Impostos

Anda o Sr. Taguas – hoxe presidente da gran patronal da construción, Seopan – moi preocupado pola fiscalidade das rendas do traballadores. Di que é unha das maiores da UE e que deberíase simplificar o IRPF. Tamén, afirma que os impostos desincentivan a acumulación de capital das rendas altas. É dicir, realmente o interese do Sr. Taguas está en que non quere que os ricos paguen impostos.

O que pasa realmente é que fundamentalmente son os traballadores e os sectores máis modestos das clases medias, os que soportan a carga fiscal española en exclusiva. É de supoñer que a Ministra Salgado, na súa presentación do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, o terá tranquilizado. No mellor dos casos, o Sr. Taguas só pagará uns trinta euros adicionais por mes. Tomarlle o pelo á xente pode resultar contraproducente.

Unha fiscalidade verdadeiramente progresiva, solidaria e con carácter redistributiva son o eixo das políticas de esquerda. Quizais, a Ministra Salgado debera ser tan belixerante coa rendas altas e na loita contra a fraude fiscal, como o é contra os traballadores, a través das súas erróneas políticas neoliberais.

A orixe da crise foi o traspaso de rendas do traballo a rendas do capital. Os traballadores reduciron a súa capacidade de compra contraendo o consumo, e as rendas altas para manter a taxa de beneficio investiron na Bolsa en operacións especulativas, que acabaron rebentando nas diversas burbullas financeiras.

En fin, pobre Sr. Taguas que tantos impostos paga.

Enlace a Galicia Hoxe

Cándido

Vén de celebrarse o Comité Provincial do PSdeG – PSOE coruñés. O traballo desenvolvido polos nosos alcaldes e polo partido permiten facer a previsión de repetir resultados nas municipais de maio de 2011, se ben deberase mobilizar especialmente a aqueles sectores que sofren a crise económica, maioritariamente votantes socialistas. Salvador F. Moreda explicitou o seu apoio aos alcaldes de Coruña, Santiago e Ferrol.

Tamén, dependemos dos nosos acertos. Son necesarias unha forte aposta por recuperar a xestión pública de servizos privatizados; a calidade do emprego nos Concellos; e renovacións de listas municipais integrando a persoas con claros perfís de esquerda e vinculados aos movementos sociais.

Produto dunha pluralidade interna que ten que ser posta en valor, a economía e a reforma laboral estiveron no corazón do debate. Fronte ao discurso oficial de recortes de dereitos e prestacións, outros reclamamos políticas económicas expansivas, progresividade fiscal e un xiro á esquerda.

Houbo tempo para facer chegar a esta asemblea socialista unha reclamación que xa ten dez anos por parte de votantes ferroláns de todos os partidos, e canalizada polo Comité Cidadán de Emerxencia. O traslado de Reganosa fóra da ría ferrolá.

Son consciente do grado de impacto da miña primeira afirmación neste comité, pero resume o que penso de cara á Folga Xeral do 29 de setembro: Cándido Méndez ten razón.

Enlace a Galicia Hoxe

Caixas

As Caixas de Aforro quebraron pola súa xestión privada. O Estado, é dicir, nós, fumos correndo para salvalas e agora, resulta que van a desaparecer igual. Os responsables da crise queren privatizalas e Zapatero cede. Un bo negocio a conta desta España que está de saldo.

En Galicia, fumos chamados polo noso Presidente in itinere Núñez Feijóo – candidato a suceder a Rajoy – ao exercicio dun patriotismo financeiro pailán, onde senón aplaudías eras un traidor ao país. Os alcaldes das cidades da Coruña e Vigo, enfrontados. Todos os partidos – incluídos todos os de esquerdas – son responsables desta venda de patrimonio público. Xogaron a repartirse o pastel e agora quedaron entrampados da súa dinámica neoliberal.

Onde queda a función social das Caixas, a súa aposta polas xentes e polo propio territorio? Para que a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova se acabarán vendidas a un banco privado? Que instrumentos temos os cidadáns para exercer o noso dereito democrático a unha economía produtiva e sustentable?

Necesitamos banca pública. Nacionalizar as Caixas de Aforro. Son patrimonio común dos cidadáns. Hai que parar a voracidade dos tiburóns financeiros, que pretenden tutelar as nosas vidas.

Plan de Axuste. Reforma Laboral. Caixas. Xubilacións aos 70. Negocios lucrativos para os responsables da crise e reparto da miseria para a inmensa maioría. Non nos confundamos… é unha cuestión de democracia. Exercitémola.

