De Festas

Noria_OGrove2013

Foi no twitter onde, na tarde do sábado, entereime de que se caía o escenario habilitado para as festas de Ferrol, do das dúas grúas para mantelo en pé, e de que dicíase da concelleira responsable que non se esperaba que se fixera cargo das súas obrigas, porque estaba de vacacións.

Tamén, fun testemuña de como as atraccións situadas no porto estaban baleiras o venres á noite. Moitos, dos seus donos, optaron simplemente por apagalas. As familias que por alí andábamos contábanse cos dedos dunha man.

Si a esto unimos as polémicas, polas novas obras da Praza de España e da contratación das festas, podemos aventurar que teremos moito de que falar cando fagamos balance. Seguro que esta curiosa xestión das festas e algunha que outra incidencia máis, darán aínda moitos twits.

Un apunte. Eu tamén boto en falta músicas das nosas xentes, desta terra e deste tempo.

Enlace a Diario de Ferrol.

Marca Ferrol

Vén de acabar a Semana Santa ferrolá e cunha gran presenza de turistas foráneos. Algo có alcalde José Manuel Rey seguro que celebra. Quizais, non guste tanto da procesión laica, que tamén saía estes días, en defensa do naval.

Días atrás no Club de Campo, o alcalde facía un chamamento para cambiar a “politización e a conflitividade laboral mal canalizada”. Como fiel representante da dereita amosa os seus prexuízos, cando se trata da procura da plena cidadanía. Realmente, as súas teses evidencian a incapacidade histórica dunha dereita ferrolá que falta de proxecto de cidade e de dinamismo, bastáballe con ser liberal de cafetín, pero dependente de negocios fáciles baixo corda co sector público. Incapaz de defender unha verdadeira idea de libre empresa e incapaz de defender Ferrol, como proxecto colectivo.

José Manuel Rey, seguindo estes regos, so aspira a seguir sendo alcalde co único apoio da nomenclatura do seu partido e do tocado presidente Feijóo. Aínda que isto poida acabar por levar á cidade á barreira dos cincuenta mil habitantes. Esta batalla do naval é decisiva para asegurar a existencia de Ferrol, dentro desa cota que chamamos “grandes cidades galegas”.

Outra cousa é que agora tócalle ao PP; e a el sumar á cidadanía fronte as pretensións de desmantelar Navantia, agachado eufemisticamente no “plan de axuste”. É dicir, mobilizarse contra o seu propio partido.

Pero, é certo que historicamente en democracia, a cidade foi construída dende a esquerda. Que foi o movemento obreiro ferrolán quen máis aportou ao avance social. Que foron as forzas de esquerda, os sindicatos e os movementos sociais –sendo o socialismo o aglutinador– os que marcaron os grandes feitos. E estes seguen a ser os cimentos para a saída da crise existencial da cidade departamental. O pacto necesario da esquerda por Ferrol (fronte a unha dereita local que sempre vai a refugallo).

Enlace ao Boletín número 4 do PSdeG de Ferrol.

Ana Pastor

Foi moi interesante o encontro, deste sábado pasado, de Ana Pastor cos cidadáns que participaban na protesta á entrada de Renfe. Como é posible que a Ministra de Fomento non soubera da oposición á traza sur para o acceso do tren ao Porto Exterior?

Que non soubera que esta opción supón unha grave agresión, que parte a cidade de Ferrol en dúas, que deixa fóra os polígonos, que machaca en definitiva a Malata? Entón, que falou co alcalde? É certo, un alcalde non pode ser un “voceras”, pero tampouco ser un “confrade dos caladiños”.

Dando por boa a disposición de Ana Pastor á escoitar as demandas ferrolás, esta deixa o camiño aberto para unha traza norte definitiva. A non ser, que moita da culpa sexa dun alcalde, metido a delegado mudiño dun poder alleo e que esquece defender a súa cidade. Debe José Manuel Rey aprender da súa Ministra e tomarlle a palabra.

Enlace web á columna “Letras de Cambio” (@DiarioFerrol)

Posado Twitteiro

@JoseManuelRey_posadotwitteiro

Trinta mil ferroláns saimos o domingo defendendo o naval. Non todos somos de Navantia, pero si conscientes da fundamental importancia que ten para a supervivencia de Ferrolterra. Trinta mil, que sabemos que será pola forza da nosa teima, en defender unha forma de sentir e vivir.

Así, mentres a manifestación atrancábase no túnel da Praza de España, o alcalde de Ferrol posaba diante do ambulatorio. Non son poses o que necesitamos. Aínda que lles pese, manifestarse hoxe é facelo contra as políticas da dereita. Por iso, hai que esixirlle resultados tanxibles a José Manuel Rey; agora tócalle a el.

Porén, o tweet do alcalde amosa que o futuro do naval depende da capacidade dos cidadáns, do movemento sindical e da unidade do conxunto da esquerda. Fronte á dereita e aos sectarios das “dúas orillas”: Unidade e mobilización. Ferrol e o naval, Dique Si!

Enlace web á columna “Letras de Cambio” do Diario de Ferrol.

Piratas

A dereita sabía que as súas medidas económicas ían provocar esta recesión aguda. Buscaban só amolar á poboación e un instrumento para a dominación. Trasladaron ese esquema ao conxunto do país e das institucións.

Unha proba a temos en Ferrol. A herdanza recibida polo alcalde Rey Varela foi a dun concello solvente, pero seguiron directrices. Os cartos municipais paralizados e un plan oportunista de axuste que implica desmantelar servizos públicos, padroados municipais e o Imfacofe.

Os orzamentos do 2013 responden a ese criterio ideolóxico. Os socialistas debatendo dentro do seu grupo municipal e coa executiva local, responderon adecuadamente cun non rotundo. Quizais non esperabamos que dous días despois o PP se auto emendaría e piratearía as propostas dos socialistas. Ferrol ten unha alternativa de esquerdas e unha dereita que cada día está máis illada.

Enlace á columna “Letras de Cambio” no Diario de Ferrol.