Fuco Buxán xa ten programa en Radio Filispim

Onte estrenamos programa desde a Asociación Cultural Fuco Buxán. “O recuncho” emítese desde Radio Filispim, que na comarca de Ferrol o podemos oir no 93.9 de FM. Levavamos un tempo apostando por abrir unha nova canle de comunicación e participando na difusión das actividades do Colectivo Opaií, que son os responsables desta radio libre que emite dende os locais do Ateneo ferrolán.

“O recuncho” pretende ser unha expresión das actividades de Fuco Buxán, pero, ademais, reflectir a rica vida socio – cultural desta zona. Aberto ás actividades doutros colectivos. Evidentemente, seguimos no eido das esquerdas.

No primeiro programa deste sábado, que se desenvolveu de 11 a 13 horas, houbo dúas entrevistas, unha a Lalán (actual presidente da asociación) e na outra fun eu o entrevistado, en calidade de secretario da sección sindical de MCA – UGT Megasa.

O programa vai ser quincenal. Ademais, dos sábados vaise repetir os domingos de 20 a 22 horas, e os mércores de 15 a 17 horas. O programa está conducido por Iago Montes e Miguel Castro. Para calquer comunicación podedes escribir a opafuco@gmail.com. Ou visitar o blog do programa.

Megasa, 7º día de folga xeral

 

Onte 26 de setembro de 2008, sería un día máis de folga para os traballadores senón fose pola desmedida actuación policial. Algo que non veíamos desde as loitas dos anos oitenta dos nosos compañeiros do sector naval de Astano. De feito hoxe, e xa onte pola noite fumos portada dos diferentes medios de comunicación galegos.

Coma sempre o día iniciouse co paro total da produción e a primeira concentración ás sete da mañá, á entrada da fábrica (a anterior convocatoria foi o domingo 21 de setembro). Pero, antes da chegada de mandos e persoal administrativo das filiais da Empresa Matriz (as auxiliares non fixeron acto de presenza), houbo un desplegue policial tan excesivo que raiaba o ridículo.

Desde un primeiro momento, por parte do medio centenar de policías antidisturbios, era obvio que viñan coa idea de provocar unha resposta violenta, que poidera xustificar unha carga policial. Unha vez máis, a responsabilidade dos traballadores de Megasa foi determinante, permitindo mantela calma necesaria. Somos, ademáis, concientes de que a presenza dos medios de comunicación, axudou a frear a desafortunada intervención policial.

Os contrapiquetes policiais non so impediron ao Comité de Folga exercer as súas funcións, non so vulneraron a Lei de Folga; senón nun alarde militar foron a cincuenta ou sesenta metros a buscar aos pequenos grupos de persoal das dúas empresas filiais de Megasa. Algo, totalmente innecesario. En toda a existencia de Megasa Siderúrxica S.L. non hai ningún traballador/a que poida dicir que se lle impedíu a entrada ao traballo. O alarde foi tan dantesco que provocou as risas dos traballadores.

Outra mostra do mesmo aconteceu ás 15.30 horas. Nese momento, a parte das tres grilleras, acompañadas de outros vehículos, apareceron catro grilleras máis, obviamente, coas súas correspondentes dotacións. Baixaron, sacaron todo o equipamento, montaron unha especie de barricada, pero despois se preguntaron que facían eles alí. Na entrada da fábrica a esa hora, á sombra dunha árbore, só estaban os membros do Comité de Empresa. Optaron por desmontar o dispositivo e volver por onde viñeran.

Pero, volvendo á media mañá; hai que dicir que unha delegación dos traballadores acompañamos ao Comité nunha marcha pola Estrada de Castela, xa que o Alcalde e a totalidade dos Grupos Municipais (TEGA, PP, BNG e PSdeG-PSOE) tiveron unha entrevista para coñecer polo miúdo o por qué desde conflito laboral. O Sr. Xoán Gato, e a totalidade do grupos políticos do Concello de Narón participaron, posteriormente, nunha roda de prensa, xunto co Presidente e o Secretario do Comité de Empresa. Salientar a solidariedade recibida, e a petición de cordura á Patronal, así como ao propio Subdelegado do Goberno.

O Comité solicitoulle ao sr. Pose Mesura, actual Subdelegado, unha reunión para que nos explique o despliegue e os abusos policiais. Así mesmo, para o vindeiro mércores día 1 de outubro hai unha convocatoria por parte da patronal, que previamente vai a recibir ao Alcalde de Narón.

