Elegancia

Nos últimos tempos os partidos políticos están dando cursos de comunicación aos seus cargos públicos. Máis, deberan implementar esa formación cuns consellos de elegancia política, xa que todo non é pose, nin se soluciona con ter tres periodistas de man.

Así, se prometes gañar unhas eleccións case con maioría absoluta e non sacas nin a metade, tes que asumir a responsabilidade dentro e coa cidadanía. Se quen estivo contigo asume responsabilidades que ti non queres asumir, debes dar as grazas pola súa lealdade. Se che critican os que antes estaban, non os podes acusar alegremente e se o fas, xulgado, luz e taquígrafos.

En resumo, nese manual de elegancia deberan ensinar que sempre hai que cumprir coa palabra dada, e que en política só hai un xeito de asumir responsabilidades: conxugando, en primeira persoa, o verbo dimitir. O demais é xogar ás agachadas.

Enlace web DiarioFerrol

Enlace web Ideal Gallego

Municipais

QuñielasCandidatosFerrolLocais2015

Quiñiela das e dos candidatos, Locais 2015.

As eleccións locais son moi especiais por dous motivos. Porque, son as que os cidadáns viven máis de preto, e porque, historicamente -na Europa occidental- a tradición rebelde dos pobos comeza enfrontando ás cidades e vilas contra os poderes despóticos.

Son nas que as e os cidadáns soen coñecer directamente aos candidatos/as e esíxenlles solucións viables aos seus problemas inmediatos. Á marxe de que, no noso caso, aos de “Ferrol en Común” de Yolanda Díaz haiba quen os confunda cos da “Marea Ártabra”.

Os electores non son xentes irresponsables, nin masoquistas. Nin unha campaña ou enquisa substitúe un resultado electoral. Simplemente, recóllese o sementado ao longo do tempo. Ademais, para cambiar un goberno municipal a alternativa ten que ter credibilidade e capacidade de liderar un novo proxecto de cidade. O 24 de maio a veciñanza dará o seu veredicto.

Enlace web a Diario de Ferrol

Recimil 2020

Foto ©AVV San Fernando Recimil (Ferrol)

O alcalde José Manuel Rey quere agora un pacto para Recimil, a sete meses das eleccións municipais. Quizais porque prevese que van mudar as correlacións de forzas no Concello. Así, o posible acordo deberá ser referendado polas direccións dos partidos ferroláns, ao estar todos os grupos municipais á espera da súa renovación.

Pero, evidentemente, a base do pacto non pode ser o seu programa, Ferrol 2020, que pretendía amontoar a aqueles veciños que non puideran botar, para dedicar o resto do barrio a un novo pelotazo urbanístico. Todo acordo pasa pola rehabilitación integral, por recoñecer os dereitos dos propietarios históricos e por poñer ao día a todos aqueles inquilinos que, verdadeiramente, necesiten da solidariedade.

As máis de mil vivendas, os cento vinte locais existentes, dan para unha intervención nos eidos da dinamización económica, cultural e dos servizos. Así, tamén para unha importante oferta de alugueiro social que, en definitiva, require da constitución dunha empresa municipal ferrolá da vivenda.

Enlace web ao Diario de Ferrol (Columna “Letras de Cambio”).

Ferrol Cre

 

ferrol cre

Hai cousas xa imparables. As crebas producidas o 25 de maio obriga aos partidos a abrir as súas ventás, para que entre o aire fresco. E no Partido Socialista non podía ser menos.

A elección do novo secretario xeral do PSOE “á galega” é unha consecuencia desa crise de lexitimidade que sae das recentes eleccións europeas. Veremos se finalmente sae Sánchez co que Tapias reste a Madina, ou se pola contra aqueles que avalaron ao segundo, van agora votar por este último, para asegurarse que a vella garda marche.

Pero, iso non abonda. Hai que recuperar a credibilidade e a militancia perdidas. Novos mensaxes e novas voces, para un tempo novo. De aí as recentes xornadas “Ferrol Cre” das súas secretarías de política municipal e de comunicación. Unha aposta por unha nova cultura política, que debe ubicar aos socialistas no corazón dunha cidade que cre na súa xente.

Enlace a @DiarioFerrol.