só é o primeiro paso para a rebelión da propia veciñanza ferrolá, contra unha dereita incapaz de defender o ben común. Unha dereita que está de xeonllos ante os intereses crematísticos duns poucos. Acaba o alcalde ferrolán de pegarse un tiro no seu propio pé.

Enlace web á columna Letras de Cambio (@DiarioFerrol).

 

Tres aseos

Antonte un amigo facía un chascarrillo nas redes. Dicía que vira na rúa, como o noso alcalde acababa de “inaugurar” as etiquetas dun contenedor. Evidentemente, facíao a conta da “inauguración oficial” de tres aseos públicos do cemiterio municipal, hai trinta días.

A obsesión polas cuestións mediáticas, só explican chegar ao extremo de converter en feito político o papel hixiénico. Pero, tamén, algúns corren o risco de darlle á oposición unha imaxe como esta, para toda unha campaña electoral.

Falta xestión, evidentemente. Imaxinación e ao mesmo tempo, é unha parábola da crise actual. Reflicte, tamén, que na nosa democracia os partidos políticos, xa non son a conexión coa sociedade; os medios de comunicación ocupan esta faceta. Pero, a voracidade política, failles caer nestas auto-trampas.

Enlace a @DiarioFerrol

Pobres

Comezamos o ano sabendo que Ferrol ten a taxa de risco de pobreza máis elevadas das grandes cidades galegas. Os nosos ingresos son os máis baixos e preto dun 40% da xente vive só das prestacións sociais e a metade das familias teñen algún tipo de axuda.

Os que teñen unha situación económica normal son, fundamentalmente, os traballadores directos de Navantia e xubilados. A maiores, a cuarta parte da poboación ten máis de 65 anos.

Si, hai varias décadas de derrube da cidade. Pero, tamén, xa vemos cales os efectos da xestión do PP. Estes días, asistimos ao peche xeneralizado das compañías do naval. Máis exclusión e máis xente condenada a marchar.

Este goberno municipal tivo os cartos do Concello inmobilizados para xustificar un “plan de axuste”. Agora, pretende confundir xestión con cemento. Pero, a xente é o importante. Provocar desacougo conduce a Burgos.

Enlace web a @DiarioFerrol

A carta

Os “bolcheviques” do PP diante da SEPI

Dende logo o PP ten capacidade mediática. Douscentos cargos públicos en autobuses a Madrid. Mais, erraron no seu camiño; ían pedir contas polo naval, pero foron xustiño a xunto de aqueles que están postos a dedo. É de supoñer que estes últimos lles aclararían que só son uns mandadiños.

Se fosen a ver a ese ilustre galego que preside o Reino de España, ou cando menos ao ministro do ramo, sería máis creible. Pero, está ben saber que a dereita local, acompañados de Juan Fernández, son o sector bolchevique do PP. Iso si, faltaba o ilustre director xeral da Garda Civil. Aínda así, imaxino a cara de estupor dos policías que tiñan diante.

Pero, que quede tranquilo o alcalde de Ferrol. A súa carta chegoume. Mais, igual resulta que pensa que o Goberno non goberna e que os directivos do naval non foron postos aí pola dereita. Alcalde, vémonos no próximo piquete?

Enlace a @DiarioFerrol

De Festas

Noria_OGrove2013

Foi no twitter onde, na tarde do sábado, entereime de que se caía o escenario habilitado para as festas de Ferrol, do das dúas grúas para mantelo en pé, e de que dicíase da concelleira responsable que non se esperaba que se fixera cargo das súas obrigas, porque estaba de vacacións.

Tamén, fun testemuña de como as atraccións situadas no porto estaban baleiras o venres á noite. Moitos, dos seus donos, optaron simplemente por apagalas. As familias que por alí andábamos contábanse cos dedos dunha man.

Si a esto unimos as polémicas, polas novas obras da Praza de España e da contratación das festas, podemos aventurar que teremos moito de que falar cando fagamos balance. Seguro que esta curiosa xestión das festas e algunha que outra incidencia máis, darán aínda moitos twits.

Un apunte. Eu tamén boto en falta músicas das nosas xentes, desta terra e deste tempo.

Enlace a Diario de Ferrol.