Cunqueiro

Recoñezo que fun enganado. Que creín que era certo aquel bulo, que percorría as redes sociais e que achacaba á nova corporación madrileña, da señora Carmena, a intención de sacar o nome de Álvaro Cunqueiro á rúa que leva alí o seu nome. E foi grazas a un artigo de Méndez Ferrín e que, tamén, novamente chegounos vía Twitter, neste caso de Uxío Novoneyra Rei, onde puidemos ver que se trataba dunha simple manipulación.

Vivimos tempos que resulta difícil saber o que é de verdade información veraz ou simple invención partidaria. Xogan con que as persoas afectadas, nos casos de manipulación, non poden estar sempre desmentindo as falsidades. Máxime cando todo se inventa, porque hai xente que non acepta a decisión democrática da cidadanía. As miñas desculpas á alcaldesa de Madrid por non ter posto en corentena a información sobre o autor do “Merlín e familia”.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/cunqueiro/20150806005012131025.html

Redes de esperanza

Hai dez días o sociólogo Manuel Castells presentaba a segunda edición do seu libro “Redes de indignación e esperanza”. Un estudio das diversas primaveras, do 15M e das súas respostas á alienación desta crise tan oportunista. É certo que as esquerdas clásicas, tanto política como sindical, están atrapadas polo seu compromiso cun pacto social que as dereitas xa non consideran necesario. Aí está o golpe da banca alemá contra o pobo grego e o seu referendo.

Pero, a superación dos medos por parte da xente, obriga as institucións a cambios de fondo. Aí están as novas redes e movementos sociais, que hoxe ocupan o papel central que antes tiñan sindicatos e partidos. A loita fundamental é a batalla por conformar un novo xeito de pensar, e a coacción -incluída a “lei mordaza”- non pode garantir a supervivencia das vellas hexemonías sen consenso social.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/redes-esperanza/20150730013357130435.html

Emafesa

Aínda ninguén explicou como foi posible que Emafesa non informara inmediatamente ao Concello, nin como esta anomalía escapou da supervisión do concelleiro de servizos. Este último tería que contarnos a súa versión para así poder encaixar a primeira peza deste quebracabezas. Segundo á voceira local do PP a empresa ocultou a información, e dá a sensación que á Xunta perdeulles o poder xogar contra a corporación.

En todo caso, se facemos caso ás poucas explicacións municipais, é de supoñer que en días a equipa directiva da empresa mixta será cesada. A falta de rigor, e os xogos ás agachadas, evidencian que hai que facer cambios tanto en Emafesa, como na comunicación entre esta e o concelleiro da auga. Fai ben o grupo de goberno asumindo a primeira consecuencia política deste asunto, iniciar os procesos de remunicipalización e subrogación dos seus empregados.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/emafesa/20150723004432129939.html

Saneamento

Estes días, o concelleiro de servizos informaba de que se solicitara un informe xurídico para facer fronte á taxa do saneamento. Feito que hai que saudar porque, tanto comuneiros como socialistas, teñen o compromiso de retirar a tan polémica taxa imposta anteriormente polo PP. Tamén, o novo alcalde de Ferrol vén de reunirse co seu homólogo naronés e técnicos de Acuaes e de Augas de Galicia, para falar de como crear un modelo mancomunado da xestión dun saneamento que vai atrasado.

Fronte á pretensión da Xunta de Galicia de evadir as súas responsabilidades e trasladar estas ao Concello de Ferrol, compre a súa implicación nesta xestión tan complexa e necesaria. Así, cun acordo mancomunado e coa administración galega, e posto en funcionamento, quedaría buscar saídas para as empresas asentadas na ría. Excepto Megasa, a maioría carece de depuración propia.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/saneamento/20150716003311129296.html

De falsas vítimas

Beatriz Sestayo actúa como se fose vítima protagonista dunha suposta campaña de acoso, para tapar unha das peores derrotas e forzar un peche de filas entre os seus incondicionais. Non quere ver o dano que lle fai ao PSdeG local, a culpa sempre élle allea.

Este luns -con ausencias significativas- celebrou unha asemblea cun 20% dos afiliados. O máis salientable é que xa vai ter de xerente de urbanismo ao número seis da súa lista municipal e o cese (cuestión esta que non me causa especial sensación) da súa secretaria de organización, que tamén foi apartada da xunta do goberno de Ferrol en favor de Sas.

“Revólvese” contra a “malvada” prensa, pero non entregou o seu escano parlamentario (de dedicación exclusiva) e está en boca da cidadanía polas retribucións que, a maiores, vai ter como membro da xunta de goberno, voceira e pola asistencia a plenos.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/falsas-vitimas/20150709003819128598.html