Tras o Primeiro de Maio

Acaba de pasar o Día do Traballo con manifestacións que pedían unha saída progresista á crise económica. As propostas sindicais son claras: emprego, investimento público e protección social.

Fronte a isto a dereita política e mediática segue a pedir baixada de impostos ás grandes fortunas e patrimonios, desregulamentos maiores do mercado laboral, despedimentos gratuitos, “austeridade” e reducción do gasto público. Medidas todas elas que só afondaría na propia crise económica, na superación do actual marco democrático en aras dunha ditadura do capital, que condicionaría todas as relacións sociais.

Os traballadores tamén están atentos ao Goberno español. En principio, a marcha de Solbes trae para o Presidente Zapatero aires renovados, máis sensibles á necesidade de maior gasto social e ás demandas dos máis desfavorecidos. Un discurso máis á esquerda que deberá acompañar cunha maior implementación das políticas sociais.

A diferenza do que plantexa ese señor enfadado chamado Rajoy, o aumento do gasto social en investimentos en obra pública e servizos sociais, non supón unha hipoteca, senón un crédito na liña de mellorar o presente e aseguralo futuro. Unha política expansiva que estimule o consumo, o emprego de calidade e tamén o emprego público – en España apenas un 9% fronte aos países máis avanzados que chegan até o 25% – xunto con outras medidas que garantan a necesidade dunha banca pública, como instrumento de intervención das políticas progresistas; ou unha fiscalidade que, ademais dos traballadores e as clases medias, tributen as grandes fortunas e patrimonios en función dos seus ingresos.

Cambiar o modelo produtivo herdado da etapa de Aznar, basado na especulación e o cemento, necesita unha base diferente onde os traballadores amplíen a súa influencia na política e na economía. O Presidente Zapatero tivo unha boa intervención diante do Parlamento Europeo hai uns días. Antes, o 25 de abril en Pontevedra, diante do congreso extraordinario dos socialistas galegos a súa frase final foi: “Os socialistas somos o que temos, a nosa orixe son os traballadores e, por iso só temos o noso traballo”.

Zapatero toma a iniciativa

obama_zp

Por fin, cambio de goberno. Hai tempo que ando a dicir que non se podía esperar a que pasaran as eleccións europeas, que Zapatero tiña que retomar a iniciativa política que lle corresponde como Presidente do Goberno de España, e como líder do PSOE. Tamén, queda claro – á marxe do xeito de como se dá a coñecer a boa nova – que colle a toda a dereita mediática e ao PP co pé cambiado.

Os feitos amosan que só o propio Presidente Zapatero marca os seus tempos políticos; iso evidénciase nunha semana onde – desde o G 20, a Cume da OTAN, a Alianza de Civilizacións e a tan famosa foto con Obama – deixa claro que hai moito partido que xogar. Aínda que o PP xa anunciara, hai uns días, unha suposta moción de censura, para frear un suposto desgoberno.

Hai capacidade de resposta desde a esquerda, e ademais, ábrese a esperanza dunha alternativa viable en Galicia dentro de catro anos con Pepe Blanco, hoxe – segundo a propia prensa – Ministro in pectore de Fomento; que co ascenso da galega Elena Salgado, a falta da confirmación da noticia e de que sigan Elena Espinosa e Caamaño, marca a existencia do maior lobby galego habido en Madrid.

Tras isto, quero recomendar ler a Vicenç Navarro e Juan Torres, nas súas análises sobre o papel xogado polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e a Organización Mundial de Comercio. É evidente, que no G – 20 non houbo análise de fondo do fracaso neoliberal que nos trouxo a peor crise económica desde a primeira metade do século pasado. Parece deducirse que os acordos destes días van na liña de destinar máis cartos para tapar os furados dos bancos metidos a especuladores, e dunha xenérica referencia a un certo control dos movementos dos capitais financeiros.

Seguir lendo

Megasa despide a dous traballadores

Hoxe (ou xa onte día 16) pola tarde – noite a Dirección de Megasa Siderúrxica S.L., xa deu resposta á convocatoria de dez días de folga xeral pola falta de convenio colectivo. Doulles a dous compañeiros da sección de Acería a carta de despido. Un deles é membro do Comité de Empresa e de Folga. Os dous son referencia sindical para o conxunto dos traballadores de Megasa.

