Por fin, cambio de goberno. Hai tempo que ando a dicir que non se podía esperar a que pasaran as eleccións europeas, que Zapatero tiña que retomar a iniciativa política que lle corresponde como Presidente do Goberno de España, e como líder do PSOE. Tamén, queda claro – á marxe do xeito de como se dá a coñecer a boa nova – que colle a toda a dereita mediática e ao PP co pé cambiado.
Os feitos amosan que só o propio Presidente Zapatero marca os seus tempos políticos; iso evidénciase nunha semana onde – desde o G 20, a Cume da OTAN, a Alianza de Civilizacións e a tan famosa foto con Obama – deixa claro que hai moito partido que xogar. Aínda que o PP xa anunciara, hai uns días, unha suposta moción de censura, para frear un suposto desgoberno.
Hai capacidade de resposta desde a esquerda, e ademais, ábrese a esperanza dunha alternativa viable en Galicia dentro de catro anos con Pepe Blanco, hoxe – segundo a propia prensa – Ministro in pectore de Fomento; que co ascenso da galega Elena Salgado, a falta da confirmación da noticia e de que sigan Elena Espinosa e Caamaño, marca a existencia do maior lobby galego habido en Madrid.
Tras isto, quero recomendar ler a Vicenç Navarro e Juan Torres, nas súas análises sobre o papel xogado polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e a Organización Mundial de Comercio. É evidente, que no G – 20 non houbo análise de fondo do fracaso neoliberal que nos trouxo a peor crise económica desde a primeira metade do século pasado. Parece deducirse que os acordos destes días van na liña de destinar máis cartos para tapar os furados dos bancos metidos a especuladores, e dunha xenérica referencia a un certo control dos movementos dos capitais financeiros.
Basicamente, os EEUU van intentar saír da crise emitido máis papel – moeda, dólares que todos imos pagar, e a ver que pasa se pronto non hai saída do túnel. A esquerda que está a redescubrir as políticas expansionistas de Keynes segue moi confusa, e iso dálle á dereita neocon a seguir a propoñer acabar cos servizos sociais e os dereitos dos traballadores para encherse máis os petos, nunha espiral que acabaría agudizando a propia crise económica.
Sobre a Cume da OTAN, sigo a pensar que xa que non é posible a disolución deste bloque militar, cando menos hai que sentalas bases para cos militares queden baixo mandato das Nacións Unidas e da xurisdición do Tribunal Penal Internacional. Si, unha utopía, pero esta non é máis que unha verdade prematura. En todo caso, Europa se quere ter o peso político que lle corresponde, non pode deixar en mans dos americanos a súa seguridade militar. Mentres seremos uns ananos políticos; iso si, cunha retórica neocolonial.
Considero un erro implicarnos en Afganistán. Dá sensación ademais, que é como compensación do acerto de saír de Kosovo. Digan o que digan, o asunto de fondo comezou coa idea de dominar este país asiático, por onde ten que pasar o petróleo e o gas das antigas repúblicas ex soviéticas (illar a Rusia é outro erro), ademais, dunha zona enclavada a tiro de pedra de Irán e China. Estamos a pagar a nefasta política norteamericana, que para combater no seu día aos rusos, organizou militar e economicamente aos Talibáns e a Al Qaeda. Alimentaron ao demo e este acabou prendéndolle lume á casa.
Que me perdoen os amigos; é indubidable que a foto do Presidente Zapatero con Obama ten un enorme valor, pero, dentro da esquerda española hai un certo papanatismo. O homólogo aquí, sería no mellor dos casos, o CDS de Adolfo Suárez.
A Administración de Barack Hussein Obama está á dereita dos membros da Cámara de Representantes e Senadores elixidos polo propio pobo norteamericano. Non deixa de ser un goberno de centro liberal, lonxe aínda dos postulados do New Deal de Roosevelt e moito máis da propia historia do socialismo europeo e o chamado Estado de Benestar, que en España coñecemos de xeito moi incipiente. Tamén é certo, que hai pouco espazo para desmarcarse de Obama. Nisto, coa Administración Bush era moito máis doado.
En fin, Zapatero segue a ter corda para rato. No PP igual, Esperanza e Gallardón teñen aínda posibilidades de ser candidatos na vindeira convocatoria de eleccións xerais.
P.S. Unha recomendación final: podedes descargar de balde o libro de Juan Torres titulado: “La crisis financiera. Guía para entenderla y explicarla”.