Artigo de Anxo Guerreiro no diario “El País”. Ler artigo completo.
Arquivo da categoría: .gal / gz
Quen puidela namorala!
Con Pepe Blanco en Narón
Este mércores estiven no mitin organizado pola Agrupación Socialista de Narón no Pavillón de Deportes da Gándara. Tiven a ocasión de conversar co Vicesecretario Xeral do PSOE ao remate do mitin; uns minutos que realmente foron moi intensos, con moita empatía. Evidentemente, levamos moitos anos militando no partido, pero non nos coñecíamos persoalmente. Hai unha amiga común, que realmente foi quen nos deu a posibilidade de falar como se nos coñecéramos de sempre, Carmela Silva. Ela foi, de algún xeito, quen nos facilitou o ter un motivo para este achegamento. Sabemos os dous da forza persoal, humana, que ten Carmela, e sabemos que os amigos dela, son tamén amigos nosos, con toda a intensidade ela lle pon as cousas. Son destas carambolas que ten a vida; por iso quedo en débeda cos dous.
Nunca antes escoitara en directo a José Blanco nun mitin. A súa foi unha intervención que foi in crescendo arroupada co calor da xente. Quédome con tres cousas do seu discurso: a necesidade de rectificar erros e formas de facer política; a necesidade de afondar fortemente no cambio iniciado estes catro anos co Acordo de Goberno entre o PSdeG – PSOE e o BNG; e que foi unhas referencias centradas en mobilizar aos indecisos que, aínda críticos, deben ser conscientes de que só dándolle un novo mandato ao Presidente Touriño é viable consolidar esa outra Galicia que é posible. Un cambio que naceu da revolta do noso Pobo, cristalizando no movemento cívico Nunca Máis e que pechou a era Fraga Iribarne.
Esta intervención de José Blanco é moi importante. Debera ser difundida e levar á reflexión da necesidade de consolidalo proxecto de cambio en Galicia. O axente 009 vén cargado de vellas receitas e vellos entramados clientelares que farían retroceder aos galegos aos tempos de Don Manuel, hipotecando gravemente o nosos presente e futuro por moitos anos.
O discurso de José Blanco foi, ademais, un discurso en positivo. De ir sumando vontades de cambio e para o cambio. Claro, sen sectarismos, coñecedor do que nos xogamos. Con vontade de transformación, de compromiso coa xente e de cumprir a palabra dada. O Vicesecretario Xeral do PSOE si que entendeu a mensaxe – en versión de Felipe – ou aquelo de non nos falles de Zapatero. José Blanco está a facer unha aposta moi seria por este país noso.
O 1 de marzo, eu voto PSdeG! Votade socialista!
En campaña
Vaise achegando o 1 de marzo, data que imos compartir os galegos cos vascos. Hoxe estivo en Ferrol o Presidente Touriño nun paseo electoral polo barrio de Recemil, até chegar á Praza de Armas, onde está situada a Casa Consistorial. Non teño dúbida de que vaise reeditar o pacto de goberno do PSdeG – PSOE co BNG.
O PP vai baixar. O axente 009 xa ten bastante co que acontece no seu partido, como para ter algunha opción, e a iso hai que sumarlle que até hai uns días tiña como candidato a Conselleiro de Economía a un tiburón das Illas Caimán. En fin…
Na pre-campaña nesta comarca, destacou o acto do PSdeG no Concello de Narón o pasado 6 de febreiro. Un mitin con catro mulleres socialistas, impensable nas outras forzas políticas: Katy García, Bea Sestayo, Carmela Silva e Mar Barcón.
Foi un mitin, onde houbo xente que tivo que marchar por falta de sitio. Narón, unha vez máis, amosou o seu potencial de crecemento do proxecto socialista. A dirección do PSdeG e do propio PSOE o deberan ter en conta. Unha aposta por Narón en serio, reportaría grandes beneficios políticos aos socialistas.
Déixovos cunhas fotos que saquei nese día (pinchade nelas para agrandalas); e o vídeo superior é de A Nosa Terra, que tamén estiveron alí.
O “Nunca Máis” segue vivo en Galicia
Palestina foi a causa xusta e solidaria, e polo tanto, totalmente altruísta, que auto convocou a máis de quince mil galegos na nosa capital hai doce días1. Esta non foi unha convocatoria que se fixera desde ningún organismo oficial, nin tampouco os partidos políticos tiveron un protagonismo especial.
Foi a propia sociedade civil, unha ampla plataforma de asociacións cidadás, que a través do traballo en rede, organizaron esta enorme forza social. E polo tanto, produto da xeración espontánea ou dunha organización típica tradicional?
Agora, que xa estamos chegando ao día 1 de marzo, e estamos convocados para elixir – eu quero crer, reelixir – a un novo presidente da Xunta de Galicia e un novo parlamento autonómico, quizais sexa interesante lembrar que foi a carraxe do noso pobo, ante a desidia do derradeiro goberno Fraga e a súa xestión no naufraxio do “Prestige”, e que encheron de chapapote as nosas costas. E ademais, supuxo un revulsivo que cambiou o panorama político galego e deu lugar a unha das máis belas situacións que nestes casos casos pódese dar: os voluntarios e as xentes do mar, que coas súas propias mans lavaron a rochas e areas das nosas praias.
Foi ese movemento popular que botou ao PP á oposición e lle permitiu aos, hoxe dous partidos coaligados na Xunta de Galicia, PSdeG e BNG, abrir unha anovada etapa cara a outra Galicia que quere ser máis sociedade, que quere ser máis democracia avanzada.
E realmente, por si algo se caracterizaron – coincidindo coa dereita – o bipartito foi por non ter en conta, precisamente, ao movemento cívico do “Nunca Máis” e aos seus herdeiros. Para os partidos, este xa xogara o seu papel, e agora empezaba a ser molesto. Sobre todo, por se consolidaba a idea entre a poboación de que hai que fiscalizar a vida política. Esixir a cada un as responsabilidades que lle corresponde, tanto como goberno como na oposición.
Incluso desde o nacionalismo se combateu a unha parte da base social deste movemento. Non é anecdótico a ruptura do “ecoloxismo nacionalista” no País. Pero, a pesar de todo, os grupos de base, reorganizaron o seu traballo e incluso, xurdiron novas redes incómodas, pero necesarias: Galicia non se vende ou o propio Comité Cidadán de Emerxencia, consolidaron a súa presenza social.
Teño comentado que os partidos de esquerdas, especialmente o partido socialista, debe ter unha teima principal na relación coa sociedade, especialmente cos movementos sociais reivindicativos e alternativos. Estamos a facer o suficiente para asumir as demandas cidadás? Escoitamos aos movementos sociais? Entendemos, que entidades sociais como os diversos Comités e plataformas de defensas das nosas rías, ou contra a especulación urbanística, ou da memoria histórica, son aliados no necesario avance democrático? Entendemos que se considere que o cambio en Galicia vai lento? Sabemos que estes movementos son aliados estratéxicos nosos?
En calquera caso, é evidente que no dezaoito de xaneiro en Compostela, a sociedade galega – simbolizada no seu día tamén por “Nunca Máis” – segue viva. Afortunadamente para o conxunto da esquerda, e en especial do principal beneficiario até de agora: o Partido Socialista.
Viva Palestina libre! Viva o “Nunca Máis”!
1Especialmente relevante se temos en conta a relación porcentual coa poboación total de Galicia