Estiveron preto de dúas semanas xogando co Alcalde de Narón, que non foi quen de lograr que entraran en razóns para reanudar o diálogo social. E tras serlle presentado o novo calendario de folgas, entrou a nos botar este desafío aos traballadores.

Está claro que calquera poderíamos ser os despedidos. Estou seguro que sopesaron moitos nomes. Hoxe, son estes compañeiros porque, a diferencia co que pasara hai máis dun lustro – aquel convenio que nos costara 18 días de folga – a sección de Acería participa na súa totalidade. Estes días veremos que inventan para xustificar estes despidos. Intentan romper a unidade da plantilla. E seguro que seguiran buscando o xeito de xustificar aumentala presión sobre todos nós. De provocar incluso un peche patronal como hai 30 anos.

Este ano non haberá convenio, nin para principios do que vén. Agora, a nosa plataforma ten dous puntos máis e irrenunciables: A reincorporación de Emilio e Alberto. A isto obríganos a Empresa.

Somos unha empresa europea e queremos unhas relacións laborais normalizadas e propias dun sistema democrático occidental. O que pasa é que teñen un gran sentimento de impunidade. O seu poder económico, e a conxuntura social, que eles aproveitan de xeito oportunista, dálles ás para crerse por riba de todo. Dos traballadores, dos xuízes, das Institucións, da cidadanía… Esta vai ser unha loita moi longa e dura, tranquilidade e unidade.

Axuda Urxente a Cuba

Mañá ás 12 horas, presentarase a Plataforma Axuda Urxente a Cuba en roda de prensa, no Ateneo Ferrolán. Ao día seguinte, xoves 9 de outubro, pero ás 20 horas haberá un acto público no salón de actos desta entidade co Cónsul de Cuba, o sr. Alejandro Fuentes; obviamente para falar da situación deste país tras os tres furacáns que destrozaron a Illa, e que agrávase ante o bloqueo internacional que os EEUU mantén, co apoio hipócrita dos principais países da Unión Europea.

Cuba sempre foi un exemplo de solidariedade cos demais pobos. Sempre foron os primeiros en destinar axuda humanitaria, médica e material, sen lle importar as cores políticas dos demais. Hoxe, Cuba, volve a necesitar da mobilización da cidadanía para facer fronte a unha situación de emerxencia, que Bush pretende usar, para conseguir a redición da Illa por “afogo humanitario”.

A plataforma está aberta á incorporación de novas entidades. Até agora, participán a ONGD Acsur – Las Segovias, Asociación Fuco Buxán, Asociación Encuentro Progresista Uruguay Galicia, Ateneo Ferrolán, A. VV. Caranza, A.VV. Fontelonga, Centro de Promoción Social San Valentín de Fene, Grupo Voluntariado Axuda en Acción Ferrol e a Organización de Solidariedade cos Pobos de Asia, África e América Latina (Ospaaal).

Os números de conta en Caixa Galicia son: para España 2091-0000-35-3040185583, e o Nº de Conta Internacional: Eur IBAN ES41 2091 0000 3530 4018 5583.

O proxecto de reconstrución, que será xestionado a través da Oficina en Cuba de Acsur, centrarase na parte occidental da Illa, na provincia de Pinar del Río. Queremos a vosa contribución e apoio para:

  1. Reparar os teitos das vivendas afectadas nas comunidades campesiñas da CPA Carlos Valiño e CCS “26 de Xullo” do Consello Popular “Puerta de Golpe” do municipio “Consolación del Sur”, así como das CPA “Augusto César Sandino e Miguel Bentancourt”, pertencentes ao municipio “La Palma”. 78.472 €.

  2. Restablecer as instalacións produtivas das 4 cooperativas situadas nos municipios de Consolación del Sur e “La Palma” 12.357 €.

  3. Reparacións de instalacións administrativas das 4 cooperativas do proxecto. 16.970 €.

  4. Apoio a posta en marcha da maquinaria para proceder de maneira inmediata a sementa de cultivos de ciclo curto, así como a limpeza e saneamento e transporte da produción nos dous municipios. 45.215 €.

     

É por iso que vos facemos un chamamento á colaboración. Colaboremos! Axúdanos a reconstruír Cuba!

P.S. Charla do Cónsul de Cuba emitida por Radio Filispim (escoitar)