Sarille en Ferrol

Este xoves 17 de abril, tiven a ocasión de presentar a Xosé Manuel Sarille, fundador da Mesa pola Normalización Lingüística, en nome da Asociación Cultural Fuco Buxán, na Galería Sargadelos de Ferrol.

Viña a presentarnos o seu novo libro: “A impostura e a desorientación na normalización lingüística” (Aí atrás publiquei un artigo sobre este ensaio na prensa – “Sarille e a aposta polo galego” – o podedes ver máis abaixo).

Sarille e Manuel CendánOnte no Diario de Ferrol sae unha entrevista (reproducida pola Plataforma Ártabra 21) que lle fixeron a toda páxina, e, por así dicilo o vindeiro martes 22, na emisora local da Cope, faremos a segunda xeira cunha entrevista radiofónica.

Hai vinte anos que non estabamos xuntos. En 1986 el era profesor no Instituto de Formación Profesional de Barallobre, no Concello de Fene, e eu alumno de Máquinas – Ferramentas. Naquel tempo a nosa relación permitiume seguir de preto a constitución e primeiras accións da Mesa; el acabou marchando para Compostela e perdemos o contacto, até hai mes e medio que a través da Rede o recuperamos. Previamente, xa o tiña localizado nas tertulias da noite na Radio Galega.

Por que Fuco Buxán presenta este libro? (Transcribo as notas da miña intervención).-

Esta é unha asociación vencellada e que cre nos movementos sociais e que se move no campo ideolóxico da esquerda.

Iso lévanos a preocuparnos por todo aquilo que afecte á sociedade, e que sirva para a súa transformación progresista.

Tamén é certo que nas últimas eleccións xerais houbo quen pretendía introducir en Galicia a crispación e a idea de dúas supostas sociedades onde non se respecta os dereitos individuais dunha parte, e que avoga pola segregación dos rapaces no ensino e basicamente, pola desaparición do galego baixo o eufemismo da “liberdade de elixir”. Utilizan a Constitución e o Estatuto de Galicia para negarlle ao galego e aos galegos a súa propia existencia.

Fronte aos que fomentan a vagancia intelectual e sociedades uniformadas, presentamos hoxe un ensaio sobre a situación do galego cun discurso diferente, crítico e autocrítico, onde se analiza a actual parálise e retroceso do idioma, nun momento onde xa quedou claro que as tres forzas políticas que conforman o Parlamento galego teñen a mesma política lingüística.

Este libro é tamén, un percorrido polos organismos oficiais ou para oficiais, a falta de autoridade da RAG; e a necesidade de configurar un verdadeiro “eixo atlántico” con Portugal e que hoxe está paralizado.

Este ensaio pretende a reflexión e a evolución das propias posicións, sacudir a nosa indolencia, ademais cando pretendemos mirarnos no espello catalán e despois andamos mirando de reollo ás posicións máis carcas dos involucionistas.

O seu título é moi claro: “A impostura e a desorientación na normalización lingüística”. Fronte a desorientación actual e a impostura na que todos, en maior ou menor medida participamos, a análise crítica e autocrítica de Sarille.

Podo asegurarvos que a intervención de Sarille non defraudou.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.