(Ler artigo no Diario de Ferrol)

Militancia

Felipe González en 1993 dixo que entendera a mensaxe. Non foi así. Nomeou a Solbes Ministro, e pactou con CiU unha política plenamente neoliberal, sen concesións. Déficit cero e Pacto de Estabilidade. En 1996 os votantes socialistas máis á esquerda quedaron na casa. Aznar gobernou co apoio de CiU.

Nunha acción conxunta dos tiburóns financeiros e da dereita europea dobregaron a Zapatero e agora, escríbenlle o plan de axuste. Foron axudados polo sector neoliberal do PSOE, Felipe incluído.

Agora este último reclama militancia pura e dura. Leninismo neoliberal. Aínda que para si, Felipe sempre reclamou a heterodoxia socialista. Quizais, por aquelo que dicía Bensaïd: “A miúdo hai máis fidelidade política na infidelidade crítica”. Eu tamén reclamo a mesma heterodoxia.

O plan de axuste e a reforma laboral coloca ao PSOE onde quere o PP. Estamos abocados a afondar na crise coas medidas que queren os que a provocaron. Necesitamos un xiro á esquerda. Banca pública e nacionalización das empresas enerxéticas, participación dos traballadores na xestión das empresas, loita contra a fraude e por unha progresividade fiscal. Democracia económica.

Peche da Bolsa. As pequenas e medias empresas non se financian así, nin sequera as grandes, que acaban recorrendo á banca tradicional. A Bolsa só serve para especular, espoliar e atacar os dereitos dos cidadáns. Usura depredadora.

Militancia pura e dura, si. Pero, para defender á nosa base social, a democracia e o socialismo.

Enlace a Diario de Ferrol

Tamén aparecerá no número 28 da revista de “Razón Socialista” (a piques de saír do prelo).

Tras Grecia, nós

Agora resulta que os “malos” deste melodrama chamado “crise económica” son os gregos, por mor dunha dereita local que falseaba as cifras macroeconómicas do país. Máis poucas voces apuntan que o principal problema foi que ante un desigual reparto da carga fiscal (basicamente pagan so os traballadores), unha enorme fraude fiscal das rendas altas e empresariais, un sistema económico corrupto e un raquítico Estado de Benestar, levaron a que o anterior goberno de dereitas – coherente coa súa deriva neoliberal – decidira aumentar a súa liquidez económica en base ao endebedamento a través de bonos, que foron a parar á banca europea, especialmente alemá e francesa.

E a banca europea, a través das súa axencias de cualificación dedícanse a especular co intento de aumentar a rendibilidade dos xuros impostos aos gregos. Fronte a isto, Papandreu esquece a súa promesa dun programa social asumindo as erróneas propostas neoliberais sobre a redución do déficit, cando este é fundamentalmente nos poucos ingresos do Estado vía impostos directos progresivos. A chamada “austeridade” no gasto público e na redución de salarios van traer un nova contracción no consumo e na produtividade, implementando así a crise económica e a destrución de emprego.

Loxicamente, a poboación de Grecia mobilízase porque non están dispostos a pagar unha crise e unha débedas que non son súas. A pregunta a responder é como cando o que falla é dun xeito clamoroso o modelo económico especulativo e social da dereita, precisamente esta pode acabar sendo a beneficiaria dunha saída reaccionaria, onde as esquerdas – e polo tanto – os cidadáns andan confusos.

Fronte a unha Unión Europea gobernada pola dereita, cun Banco Central e de España ao servizo do neoliberalismo, temos a necesidade da solidariedade co pobo helénico. En Grecia están a aplicar un programa de recorte brutal do nivel de vida, de calidade dos servizos públicos e de calidade da democracia, que algúns piden para Portugal, Irlanda e Rajoy , Aznar e o FMI reclaman para España, xa que nos falta “disciplina”.

Estes catro países serían un primeiro ensaio desa proposta de liquidación do que se veu en chamar o “Modelo Social Europeo” a cambio dunha hexemonía reaccionaria cara a unha ditadura do capital: privatización entre outros dos servizos educativos, de saúde, da auga, ruptura do marco legal da negociación colectiva, atraso da idade de xubilación e un sistema privado de pensións. Expulsión da maioría da poboación dos procesos de integración política; cidadáns e democracia covardes fronte ao poder patronal e financeiro.

Si de verdade queremos saír da crise, en términos democráticos debéramos empezar con algo tan simple, e que non sería moi custoso: a supresión da Bolsa. Os especuladores non terían moitas cartas coas que xogar.

Solidariedade co pobo de Grecia, xa que isto na práctica é unha solidariedade con nós mesmos. Cando vexas as barbas do veciño…