Tragando Sabres

 

Sarille, á esquerda

Por Xosé Manuel Sarille (Fundador da Mesa pola Normalización Lingüística) 

O día 2 de Xullo o LNG Rivers, de 288 metros e cargado con 135.000 metros cúbicos de gas natural, tivo problemas para entrar na Ría de Ferrol, onde se atopa a alucinante planta de gas de Reganosa, a poucos metros de Mugardos e da cidade. A mareira e o vento do sur abatíano contra a Punta Coitelada, até que os prácticos lograron subir e iniciar unha perigosa manobra de enfiamento para penetrar na ría.

Aínda que o caso pasou conscientemente desapercibido, aínda é noticia. Porque nunha destas a cousa vai en serio e ese día vainos dar o riso co naufraxio do Prestige, un xogo de nenos comparado coas consecuencias que pode ter un accidente deste tipo.

Reganosa é unha barbaridade ecolóxica e política que se parece moito á Cidade da Cultura, ao Porto Exterior da Coruña e ao topónimo da cidade. Por que ao topónimo? Polas sentenzas, polas soberbias e polas hipocresías. Choven as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza contra o establecemento e a autorización de funcionamento da planta, e os representantes políticos, pois iso, ven chover como se chovese. Non lles soa? É unha vella técnica que valeu para considerar ao alcaldón como un totalitario.

E tamén se parece en que problema é grave en si mesmo, que diría un cursiñista da escola de Marta Harnecker, pero tamén o é porque nunha sociedade civilmente fortalecida, nunha democracia de calidade, non é posíbel que calquera chisgaravís do turno electoral se poña por riba das sentenzas. Acó as sentenzas magréaas calquera delegado provincial de calquera cor. Vaia rexión.

Pubricado no semanario A Nosa Terra, 5 setembro 2008. Nº 1.323. Páxina 6.

Megasa 4º día de folga xeral

 

A máis absoluta normalidade foi a tónica da cuarta xornada de Folga Xeral, que pecha o calendario de mobilizacións deste mes de agosto, que os traballadores de Megasa Siderúrxica S.L. vimos realizando en defensa de lograr a firma do noso Convenio Colectivo e de que a Dirección da Empresa abandone as súas posturas radicais na negociación.

Mañá luns 1 de setembro de 2008, este Comité de Empresa convocará á Dirección da factoría a unha reunión. Mostramos, unha vez máis, a nosa disposición á busca dunha saída negociada ao conflito.

O Comité de Empresa valora moi positivamente a participación do conxunto dos traballadores nas catro xornadas de Folga Xeral, así como as mostras de solidariedade recibidas, e a comprensión por parte da cidadanía ás nosas demandas; esperando que todo isto sirva de reflexión á Dirección da Empresa e cambien de actitude.

 

Comité de Empresa Megasa Siderúrxica S.L.

Estrada de Castela, 802 – 820. Narón 15570 (A Coruña).

Megasa 2º día de Folga Xeral

 

Por que a patronal de Megasa obríganos a ir á Folga Xeral?

Si, a Dirección do Grupo Megasa obríganos a ir á Folga. Os traballadores desta empresa siderúrxica, radicada en Narón, e que xa ten máis de cincuenta anos, se por algo nos caracterizamos é por unha enorme responsabilidade que non é compartida.

Resulta desacertado querer manter o noso poder adquisitivo? Cando ademais, o desigual reparto dos beneficios empresariais, a inflación, a especulación e o modelo neoliberal de construción da Unión Europea mermaron a nosa capacidade salarial.

Pedir que se aplique o sistema de contrato relevo – ao igual co resto do sector – que permitiría as prexubilacións e unha renovación xeracional, cun custe nulo para a Empresa, é moito? Megasa Siderúrxica S.L., ademais, ten un déficit estrutural na súa plantilla. Pretenden que se cubran as vacantes, cada vez con menos traballadores, o que vai en detrimento da Lei de Riscos Laborais e produce unha sobre carga do traballo, penalizando aos accidentados con redución de salarios. Non é máis rendible implementala seguridade?

Querer que aos traballadores se lles incentive cunha política axeitada de categorías profesionais, non é un dereito? Tamén, non sería máis acertado promocionar aos mellores e aos máis capacitados? Vai seguir a Dirección de Megasa, en términos laborais, descapitalizando a Empresa? Se todo o sector traballa cincuenta horas menos, porque en Megasa non se pode reducir xornada? É moito pedir que se paguen os sábados e os domingos?

A todas luces, resulta evidente que é o pechamento da patronal quen abriu a porta ao conflito colectivo. Isto, por parte da Dirección, é un pulso, onde pretenden, outra vez, trasladar a Megasa Siderúrxica S.L. prácticas laborais ensaiadas noutras do Grupo, máis propias de empresas “deslocalizadas”. A Dirección de Megasa non quere asumir a súa responsabilidade social. fronte a iso, os traballadores, novamente, asumimos a nosa apostando por un convenio xusto!

A xornada de Folga Xeral de hoxe día 24 de agosto de 2008, desenvolveuse con total normalidade. A partir das 6 horas da mañá quedou totalmente paralizada a fábrica, como se pode observar na fotografía adxunta. A Asemblea de Traballadores celebrouse ás 8h 20′ sendo seguida masivamente. A Folga dura 24 horas. De non ter unha resposta positiva por parte da Dirección os vindeiros días de paros serán este xoves 28 e domingo 31 de agosto.

Comité de Empresa Megasa Siderúrxica S.L.

Estrada de Castela, 802 -820. Narón 15570.