Carvalho

Dicir que Carvalho Calero e Ferrol teñen unha relación estreita é obvio, aínda que habería que saber diso fóra do ámbito político – cultural. O 10 de maio tiven ocasión de asistir ao acto da Sociedade Cultural Medulio, organizada na Libraría Galiano. Alí puiden facerme cun magnífico exemplar da súa obra literaria, editada por Biblos e co patrocinio do Parlamento galego.

Estes días chegábame un exemplar editado polo padroado de Rosalía de Castro en 1973 que traía os “Cantares Gallegos”, “Follas Novas” e o “En las orillas del Sar” da nosa matriarca e cun prólogo do propio Carvalho. Sei tamén da boa acollida que tivo o ano pasado, co Día das Letras Galegas dedicado a este ferrolán, do libro de Embora cos seus poemas seleccionados por Dobarro e ilustrados por Calros Silvar. É dicir, afortunadamente, os libros seguen a dar vida á vida das e dos autores, especialmente se teñen algo que aportar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/carvalho-3766830

Expocidades

Agora que a Praza de Armas é xa un lugar de encontro, tras a Semana Santa tivemos a “Expocidades” do Eixo Atlántico. Unha trintena de casetas dos principais concellos do norte de Portugal e Galicia, centradas na promoción turística e gastronómica (e no noso caso tamén na nosa candidatura a patrimonio mundial pola Unesco), á que seguirá a mediados de xuño unha versión musical no Auditorio Municipal de Ferrol.

Pero, é moito máis que un simple evento turístico. A presenza da alcaldesa de Narón Marián Ferreiro e da actual presidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo Lara Méndez, ademais tendo como anfitrión ao alcalde de Ferrol Ángel Mato, denota a importancia estratéxica que ten para o hínterland que formamos o norte de Galicia. Xa saben, persistir, sumar esforzos por unha causa común que debera darlle un novo pulo a estes territorios e, polo tanto, á nosa presenza no país e na Unión Europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/expocidades-3756067

Maduren, por favor

En Ferrol hai quen desde a política local segue a vivir nun perpetuo día da marmota. Se non como cualificar as recentes palabras dos dirixentes da dereita local que volven a choricar co aparcadoiro na praza de Armas. Iso si, ocultando que este poderíalle ter custado ao Concello uns seis millóns de euros e, para amortizalo, unha área comercial xusto encima. Revisen as hemerotecas radiofónicas e as opinións dos técnicos.

Sería axeitado deixar de estar á espera coa primeira ocorrencia. Se a oposición leva tres anos a velas vir, non é de recibo. Deberan deixar de provocar este ruído nesta torpe precampaña. Ferrol necesita da competencia propositiva das súas forzas políticas. Crezan, fáganse maiores e maduren por favor. Igual deberan comezar por preguntar nas rúas hoxe peonís polas obras. Igual saberían que, sen coches e sen tráfico, aumentaron as visitas aos escaparates e as compras dos consumidores.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/madure-favor-3745739

Barcos de papel

Persistir. Xa saben aquelo de quen a persegue a consegue. Por iso é tan importante seguir coa promoción da candidatura “Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración”. E as novas cinco iniciativas que propón a concelleira Eva Martínez van nesa liña. Pero, permítanme pararme nunha que pode parecer a máis cativa, a confección de barquiños de papel para, desde unha situación axeitada, botalos ao mar coas mensaxes da cidadanía.

E permítanme unha confesión: gústanme. Non sei se é algo que queda do neno que hai moito tempo atrás fun. Pero, si. Eu era de barcos de papel que botaba en calquera charco da rúa da miña casa. Supoño porque teñen a virtude de levar como tripulación os soños. E Ferrol necesita tamén soñar, porque para chegar a algures, antes hai que saber dos mares que levaranos a bo porto. Si, o Ferrol da Ilustración e do Patrimonio Mundial da Unesco. Somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/barcos-papel-3580700

A medalla

Estes son días de balance tras a Semana Santa. Ferrol estivo de bote en bote. A organización por parte das confrarías e a suma de sinerxías co Concello deu froito. A isto hai que engadir un tempo que quixo apostar pola cidade. Crentes católicos, doutras relixións e non crentes participando e querendo que todo fora ben. Só os reaccionarios de dereita, como os reaccionarios de esquerda, querían unha Semana Santa cutre e chosca.

A medalla da Confraría de Dores ao Alcalde Ángel Mato simboliza a unidade da cidade e o traballo conxunto. A suma beneficia a Ferrol: confrarías, institucións, hostalaría e cidadanía. Semana Santa ferrolá de interese turístico nacional. E moitas ganas de volver a ocupar as rúas. Seguramente hai cousas que este país necesita resolver nun evento deste tipo, quizais un protocolo que reduza a presenza institucional á alcaldía? Pero, é evidente que Ferrol gaña cando sumamos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/medalla-3555253