Non imos á deriva, imos a babor.

Hai tempo que os aparatos dos partidos apartaron as e aos seus militantes, deixando a relación coa sociedade a través dos medios de comunicación (aínda que hoxe as e os propios militantes vénganse dos seus dirixentes a través das redes sociais). En calquera caso, craso erro porque isto pon ás formacións políticas baixo as botas dos grandes mass media e dos seus intereses económicos, é dicir, políticos, porque ao final todo é un.

Así, vemos que aproveitando esa situación privilexiada dos medios de comunicación convertidos en instrumentos para a realización de proxectos alleos á cidadanía, hai quen usa o seu medio para, dende ese atril ou púlpito dicirnos o que debemos facer e, polo tanto, aspira a condicionar ou dictar directamente a axenda polìtica.

Eu son dos que cre que non imos á deriva, cando menos este país, e que se o resultado electoral do 20 de decembro de 2015 foi o que foi, nin por asomo é un erro da cidadanía, que escusa, polo tanto, facer autocrítica do seu “voto de castigo”. E máis, a actual situación política, inédita dende hai décadas, debera definitivamente abrir un novo ciclo político, que dunha vez por todas peche o da Transición da ditadura á monarquía parlamentaria. É este un momento político que require dunha gran doses de imaxinación e tecer un novo relato político, establecendo un novo contrato social e outro tipo de alianzas políticas que leve tanto a España, como a nosa nación galega, a unha democracia avanzada.

Polo que, entón, rexeito o discurso de quen xogando coas palabras veñen a disertar de xeito moralizante sobre a pugna polo poder. Como se este de seu fose algo malo, e non como a expresión dunha sociedade con intereses contrapostos. Non é máis que un vano intento de agochar a loita pola hexemonía política e cultural que hai en todas as sociedades onde a desigualdade é intríseca e a riqueza dunha minoría básase na exclusión da maioría de eses mesmos bens, produto dun esforzo colectivo.

Resulta rechamante que para falar da corrupción úsese determinados casos, e nunca os do partido gobernante afectado. Precisamente hoxe, cando acaba de dimitir Esperanza Aguirre, ela márcalle o camiño a seguir ao seu presidente. Unha vez que o partido popular está xa investigado nos tribunais de xustiza, se esta non acaba disolvéndoo, só o pase á oposición é a primeira parada, para a fonda reforma orgánica, política e moral que necesita a dereita española.

Resulta curioso que quen non quere oír falar da posibilidade dun goberno de esquerdas presidido por Pedro Sánchez, saque o fantasma das navidades pasadas en forma de goberno bipartito PSdeG-BNG, porque se un goberno é malo porque ten dous socios, o tripartito da “Gran Coalicion” ten que ser mellor, habendo un partido máis? Ogallá houbérase consolidado o Goberno de Touriño, porque así seguro que hoxe non estaría, e agora si, a nosa terra á deriva.

Precisamente, a situación do conxunto de España, de Galicia, obriga tamén a apartar as políticas antieconómicas e antidemocráticas do PP. Estamos en carne viva, porque o único que se buscou foi que os de abaixo pagáramos os platos rotos pola avaricia dos de arriba, o único que se buscou foi poñer o país de saldo, e basar o noso futuro na exportación de man altamente cualificada, pero barata e o resto, un país de bares e de todo tipo de esparcimento para as clases medias e altas asentadas no centro e no norte europeo.

É unha falacia falar da superación da crise, máximo cando as políticas da dereita racharon a nosa sociedade en un feixe de cachos. A crise do Deutsche Bank e da economía china, amosa que isto vai para lonxe. Estamos nunha crise sistémica, simplemente porque a base produtiva xa non é a industria e os servizos, senón os sectores financeiros, é dicir, resulta cada día máis claro que a base produtiva da actual economía é a corrupción.

A onde lévanos isto. Á necesidade dunha nova transición que nos achegue o máis posible a unha verdadeira democracia, política, cultural e económica. Polo que hai que falar dunha nova cultura do pacto, e saber que a democracia non consiste en que aquelo que constrúe a esquerda (estado de benestar) o desmantela a dereita (neoliberalismo), a saber que nunha democracia avanzada a alternativa será entre esquerdas ou grandes coalicións, por momentos, das propias esquerdas, e polo tanto, a dereita como representante do individualismo e da insolidariedade terá cada vez máis unha presenza testemuñal. Pero, agora estamos no principio do principio, na era arcaica da democracia.

Así, agora toca resolver. Non pode haber gran coalición pp-c´s-psoe, iso é facerlle un enorme favor á dereita mariana e dinamitar ao partido socialista. É posible un tripartito de centro esquerda con Podemos? Realmente a Rivera viríalle ben porque dinamitaría ao pp e deixaríalle o campo libre como no seu momento tivo AP con respecto de UCD. É posible un pacto de esquerdas PSOE-Podemos-UP? Depende de que o ego de Pablo Iglesias aterre e que renuncien ao “sorpaso” e de que as e os baróns agochados detrás da espalda de Pedro Sánchez (non sei se Iceta o diría así) o asuman, sobre todo cando eles gobernan as súas autonomías, fundamentalmente, porque pactaron con Podemos, e por suposto de que avance a proposta federal dos socialistas para reinsertar as nacionalidades históricas no proxecto común.

Aquí hai unha cidadanía farta e sedenta de melloras sociais e de xustiza social. Somos deste tempo, o queremos xa e os tempos son chegados. Somos ninguén, pero precisamente por iso nós somos a democracia. E a nave do pobo non está á deriva, senón que vai todo a babor, aínda que é certo que hai moita bruma, pero nada temos que perder.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.