Carlos Casares vive

Tiven ocasión de asistir á xornada sobre a amizade entre Torrente Ballester e Carlos Casares celebrada na Facultade de Humanidades de Ferrol. A raíz dun comentario sobre a influencia de Ramón Piñeiro no segundo, volvín á reflexión sobre o papel desenvolvido por ambos nos eixos cultural e político. Creo que hai un esquecemento, non sei se interesado, para non reivindicar o papel de personaxes como os xa citados Piñeiro e Casares na resistencia ao franquismo, no desenvolvemento da actual Galicia institucional e da propia democracia española.

Sei que isto hai a quen incomoda porque é o mesmo que vincular ao histórico Partido Galeguista de Castelao e Piñeiro, así como aos “mozos” galeguistas saídos da universidade galega da Transición co actual PSdeG-PSOE (tanto Piñeiro como Casares foron deputados socialistas), máis se na lista engadimos a xentes como Celso Emilio Ferreiro e Ceferino Díaz.

En calquera caso, o importante é subliñar que a palabra escrita, a literatura e a cultura tamén son elementos de transformación social. Racha muros, cambia mentalidades e sentan as bases para os cambios de fondo na sociedade. Permítanme acabar recomendándolles un libro do propio Casares: “Xoguetes para un tempo prohibido”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/carlos-casares-vive-4661687

http://fundacioncarloscasares.org/

Ver o mar

Frío. Estes días fai moito frío. Pero, permítanme lembrarlles, á marxe do pesado que pode resultar a propaganda de nadal das grandes empresas na televisión, que obríganos – de algún xeito – a xogar a ser perfectos, que precisamente coas nosas imperfeccións, sexan felices.

Non se deixen levar pola mala educación e a crispación que pretenden “okupar” todos os estamentos da vida. Esas que ameazan con trasladarse tamén ao eido local. Sabemos que a ministra de Defensa estivo recentemente en Ferrol e foi obxecto de descortesía ou que hai malestar na Armada por pretender a súa instrumentalización, no acoso que sufre o goberno de España. Cuestións inéditas até hai pouco.

Temos cousas máis importantes que deixarnos embarcar polos voceiros do tremendo, da fin do mundo mundial e da chegada do fogo dos infernos. Os mortais, que estamos máis cos pés na terra, temos mellores cousas que prestarlles os nosos oídos a esas persoas.

E a primeira, repítolles, é ser felices ou cando menos intentalo. Son as pequenas cousas da vida. Eses faladoiros cos amigos nos cafés, dicirlle aos nosos fillos que os queremos, por poñer dous exemplos. Xa saben o que di ese vídeo promocional do comercio de proximidade: desde aquí podemos ver o mar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ver-mar-4655777

Un conto de nadal

Houbo un tempo na que a cidade, aquela que estaba fronte o mar, tiña moreas de traballadores orgullosos de cambiar o mundo. Mais, eles deixaron de facer camiño ao andar, do gris presente ao futuro da irmandade da luz.

Pasaron os anos, chegaron elas con acentos caleños e novas xentes dunha terra oriental, a carón de outros que creceron na chaira extensa ou viñan de onde os ríos acaban nun mar de cobre labrado a golpes de maza. Chegaron as persoas de vellas linguas que falan da mai natureza e as da terra sen sombra.

Pero, tamén chegaron aqueles dos que fuxiron todos os que antes chegaran. Con moreas de cartos dos que ninguén sabía a súa procedencia. A cidade, a casa común, estaba en venda. Aqueles, como os centauros procreados nunha nube, afogaban a vida diaria. Chegou o nadal e até as súas luces negáronse a brillar. Así, todas as persoas tiñan que escoller, entre sucumbir novamente á escuridade ou coller a testemuña dos primeiros habitantes.

Como todo que ten un principio, foi ela. Naceu da mesma fonte dos dous ríos. Botou o pano que cubría a súa cabeza ao vento, este acabou na estrela que estaba na cima de unha árbore. Provocando un arco da vella que anegou toda a cidade con luces de cores. Ese foi o sinal. E este conto continuará…

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/conto-nadal-4647182

Convenio por Ferrol

O chamado “Convenio de Defensa”, que ten como peza estrela a enorme parcela do Sánchez Aguilera, parece que vai. O actual alcalde aproveitou a xestión do anterior goberno socialista e, definitivamente, pasa a facer o segundo pago. Si, oito anos despois do primeiro. En fin, as cousas da administración teñen un lento devagar.

Todos sabemos que a reurbanización da referida parcela vai cambiar a fisionomía do centro de Ferrol, de xeito semellante ao que vai a acontecer coa entrada das Pías a cargo dos orzamentos do goberno de España.

É evidente, que a actual maioría municipal de José Manuel Rey abonda para aprobar o que considere, pero con total seguridade vai afectar, tamén, a cambios nas estacións de bus e do tren. Vai durar máis dun mandato esa actuación integral.

Aquí non hai tallada electoral substancialmente. Os socialistas fixeron un papel fundamental neste eido e agora Rey Varela debe ser resolutivo. O “convenio de Defensa” reúne as condicións para un pacto por Ferrol, que debera incluír, en primeiro lugar, aos socialistas, pero tamén aos comúns, sen pecharlle portas ao nacionalismo local. Máis, sabendo da cualidade electoral ferrolá, da que espera outra cor de goberno nas municipais de 2027.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/convenio-ferrol-4640494

Coidar o Ateneo Ferrolán

Unha cidade e unha comarca tamén son as súas obras colectivas. Máis, aquelas que van de unhas xeracións a outras, e así son testemuñas das vivencias de cada unha delas. Hai entidades senlleiras como o Ateneo Ferrolán que son a casa común da súa cidadanía. Cento corenta e catro anos de historia ás costas sendo fiel a esa “illa de Faro”, que cita Homero na Odisea, e aquí baixo o coidado de Atenea, protectora da civilización, da cultura e da xustiza.

Estes días anda o Ateneo Ferrolán a presentar aos seus socios a súa xestión cultural e económica, como a renovar a súa xunta directiva. Todas e todos somos coñecedores dos seus éxitos e, obviamente, das dificultades que tivo que ir superando. Hai poucas entidades que coma esta poida dicir que está intimamente ligada á historia local e comarcal, que necesita e merece o coidado non só das diversas institucións como da súa cidadanía.

O Ateneo Ferrolán, son ese case século e medio de vida e as súas socias e socios. Pero, tamén, e sobre todo, as persoas que traballan por mantela en pé, día a día. Por iso, hai que recoñecer o traballo do seu persoal, hoxe na persoa de Cristina Meizoso, soporte e apoio fundamental durante tres décadas desta institución.

http://ateneoferrolan.org/

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/coidar-ateneo-ferrolan-4636637