Aparcadoiros disuasorios?

No Ensanche A queren algo máis que palabras.

Non queren probar a perderse no labirinto que sempre supoñen eses macro proxectos que se anuncian para dinamizar o centro comercial de Porta Nova. Son partidarios de aquel vello refrán que fala de que máis vale paxaro en man.

Hai que salientar que é de todo comprensible que a Asociación de Veciños co seu presidente, Rafael Leira, reclamen unha pronta reapertura do aparcadoiro da praza do Inferniño coas súas 325 prazas.

Incluso sería entendible que, con esta política de aparcadoiros “disuasorios” de Canido e San Xoán, outros barrios ferroláns queiran estender este tipo de solucións de balde ás súas demandas e, máis, cando até agora foron os veciños e traballadores desas zonas o principais beneficiados, seguramente, únicos. É dubidoso que usuarios foráneos usen con normalidade eses dous aparcadoiros de referencia.

Evidentemente, nesta xeira para o Ensanche A – que ten a sensación de non ser debidamente atendido – habería que buscarlle entón algún tipo de compensación. É dicir, unha pronta reapertura, decidir que tipo de xestión necesita o aparcadoiro e que tipo de grandes bonificacións son necesarias para resultar ser definitivamente “disuasorio”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/aparcadoiros-disuasorios-5000559

Hai máis Ferrol

A mediados do século pasado nacía Caranza. Inicialmente, para solucionar as necesidades de vivenda dos traballadores da antiga Bazán, e iso conformou unha cidade con dúas almas. A oficial coa suma dos Ensanches á Magdalena e esta micro cidade, que hoxe busca ter o seu propio “centro” arredor da Avenida Castelao.

Se ben esa especificidade de Caranza foise matizando, houbo outros barrios que comezaron a ter unha certa vida independente do centro. O esquecido Ferrol Vello e, especialmente, Canido por dereito propio. Á marxe está o rural, onde cada lugar é un mundo.

Mais, a situación de crise e a desatención dos barrios, sobre todo nos últimos oito anos, acabaron por facer aparecer vidas alleas ao Ferrol oficial. Inferniño ou Ultramar son claros exemplos, tanto que achegarse ao Concello ou á Magdalena é “baixar a Ferrol”. Simplemente, direilles que necesitamos dun proxecto común e integrador de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/hai-mais-ferrol/20190619200337258990.html