Arquivo da categoría: .gal / gz
Son galego
Sarille en Ferrol
Este xoves 17 de abril, tiven a ocasión de presentar a Xosé Manuel Sarille, fundador da Mesa pola Normalización Lingüística, en nome da Asociación Cultural Fuco Buxán, na Galería Sargadelos de Ferrol.
Viña a presentarnos o seu novo libro: “A impostura e a desorientación na normalización lingüística” (Aí atrás publiquei un artigo sobre este ensaio na prensa – “Sarille e a aposta polo galego” – o podedes ver máis abaixo).
Onte no Diario de Ferrol sae unha entrevista (reproducida pola Plataforma Ártabra 21) que lle fixeron a toda páxina, e, por así dicilo o vindeiro martes 22, na emisora local da Cope, faremos a segunda xeira cunha entrevista radiofónica.
Hai vinte anos que non estabamos xuntos. En 1986 el era profesor no Instituto de Formación Profesional de Barallobre, no Concello de Fene, e eu alumno de Máquinas – Ferramentas. Naquel tempo a nosa relación permitiume seguir de preto a constitución e primeiras accións da Mesa; el acabou marchando para Compostela e perdemos o contacto, até hai mes e medio que a través da Rede o recuperamos. Previamente, xa o tiña localizado nas tertulias da noite na Radio Galega.
Por que Fuco Buxán presenta este libro? (Transcribo as notas da miña intervención).-
Esta é unha asociación vencellada e que cre nos movementos sociais e que se move no campo ideolóxico da esquerda.
Iso lévanos a preocuparnos por todo aquilo que afecte á sociedade, e que sirva para a súa transformación progresista.
Tamén é certo que nas últimas eleccións xerais houbo quen pretendía introducir en Galicia a crispación e a idea de dúas supostas sociedades onde non se respecta os dereitos individuais dunha parte, e que avoga pola segregación dos rapaces no ensino e basicamente, pola desaparición do galego baixo o eufemismo da “liberdade de elixir”. Utilizan a Constitución e o Estatuto de Galicia para negarlle ao galego e aos galegos a súa propia existencia.
Fronte aos que fomentan a vagancia intelectual e sociedades uniformadas, presentamos hoxe un ensaio sobre a situación do galego cun discurso diferente, crítico e autocrítico, onde se analiza a actual parálise e retroceso do idioma, nun momento onde xa quedou claro que as tres forzas políticas que conforman o Parlamento galego teñen a mesma política lingüística.
Este libro é tamén, un percorrido polos organismos oficiais ou para oficiais, a falta de autoridade da RAG; e a necesidade de configurar un verdadeiro “eixo atlántico” con Portugal e que hoxe está paralizado.
Este ensaio pretende a reflexión e a evolución das propias posicións, sacudir a nosa indolencia, ademais cando pretendemos mirarnos no espello catalán e despois andamos mirando de reollo ás posicións máis carcas dos involucionistas.
O seu título é moi claro: “A impostura e a desorientación na normalización lingüística”. Fronte a desorientación actual e a impostura na que todos, en maior ou menor medida participamos, a análise crítica e autocrítica de Sarille.
… Podo asegurarvos que a intervención de Sarille non defraudou.
A renovación do PSdeG – PSOE
Estes días, Blas García e Enrique Castro, falaban da renovación do PSdeG – PSOE. Suso de Toro, sumouse este domingo publicando un interesante artigo.
Á marxe de que se poidan matizar algunhas cousas, no fondo da cuestión non deixa de ter razón, sobre todo en cuestións nas que coincide, e que así son percibidas, cos cidadáns galegos.
Ler, aquí, o seu artigo “Que sea de verdad”, na edición galega de “El País”.
Sarille e a aposta polo galego
Quero aquí propoñerlles o último ensaio de Xosé Manuel Sarille, “A impostura e a desorientación na normalización lingüística” (Candeia Editora). Un libro necesario que analiza onde estamos e como reformular a estratexia, desta inacabada aposta, porque o galego teña a súa presenza predominante na sociedade galega; como recoñecemento dos dereitos que temos a existir como tal, a manter o sinal básico da nosa identidade nacional como pobo diferenciado. Seguen a ser certas aquelas palabras de Castelao de que seremos galegos mentres exista o galego.
É este un ensaio cun discurso diferente, crítico e autocrítico, a corazón aberto, onde se analiza a historia da normalización lingüística, a guerra civil das normativas, os sectarismos políticos – ideolóxicos, a actual parálise e retroceso do idioma galego, nun momento onde xa as tres forzas políticas que conforman o Parlamento galego tiveron ocasión de levar adiante a súa política lingüística, e o resume é que neste eido non hai diferenzas substanciais entre elas.
Un ensaio sen concesións, nin tan sequera para o propio Sarille, fundador d’A Mesa. Unha análise que racha con sectarismos e tabús; algo pouco visto nun país onde a falta de autocrítica é normal. Unha análise necesaria para romper a impostura e buscar unha nova orientación que abra novos vieiros para o galego, como idioma nacional e non residual. Un libro que lle doerá a máis dun político de pro; e quizais por iso sorprende a liberdade de pensamento e crítica do autor. Mais, o ten claro: “a ninguén se lle pode pedir que faga de corista”.

