As facturas de Urbaser

A privatización do servizo municipal de limpeza de Ferrol é un problema. A idea xeneralizada é que non supón ningunha mellora a súa xestión privada, nin para a cidade e menos para o seu propio persoal, abocado á precariedade e a non saber que vai pasar a medio prazo. É certo, nada fíxose nestes tres anos, porque tamén ninguén traballou para darlle unha solución definitiva, como podía ser a subrogación do seu persoal a unha nova empresa municipalizada, tiveron ocasión cos orzamentos aprobados recentemente.

Hoxe veremos que novas tráenos o pleno municipal. Non creo que ningún grupo político queira asumir ser responsable dunha folga para o día primeiro de xullo. Si, Urbaser usa ás súas e aos seus empregados. Si, aquí hai responsabilidades políticas, incluso de quen esquece a súa xestión de inicio de mandato. Precísase unha solución definitiva, para o medio prazo e fin do desacougo laboral.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/as-facturas-de-urbaser/20180628002123229975.html

Asociacións

O movemento asociativo en Ferrol é moi amplo e plural. Unha forma de participación que fai unha importante achega á calidade democrática e ao noso dereito á cidade, así unha morea de actividades e servizos son ofertados.

Fronte a isto, está a relación peculiar que as asociacións levan establecendo cos sucesivos gobernos municipais, indiferentemente da súa cor política. Todas as corporacións sempre apostaron por controlar ás entidades, así como por acaparar o traballo de estas últimas como se fora propio.

Como mostra a obriga de ter que incluír na publicidade das actividades o logo do Concello polo simple feito de usar un local municipal, que queiran ou non é un ben colectivo da cidadanía. Obriga que nin os propios partidos respectan como usuarios, obviamente, porque é unha inxerencia e que induce á confusión. Dando a entender que hai unha xestión directa municipal, sendo esta inexistente.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/asociacions/20180621005258229353.html

Burocracia

A xente común, que mira ás administracións dende unha certa distancia, non acaba de entender como funciona a nosa burocracia. Que Narón deba oitocentos cincuenta mil euros polo saneamento, e non haxa fórmula para que pague, e ademais haxa que esperar a un estudio do secretario municipal e do interventor, resulta paradoxal. Pero, quizais a trampa estea na famosa encomenda de xestión de Emafesa e que o noso concello veciño non acepta por ter dúbidas legais con ese proceder.

Así mesmo, vemos como desde o Catastro súmanse ao esperpento pretendendo facer a transmisión dunha herdanza dunha señora que ao final ten que demostrar que segue viva. Algúns coñecemos casos de asignarse fincas a outras persoas por error e ter que acabar buscando ao “propietario orixinal”. E para acabar a pretensión da Xunta de que o IBI das súas vivendas sociais sexa pagado polos seus inquilinos. En fin, a burocracia.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/burocracia/20180613230212228640.html

Únenos Ferrol

Hai quen debe considerar que o noso concello pode parcelarse, que somos unha mera suma de barrios sen máis. Agora ben, se isto é así, coherentemente con este argumento deberíamos proclamar un cantón independente por cada barrio ou parroquia, así como romper o orzamento municipal en cachiños (e xa veríamos con que criterio de reparto). Así, só teríamos dereito a opinar polo que hai no noso entorno inmediato e nada dun proxecto que nos une chamado Ferrol.

As persoas desta opinión non saben que ese argumento é contrario aos seus intereses. A ninguén se lle pode dicir: “Veña vostede a consumir no meu, pero caladiño”. Abonda na idea de que en Ferrol é imposible facer nada. Molesta o fariseísmo das forzas políticas que a alimenta. Bloquear a remodelación da Praza de Armas agora é quedarse, outra vez, fóra das cidades que apostan por unha cidadanía que dinamice e ocupe os seus espazos vitais.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/unenos-ferrol/20180606232456228085.html

O Purgatorio

Poña vostede unha enquisa electoral e terá ás e aos políticos ferroláns purgando as súas culpas pasadas, presentes e futuras. Agora ben, pouca xente utiliza os datos demoscópicos para facer autocrítica. É evidente que a Rey Varela vaille ben porque aínda non acusa o problema da súa propia marca política, e que para Ferrol en Común o pacto da oposición, quedándose as dedicacións exclusivas do grupo de goberno, resultou ser un gran favor cun alto rédito político.

Veremos como resulta iso de marchar, pero non marchar e andar buscando a un terceiro que sexa dócil. Esas cousas sempre saen mal. Se marchas, marchas. Tamén veremos esas “novas” opcións, á dereita e á esquerda, o que suman ou restan, porque por poucos votos poden cambiar unha maioría de goberno. E para que non nos ataque o aburrimento, aí a sentenza xudicial do saneamento deste días… todos sabían, pero ninguén dixo nada cando tocaba.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/mocion-censura-razons-tacticas/20180531004341227366.html