Nota Prensa Comité Megasa, 26 setembro 2013

Megasa120613_2FolgaComarcal

Nota do Comité de Empresa de Megasa Siderúrxica S.L.

Onte os traballadores de Megasa, en Asemblea Xeral, fixemos balance das xestións e mobilizacións que tivemos dende o 30 de maio de 2013. Somos conscientes de que a repercusión alcanzada é froito do apoio do conxunto da sociedade.

Os traballadores de Megasa solicitan publicamente a implicación do conxunto dos parlamentarios, agora que a decisión final está no Ministerio de Industria.

Os traballadores de Megasa Siderúrxica S.L. fixemos onte balance destes catro meses de mobilización e xestións, en defensa dos nosos postos de traballo. Somos conscientes de que a repercusión alcanzada vén dada polo apoio do conxunto da sociedade comarcal, dos medios de comunicación e dos e das súas traballadoras, así como do apoio recibido por parte da totalidade dos alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal; así como pola parte dos sindicatos e partidos do centro e da esquerda, xunto aos seus grupos municipais e parlamentarios.

A resposta dos traballadores -e o apoio recibido- ante as decisións tomadas por parte do Ministerio de Industria, que modificou o sistema da interrumpibilidade eléctrica e todo o sistema estatal da enerxía, convertéunos na columna central da defensa e do futuro de Megasa.

Isto deu como froito que ó longo de todo este tempo a Empresa e a Consellería de Industria tiveran diversos encontros e negociacións para solventar a situación creada. Aínda así en ningún momento tivemos información do tratado e seguimos á espera de coñecer estas polo miúdo e como vanse concretar. Os traballadores reclamamos, ademais que o Comité de Empresa sexa recibido polo Presidente de Galicia e se poña á fronte do problema, como así están facendo outros pertencentes a outras Comunidades Autónomas, máxime cando el ten que ser un dos que deben enmendar a situación creada, por ser xunto co ministro Soria, os causantes desta situación.

Os traballadores avogamos pola continuidade de Megasa, que sigue e seguirá a ser rendible e polo tanto, seguirá a ser unha fonte de riqueza para as comarcas. A empresa está en débeda coa sociedade e, particularmente, cos seus traballadores.

Os traballadores e as familias de Megasa seguiremos mobilizándonos e en alerta ante as medidas que dende o Goberno de España, Xunta de Galicia e Patronal tomen. Así mesmo, esperamos do Congreso dos Deputados e do Ministerio de Industria a corrección á competencia desigual xenerada e a igualdade de trato dentro do mesmo sector industrial. Por isto, pedimos publicamente, así tamén en concreto, ao conxunto dos deputados e senadores galegos en Madrid a súa implicación aprol dunha solución definitiva e xusta en defensa dos empregos de Megasa Siderúrxica S.L.

En Narón, a 26 de setembro de 2013.

Comité de Empresa de Megasa Siderúrxica S.L.

Feijóo espera

Os traballadores de Megasa queren ser recibidos polo Presidente de Galicia e non por capricho. Foi el quen abanderou a defensa daquela multinacional afincada na mariña lucense. Atravesou o Atlántico para ir falar cos propietarios e obrigou ao Ministro de Industria a modificar as bonificacións da chamada interrumpibilidade eléctrica.

Mais, esqueceron ter unha visión global e facendo oídos xordos ás alarmas da Comisión Nacional da Enerxía, sobre os riscos de provocar situacións de discriminación e competencia desigual, provocáronlle a Megasa e aos seus traballadores un grave problema.

Di o Conselleiro de Industria que están facendo xestións para restituír o dano causado. Aquí, tamén é necesario o compromiso explícito do Presidente. Para reforzar a presión sobre o Goberno de España e para tranquilizar ás familias. Pero, Feijóo espera… a que escampe.

Enlace a @DiarioFerrol.

A Industria

O Concello de Narón, a iniciativa dos traballadores de Megasa, vai convocar aos alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal. A defensa da industria e a ter un futuro digno na nosa terra, son as raíces da convocatoria.

Hai boas palabras e ningunha solución por parte do PP. Os seus cargos públicos locais deben tomar partido fronte a desfeita dun PP de Aznar-Rajoy, que nada ten do vello modelo interclasista de Fraga.

Tamén, hai malestar cos propietarios de Megasa. Os traballadores botan en falta un claro apoio público en defensa da fábrica naronesa; resulta moi cómodo deixar facer e xogar con cartas marcadas.

A escusa, unha reforma tarifaria do ministro Soria que lastra a competitividade da industria española, froito do dogma do austericidio e da usura recaudatoria das grandes empresas eléctricas e dos seus cómplices, os bancos. Outra política é posible.

Enlace web a @DiarioFerrol