Emprendemento

Importante noticia a recollida por este xornal e, máis, cando aínda estamos saíndo a poucos (sexamos optimistas) desta estraña situación da Covid-19: o programa de apoio ao comercio minorista, subscrito polo Ministerio de Industria e as Cámaras de Comercio coa participación da concellaría de Promoción Económica de Ferrol, encabezada por Mayte Deus.

Dar apoio a este sector maltratado polas diversas crises económicas, sanitaria e a competencia desleal das grandes plataformas globais e fomentar alternativas para locais vacíos e novos emprendementos é unha necesidade que debera axudar aos autónomos e ao comercio de proximidade.

E hai que ser extremadamente didácticos. Explicar claramente a contía das axudas, destinatarios finais e simplificar trámites. Así como facer pedagoxía cando se refiren ao “laboratorio de ideas” ou como van facer realidade os “grupos motor”. A iniciativa paga a pena.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3337468/emprendemento

De compras

A verdade que tenme desconcertado isto do “Black Friday”. Un invento que as grandes plataformas de internet pretenden estender ao conxunto do planeta, para que todo pase por elas en exclusiva.

Realmente, descoñezo cal é a ganancia para os negocios de proximidade nesta anarquía comercial. Dubido moito que sexan capaces de aguantar o desgaste ás que as están sometendo, por iso entendo perfectamente a “rebelión” do comercio pontevedrés e creo que o ferrolán gañaría se se sumaran á mesma.

Hai tamén unha “batalla cultural”. Acabar co consumidor tradicional para fomentar outro compulsivo que busque cousas que non necesita e a prezos que, en verdade, non son tan competitivos como nos presentan. Especialmente, por comprar neste mercado do “efémero”. De feito, todos sabemos de establecementos que gardan os produtos de temporada para ofertarnos do que levan anos sen poder desfacerse, legal pero de dubidosa ética.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3318584/compras

O norte de Galicia

Nestes días, a alcaldesa de Lugo Lara Méndez e o alcalde de Ferrol Ángel Mato facían causa común para esixir que, as dúas cidades, tiveran as comunicacións adecuadas co resto do país. Para mostra da situación, o que está a acontecer nas liñas de buses Ferrol Coruña, que só “funcionan” cando – previamente – anúncianse que van a facer presenza os inspectores da Xunta.

Cuestión que repítese co trazado do tren á cidade herculina, a exclusión do AVE ou, de facto, das infraestruturas do Eixo Atlántico. Todo isto, cunha hexemonía da dereita nos corenta anos de Autonomía, hoxe con Feijóo á fronte. Pero a cuestión deste desleixamento do PP con Ferrol vén da man de que o presidente da Xunta representa – fundamentalmente – os intereses cativos da dereita coruñesa.

Sumar esforzos con Lugo é un asunto estratéxico. Máis sería axeitado engadir un pacto por Ferrol. Poñer á cidade e á comarca por diante, por unha vez.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3231096/norte-galicia

Pepitas

É certo que teño devoción por esta cidade nosa. Ferrol coas súas afoutezas e coas súas debilidades. É certo que son dos que pensa que necesitamos de cousas que unan, que sirvan para apuntalar un relato común necesario para todo proxecto de cidade.

É certo, tamén, que teño recoñecido nestas páxinas, xa hai uns anos, que as Pepitas – que este ano celébranse en setembro por mor da pandemia – eran practicamente o único que formaba parte da nosa identidade común, por riba de leas sociais ou políticas.

Máis, nos últimos anos, estamos a construír ese novo relato que, a poucos, van deixando de lado o vitimismo e o desleixo que afecta a Ferrol: As Meninas, O Camiño Inglés, Ferrol da Ilustración, Batalla de Brión… Poden parecer cousas pequenas, pero son fundamentais como banda sonora da cidade soñada e que, por tanto, seremos. Porque, a ciencia certa, somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3151040/pepitas

De Novo Armas

A verdade que un non deixa de sorprenderse cando saen determinados “debates políticos” no Concello de Ferrol. De verdade que había que levar ao pleno municipal o mantemento ordinario da Praza de Armas? Cuestión que, como moito, dá para tratar en Comisión? Pero, segue a dereita ferrolá sen aceptar que é un erro a súa posición sobre manter, no seu chan, o aparcadoiro?

É certo que hai grupos minoritarios en redes sociais que seguen facendo ruído, pero que realmente, dálles igual este asunto ou outro calquera. Len só o titular da noticia e a partir de aí arde Troia. O problema é que desde a dereita, así, as están alimentando, sen decatarse que están inflando ao seu inimigo pola dereita. Unha mágoa que as Confrarías, por causa do Covid-19, non poidan saír esta Semana Santa á rúa, porque esta nova Praza de Armas adáptase moito mellor ás súas necesidades e acabaríamos, creo, con esta polémica estéril.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2816761/novo-armas