Redes de esperanza

Hai dez días o sociólogo Manuel Castells presentaba a segunda edición do seu libro “Redes de indignación e esperanza”. Un estudio das diversas primaveras, do 15M e das súas respostas á alienación desta crise tan oportunista. É certo que as esquerdas clásicas, tanto política como sindical, están atrapadas polo seu compromiso cun pacto social que as dereitas xa non consideran necesario. Aí está o golpe da banca alemá contra o pobo grego e o seu referendo.

Pero, a superación dos medos por parte da xente, obriga as institucións a cambios de fondo. Aí están as novas redes e movementos sociais, que hoxe ocupan o papel central que antes tiñan sindicatos e partidos. A loita fundamental é a batalla por conformar un novo xeito de pensar, e a coacción -incluída a “lei mordaza”- non pode garantir a supervivencia das vellas hexemonías sen consenso social.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/redes-esperanza/20150730013357130435.html

Entullos

Estes días sorprendíannos coa emisión en directo da detención do señor Rodrigo Rato. E por se non o tíñamos claro co caso Bankia, o gran deus do capitalismo español ten os seus pés na lameira, dende hai décadas. Iso fai moito máis ridículo a pretensión do PP de afastalo do seu carón.

O caso é que a xestión de Rato, baixo o paraugas de Aznar, ímola pagar durante moito tempo e a un prezo moi alto. Debéramos tomar exemplo de Grecia que vai auditar a súa débeda e chamar a declarar aos dirixentes europeos implicados nesta estafa.

Mentres, aquí pagamos a crise do ladrillo cunha perda evidente de nivel de vida e agresións aos nosos dereitos. Por iso, alporízame algo que me contaban dunhas inmobiliarias locais que no alugueiro de pisos, a parte de avaliar a túa situación económica, pagar por adiantado a correspondente fianza, agora che piden que leves un avalista.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Gomendio

Á señora Gomendio Kidelan, dona Montserrat, parécelle insostible o modelo de financiamento das nosas Universidades públicas. Cre que hai demasiados universitarios e que temos malos resultados. Pero, o certo é que están buscando como facerlle un bo burato ao sector público en beneficio dunhas privadas, que necesitan de axudas como á da actual Secretaria de Estado do Ministerio Wert.

Quizais, para a Sra. Gomendio resulte pernicioso un sistema construído pola esquerda e que hai tempo garantía o acceso á universidade ás fillas e fillos das clases traballadoras. Este foi un dos grandes logros socialistas. Hoxe, hai máis taxas, peores becas e menos alumnos, e os que están son cada vez máis seleccionados en función da súa orixe. E iso, explica a onde quere ir a millonaria compañeira do Ministro Wert. Ao final, mira o mundo dende a posición da súa clase social.

Señora Rosa

 

Cada vez é moito máis evidente que o actual equipo do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, non prevía gobernar. Porque, só así pódese entender a desidia con que están a tratar todo o que afecta á xestión municipal.

O autismo da actual concelleira de benestar social, Rosa Martínez. As súas desafortunadas declaracións, sobre se ela “pensaba” que non había nenos que pasan fame na nosa cidade, volven a amosar esta falta de perfil. Máis, non é novidade. Estamos acostumados a respostas que buscan entreter ao persoal e non asumir responsabilidades, pola falta evidente de traballo e preocupación polo que se ten entre as mans.

Este desprezo para a xestión propia, levan a considerarse de seu máis como uns intermediarios ante un feixe de asociacións confesionais e empresas, en vez de responsables públicos do que é patrimonio común dos ferroláns, o noso Concello.

Enlace a @DiarioFerrol