Happy New Year

Si, realmente as ferrolás e os ferroláns, creo que lle pedimos pouco a este ano 2018. Que haxa un mínimo de consenso para que as cousas da cidade se resolvan, ou polo menos para que teñan algún tipo de solución que non acabe sendo un charco máis. Veremos se a Corporación é capaz de sacar adiante ese orzamento municipal, que tan necesario é para ir pechando os furados que hai no déficit de xestión da nosa casa común.

Si, pedimos unhas políticas e uns políticos que cheguen a acordos que beneficien ao conxunto da cidade. Pero, todo apunta a que este ano, antesala das municipais de maio do vindeiro, comezaremos a ver o baile que pretende entreternos e non pidamos a cada quen contas do que fixo ou deixou de facer. Aquí hai quen cre que por agarrar unha pancarta xa pode xustificar o seu e acusar aos demais das súas propias incapacidades e renuncias a defender o que é de todas e todos.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/happy-new-year/20180103225503212350.html

Inocentes

Quizais sexa hoxe o mellor día para falar disto. Da pretensión dunha parte da “clase política” e os seus tertulianos que tomar á xente como parvos, inocentes que non saben ren. Pero, o único que están a conseguir é que a cidadanía quede farta e non queira saber deles. Ninguén parece asumir as responsabilidades do resultado das autonómicas en Cataluña, comezando por M. Rajoy cuxo partido é irrelevante alí.

Parece que Inés Arrimadas xa asume que non gaña as eleccións a lista minoritaria máis votada, senón aqueles que son capaces de formar goberno. Caeron outras inocentadas, como aquela da “maioría silenciosa” pero tamén aquelo do “refrendo soberanista”. Pero, que ninguén veña agora con aquelo da “convivencia e diálogo dentro da lei”. A única solución é unha reforma da Constitución en sentido federal e garantindo os dereitos sociais. O demais son “inocentadas” e ganas de enredar.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/inocentes/20171227235926211795.html

A batalla de Madrid

A alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, buscou o apoio do PP para aprobar o seu Plan Económico e Financeiro. Con ela Podemos e Iglesias, enfronte o Partido Socialista, IU e Ciudadanos. Non quería batallar contra o ministro Montoro e agora no novo orzamento os investimentos en políticas sociais, limpeza, medio ambiente e os destinados aos barrios obreiros da capital española terán unha baixada dun 71%, así como a conxelación salarial para as e os traballadores municipais.

O PP gaña a batalla de Madrid. Tras a súa derrota municipal, cunha xestión dubidosa, moita dela nos tribunais de xustiza e cando a esquerda logra sanear as contas públicas, a dereita impón o seu programa facendo trampas na regla de gasto e usando o goberno de España para intervir a autonomía municipal. Podemos e Ahora Madrid teñen un grave problema. O PSOE a obriga de ser quen de levantar unha nova política.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-batalla-de-madrid/20171220214022211409.html

Inquilinos

A etapa de desafiuzamentos e os problemas que ocasionan o alugueiro turístico, na vida da cidadanía, ten unha contra parte positiva como é a organización das e dos afectados. Así, están poñéndose en marcha “sindicatos de inquilinos e inquilinas”, incluso no caso barcelonés -recentemente constituído- houbo unha colleita de achegas financeiras usando o sistema de micro doazóns, que permitía a calquera persoa apoiar esta iniciativa.

Resulta moi interesante que grupos de veciñas e veciños queiran impulsar a defensa do dereito constitucional á vivenda e un alugueiro accesible, estable, seguro e digno. Agora estas novas “organizacións sindicais” están nunha campaña de dar a coñecer as súas propostas e provocar cambios nas leis. Propostas que van desde garantir unha maior duración dos contratos, a volta ao IPC ou que as administracións públicas promovan alugueiro de titularidade pública.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/inquilinos/20171214002124210971.html

Alimentos baratos

A opulencia forma parte deste mundo global. Esta é sinónima de fartura en beneficio duns poucos. Así vemos como os nosos supermercados ou prazas están cheas de “alimentos baratos” e, que en aparente contradición, fóra de tempo. Parámonos a pensar como é posible que froitas como o melón, que ten a súa temporada de mediados de xuño a outubro, hoxe o atopamos en calquera mes? Como é posible que chéguenos todos os días melóns brasileiros?

Esta globalización imperante aposta por un sistema alimentario industrial que é capaz de traer prezos máis baratos que a produción autóctona, non digamos da diferenza cos ecolóxicos, pero a cambio de deslocalizar produtos, precarizar as relacións laborais e cunha sobre explotación intolerable en termos europeos. Só así pódese entender que cada día cheguen en avións a Madrid e -desde alí- repartan todo tipo de froitas e hortalizas de alén do mar.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/alimentos-baratos/20171207003149210464.html