É a primeira vez que a patronal ten que dar explicacións pola súa actitude. Chegar a este conflicto, cando estamos por debaixo do convenio provincial, non ten explicación para unha empresa do tamaño de Megasa. Tampouco se entende a actitude do Subdelegado do Goberno. En todo momento estivo informado dos parámetros por onde ía discurrir as xornadas de folga. Quiso quedar ben coa patronal de Megasa? En fin…

Hai quen pensa que ademais pretendían facer escarmentar aos traballadores de Megasa, dentro dunha incipiente dinámica de conflitividade na sociedadea ante a crise social como aviso a outros colectivos. A mensaxe parece ser: “se a estos que son tranquilos os tratamos así, ao resto xa nin che conto”.

É evidente que hai moito malestar na sociedade naronesa pola actitude do Grupo Freire; pero, tamén hai moito malestar polo apoio político e militar do sr. Pose Mesura á patronal. Os traballadores tomamos nota da actitude desta Administración, e a UGT, tamén. En todo caso, a folga xeral de onte foi un gran éxito.

(Para ampliar as fotos, pinchade nelas)

Megasa, 5º día de Folga Xeral

Tras a postura de inmobilismo mantida pola Dirección de Empresa na última reunión celebrada o pasado día 5 deste mes de setembro, feita a petición da representación social; os traballadores de Megasa Siderúrxica S.L., inician un segundo ciclo de folga.

Ás 4:30 horas da madrugada, iniciouse o paro progresivo das instalacións, para a partir das 6:00 horas este fose total en toda a Empresa, sen ningún tipo de incidentes e coa participación do 100% dos trabajadores afectados, se iniciou a primeira das tres xornadas de folga xeral previstas para este mes de setembro. De non existir ningunha variación na postura empresarial as outras dúas xornadas se desenvolverán os vindeiros día 21 e 26.

Ás 12 horas celebrouse unha concentración á entrada da Factoría, á que asistiron un 80% dos traballadores, e na que o Comité lembroulle aos traballadores asistentes, a postura da Empresa na negociación, así como se refrendou a necesidade de manter os diferentes calendarios de mobilización até que a Empresa se veña a tratar os puntos expostos pola parte Social.

Queremos lembrar á opinión pública que Megasa Siderúrxica S.L., é unha empresa asentada no Concello de Narón, e cunha plantilla de 244 traballadores directos, dedicada á produción de aceiro, redondo para a construción, cunha produción anual arredor de 750.000 Tn de produto terminado.

As reivindicacións da parte social, para o presente convenio, e que están a non ser tidas en conta pola Dirección da Empresa son: a creación de categorías e promoción profesional, creación dun plus de sábado e domingo, tendo en conta que Megasa traballa en ciclo continuo e os traballadores en quendas rotatorias, non percebendo ningún complemento que os diferencie dos días normais de semana aos fins de semana; a aplicación do contrato relevo, a partir dos 61 anos. Hai que ter en conta que nunha siderúrxica como é Megasa, única en Galicia, as condicións duras de traballo, fan que sexa difícil manter e exercelo mesmo, debido ao deterioro físico a partir de certa idade; o I.T. derivado de accidente de traballo, a progresiva reducción de xornada, para achegarse á xornada aplicada no Convenio Provincial da Siderometalúrxica, son puntos que marcan a diferencia na mesa de negociación.

O Comité quere agradecer aos diferentes colectivos de traballadores, que mostraron o seu apoio e se solidarizaron cos traballadores de Megasa.

En Narón, a 14 de setembro de 2008.

Comité de Empresa Megasa Siderúrxica S.L.

Estrada de Castela, 802 – 820. Narón 15570 (A Coruña).

 

Exposición “Resistencias Palestinas” na Coruña

A ONGD Acsur-Las Segovias inaugurou o pasado 2 de setembro na Casa Museo Casares Quiroga(R/ Panaderas 12, A Coruña), a exposición: ‘Resitencias Palestinas ao outro lado do Muro’, continuando as que xa Fuco Buxán ten realizado na Comarca de Ferrol, e tamén en Santiago de Compostela.

A exposición esta aberta dende o 2 ao 26 de setembro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas, os domingos e festivos: de 11.00 a
14.00 horas.

Ademais, o mércores 17 de setembro haberá unha conferencia sobre a situación dos territorios ocupados, na que intervirán:

Mohamed Safa (O.L.P),

Xan Gabeiras (Galiza por Palestina),

María Xosé Bravo (Concelleira de Cultura Concello da Coruña),

e Dolores Queiro (ACSUR-Galiza).

P.S. Israel separa ás familias palestinas (ver noticia)