Reforma Local

O Partido Popular aproveitou a súa maioría absoluta na anterior lexislatura para facer unha reforma local ao servizo da economía especulativa. Chegaron á conclusión de que era imposible reflotar aos sectores da construción e bancario, que había que poñer no mercado os bens e servizos que xestionan dende os concellos, e a ser posible, cun prezo de saldo. Queríaos baixo a tutela do Ministerio de Economía coa escusa dunha mala xestión por falta de orzamentos.

Pero o Tribunal Constitucional di que a súa reforma local (LRSAL) invade as competencias tanto das Autonomías como as dos concellos. Cuestiona a súa tutela en materia de atención social e primaria á veciñanza. É unha batalla gañada dende un municipalismo que reclama competencias e recursos propios, porque son a administración máis cercana. Un tanto que apunta Abel Caballero á Federación Española de Municipios e Provincias.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/reforma-local/20160309223541148489.html

Imos Indo

Non creo que a voceira do grupo municipal do PSdeG ferrolán teña gañas de seguir coa canción que usou na eleccións locais. Vén de cometer un grave erro, converter o referendo socialista sobre os pactos para o goberno estatal nun plebiscito sobre a súa persoa, pedindo o non para os secretarios xerais do PSOE e do PSdeG. Ao seu fracaso no voto en urna, súmase o do voto “on line”.

A un complicado liderado tras a severa derrota das municipais e ao seu enfrontamento con Sánchez e Besteiro, súmanse outra xeira de dimisións na súa executiva (van once) e a división do grupo socialista no último Pleno municipal, onde se quedou soa co apoio do concelleiro de servizos. E, para máis inri, xa hai quen manda mensaxes polos sete mares para ofrecerse como voceira alternativa á propia Sestayo. Todo apunta a que a necesaria renovación no socialismo ferrolán virá -queira ou non- a baronesa local.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/imos-indo/20160303002830147903.html

Empresas

Antonte a dereita económica facía un último intento de salvar as políticas de Mariano Rajoy e do PP, a través da declaración da Cámara de Comercio de España que representa a unhas tres millóns de empresas. Pedían polo “ben común” un gran acordo a tres para que nada mude. Non escapa que o fagan o día antes de presentarse o acordo do PSOE con Albert Rivera, e á espera de máis acordos coas forzas de esquerdas.

Este primeiro acordo de Sánchez lévase por diante a reforma laboral do PP, anula o delito de coacción nas folgas, trae un plan da inspección de traballo contra a explotación e a precariedade laboral e un novo Estatuto dos Traballadores. Tampoco hai que esquecer o plan anti corrupción na política, e polo tanto, tamén nas empresas. Como se ve aquí ninguén fala inocentemente. Falta ver o que sume a negociación do PSOE coas “Mareas” e un Podemos atrapado no labirinto de Pablo Manuel.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/empresas/20160225000758147266.html

69.000

É preocupante, por non usar un adxectivo máis groso. Imos perdendo arredor de seiscentos habitantes cada ano que pasa, e di o IGE que andamos por baixo dos sesenta e nove mil habitantes. Ferrol está á cola das grandes cidades, nin siquera correspóndenos este calificativo. Pero, chegado a este punto xa non me vale o botarlle a culpa, simplemente, á reconversión do naval onde nos piquetes, estivemos os que estivemos.

Hai algo que se está a facer mal en Ferrol. Si, hai resignación ante a marcha de xente nativa e inmigrantes. Si, a reconversión pero tamén a renuncia dos dirixentes políticos, sindicais e sociais. Agora, nin queda a ilusión do espellismo das municipais, estamos ante a repetición da vella coalición entre EU cos socialistas. Hai resignación e falta rebeldía nas “forzas vivas” e non sabemos que cidade queremos para este século. Resulta máis fácil buscar acougo nun sillón.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/69-000/20160218000654146665.html

Non imos á deriva, imos a babor.

Hai tempo que os aparatos dos partidos apartaron as e aos seus militantes, deixando a relación coa sociedade a través dos medios de comunicación (aínda que hoxe as e os propios militantes vénganse dos seus dirixentes a través das redes sociais). En calquera caso, craso erro porque isto pon ás formacións políticas baixo as botas dos grandes mass media e dos seus intereses económicos, é dicir, políticos, porque ao final todo é un.

Así, vemos que aproveitando esa situación privilexiada dos medios de comunicación convertidos en instrumentos para a realización de proxectos alleos á cidadanía, hai quen usa o seu medio para, dende ese atril ou púlpito dicirnos o que debemos facer e, polo tanto, aspira a condicionar ou dictar directamente a axenda polìtica.

Eu son dos que cre que non imos á deriva, cando menos este país, e que se o resultado electoral do 20 de decembro de 2015 foi o que foi, nin por asomo é un erro da cidadanía, que escusa, polo tanto, facer autocrítica do seu “voto de castigo”. E máis, a actual situación política, inédita dende hai décadas, debera definitivamente abrir un novo ciclo político, que dunha vez por todas peche o da Transición da ditadura á monarquía parlamentaria. É este un momento político que require dunha gran doses de imaxinación e tecer un novo relato político, establecendo un novo contrato social e outro tipo de alianzas políticas que leve tanto a España, como a nosa nación galega, a unha democracia avanzada.

Polo que, entón, rexeito o discurso de quen xogando coas palabras veñen a disertar de xeito moralizante sobre a pugna polo poder. Como se este de seu fose algo malo, e non como a expresión dunha sociedade con intereses contrapostos. Non é máis que un vano intento de agochar a loita pola hexemonía política e cultural que hai en todas as sociedades onde a desigualdade é intríseca e a riqueza dunha minoría básase na exclusión da maioría de eses mesmos bens, produto dun esforzo colectivo. Seguir lendo →