O BNG de Fene en caída libre?

limpando-o-baston-ivan

Acaba de romper o BNG o goberno municipal de Fene, que está encabezado polo amigo e alcalde socialista Iván Puentes. Malas novas para o conxunto das forzas progresistas.

Os argumentos dos nacionalistas, do seu voceiro e dirixente da UPG Manuel Polo, son cando menos “insubstanciais”: falta de “dinamismo” do propio Iván, do concelleiro de Facenda e Urbanismo “Lalán” e practicamente do conxunto do grupo socialista. Xa se sabe, estes “roxos”… vagos e maleantes, como aínda din os de dereitas. Eses que levan nesta etapa facendo pinza co propio BNG fenés en contra do Alcalde e do Partido Socialista.

O problema radica en que tras máis de dúas décadas de gobernos de maioría absoluta do nacionalismo fenés, aínda non se afixeron á nova realidade, xunto con que a propia Administración fenesa segue a ser unha imaxe da propia composición interna do BNG local, sobre todo en postos administrativos clave.

O ataque a Iván é un intento á desesperada de que non se consolide a hexemonía socialista en Fene. Pero, quizais estrañara o ataque a Lalán – porque se por algo se destaca é por un exacerbado dinamismo – senón fóra porque desde a UPG ven a posibilidade de atacar a quen compatibiliza as súas funcións municipais coa Coordinación do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Quizais, agora, desde fóra tamén vexan porque na cidade de Ferrol non lle perdoan ao Coronel Paco Rodríguez o seu apoio a Reganosa.

Unha nota ao marxe: supoño que Iván, agora sabe do erro que cometeu aceptando a dimisión como edil do anterior voceiro socialista, Antón Noceda, tras os seus enfrontamentos co grupo municipal do BNG. O obxectivo do nacionalismo fenés dirixido polo upegallo Manuel Polo non era contradicir o “mal carácter” do amigo Antón, senón o propio Alcalde e o partido socialista. Por certo, que pensan os do Colectivo “Avante” do anterior Alcalde Xosé Rivera Arnoso? En todo caso, a Antón xa o víchedes onte no Diario de Ferrol (a foto é de J. Sarmiento), ao lado de Iván e José Antonio, actual voceiro socialista.

Hai tamén dentro do BNG, máis acentuado na comarca ferrolá, a idea de que están en caída libre e lles prexudica estar en coalición cos socialistas (en Pontedeume seguen a ter alcalde do PP en minoría, por isto tamén). Hai quen considera que lles iba mellor cando Fraga gobernaba e eles estaban ao fronte da oposición. Evidentemente, é máis fácil iso que gobernar.

Seguir lendo

Un goberno de progreso para Ferrol

Un grupo de cidadáns e cidadás, a título persoal, ante a situación do Concello de Ferrol, manifesta:

En Ferrol hai unha maioría de esquerdas, como se demostrou nas últimas eleccións municipais. O seu triunfo foi en grande medida grazas á presión dos movementos sociais, mobilizados contra das políticas regresivas do Partido Popular.

A ruptura do Goberno Bipartito pon en risco a execución de importantes proxectos que se viñeron xestando nos últimos meses: Regulamento de Participación Cidadán, Recimil, Urbanización do Bertón, Estrada de Castela, Tren ao Porto Exterior, etc., que supoñían abordar desde unha óptica progresista, os problemas da cidade.

Resúltanos de todo punto de vista inaceptábel que, máis aló das diferencias puntuais entre os dous socios de Goberno, se chegase á ruptura.

En todo caso, independentemente das causas da mesma, consideramos que a responsabilidade contraida coa a cidadanía obriga a reconducir a situación. Emprazamos ás dúas forzas políticas a sentarse para recuperar a unidade progresista, incorporando a este proceso ao BNG, para traballar no que queda de mandato a prol da cidade.

Estamos convencidos de que hai tempo para que un Goberno de Progreso poida desenvolver unha xestión frutífera para o avance da cidade e ser un referente, sobre todo nestes tempos, para o resto de Galicia. Seguir lendo

Electores confusos

A dous meses das xerais do 2008 os fundamentalistas católicos encheron Madrid con máis de cento cincuenta mil manifestantes, contra o Goberno de Zapatero. Esta manifestación, que pretende acosar á España democrática, non é máis que unha mostra de que a dereita radical tomou as nosas rúas, que non están dispostos a perder a hexemonía e o control político, aínda que perdan as eleccións como así aconteceu hai catro anos co triunfo socialista. 

A isto súmase a confusión que desde a esquerda estase a vivir con esta fin de lexislatura, onde tras unha boa xestión progresista, produto do acordo básico dos socialistas con IU e as esquerdas dos nacionalismos, vense a  evidenciar, outra vez, que a dereita logra marcarlle a axenda ao Goberno, cando este último está a facer propostas electorais, especialmente nunha redución insolidaria de impostos, xunto co anuncio dun xiro ao “centro político”. ¿Anúnciase a implementación dunha política económico – social neoliberal, onde os traballadores e as capas máis modestas paguen, aínda máis, o tan cacarexado déficit cero e o axuste económico derivado deste modelo de construción europea, que de xeito ostensible está a reducir o noso nivel de vida, visible sobre todo, tras a entrada do euro?

Seguir lendo