Cen Dias

Fagamos un primeiro balance da nova Corporación de Ferrol. Dous elementos marcan a xestión do PP. É evidente que non prevían gobernar. Presentaron unha lista para estar na oposición e ir curtíndose á espera da seguinte convocatoria. Iso explica que para a área de Facenda, un dos eixos centrais de toda proposta política, tiveran que recorrer ao “concelleiro número trece”.

O outro elemento está na dura derrota das esquerdas, que seguen máis preocupadas en asuntos internos que en traballar nunha alternativa viable. Despertarán, ou volveremos á etapa de Juncal, onde os movementos sociais eran a verdadeira oposición?

Neste contexto, cunha dereita con maioría absoluta, pero obrigada a “facer máis dun apaño” vimos que estaban máis en laminar aos seus antecesores, co evidente intento de xustificar unha xestión máis que dubidosa (por exemplo a organización das festas, a política de subvencións a entidades da extrema dereita relixiosa ou a comedores de centros concertados), xunto con outras políticas típicas da dereita para xustificar máis recortes ou a supresión de organismos de control do gasto.

Agora, deberan serenarse dende o PP. E por xustiza, o señor Langtry (que recoñeceu a solvencia financeira de Ferrol), debera desculparse co seu antecesor. E o actual alcalde debera saber que dicir que somos “o concello máis barato de toda Galicia” sona a recoñecemento explícito de falta de xestión municipal.

Enlace a Diario de Ferrol.

Foro Social

Se por algo caracterízase Ferrolterra é polo seu dinamismo social. Sempre estivemos na vangarda democrática e da esquerda. Por iso, non é estraño que o 24 e 25 deste mes celébrese no Campus de Esteiro o primeiro Foro Social comarcal, nunha versión autóctona do Foro Mundial e fillo do Galego.

Necesitamos encontros cidadáns para dende a liberdade, na liña de pensar globalmente e actuar localmente, falar da calidade democrática, doutra política económica, do decrecemento e doutro modelo produtivo, duns medios de comunicación con información veraz e responsables, doutro modelo de xestión municipal e participativa, de que cousa é agora vivir ben… Para isto a convocatoria do Foro Social de Ferrolterra.

E precisamente – cando a maioría dos nosos políticos seguen na tarefa de implementar medidas neoliberais contra a sociedade que deberan defender – que os movementos sociais de Ferrol e comarca sexan capaces de sentarse para discutir sobre a realidade, propoñer accións e traballar en común, permítenos dicir que hai vida alén da reforma constitucional e do “pensamento único”.

A través dos movementos sociais, todos temos a oportunidade de opinar e influír, de marcarlle a axenda aos políticos, de ensinarlles que a democracia é moito máis que votar cada catro anos. Aproveitemos a convocatoria deste Foro Social e participemos nel como persoas libres, declarándonos polo tanto así en rebeldía.

Enlace a Diario de Ferrol.

Déficit

Para frear a presión das redes sociais, dos sindicatos e da revolta interna no socialismo español, o chamado “déficit constitucional” non incluirá unha cantidade específica na innecesaria e clasista reforma da Constitución, quedará para unha futura Lei Orgánica.

Mais, segue a ser outra cesión ao pensamento único neoliberal. O problema real do déficit non está no investimento público nos servizos sociais, senón no déficit nos ingresos por mor dunha fiscalidade insolidaria para os traballadores e as clases medias: as rendas do capital e das sociedades cotizan menos dun trinta por cento cós seus homólogos do norte de Europa.

Priorizar o déficit, antes ca recuperación económica é un dogma integrista do neoliberalismo, igual a aquel outro en boca de Fernández de Mesa de “a esquerda é un perigo para o benestar de Ferrol”. Estamos ante a submisión aos Mercados, na renuncia democrática ou, simplemente, na posición da dereita máis oportunista.

Hai quen dende a esquerda resígnase e renuncia a defender o Estado de Benestar. Os cidadáns teñen que tomar a palabra; só dende a súa mobilización, na confluencia entre o 15M, os sindicatos de clase e o tecido asociativo é posible facer fronte ás agresións dos responsables da crise.

Os parlamentarios do PSOE hoxe en Madrid – incluídos os dez deputados e cinco senadores do PSdeG – deben votar non á reforma constitucional. A saída da crise ten un camiño á esquerda.

Ver artigo no Diario de Ferrol.

Ben Común

Á marxe das súas deficiencias, o 15M logrou implementar un amplo debate sobre a necesidade de revitalizar a democracia e impulsar a súa base material, o Estado de Benestar. Debate tamén transversal nas forzas de esquerda, aínda que estas andan máis preocupadas en asuntos internos.

Por iso, son tan importantes as propostas de plataformas como “Iniciativa Ben Común”, especialmente cando quen provocou a crise económica, e na esperanza de ocupar case todo o poder político o 20N, sobreactúa coa intención de xustificar a ruptura unilateral dos pactos da Transición e así, desmantelar o débil modelo social e político español nacido coa Democracia.

As propostas de transparencia e rexeneración democrática, de maior proporcionalidade na lei electoral, de priorizar as necesidades das persoas, a defensa da nosa identidade nacional como pobo; que dende a plataforma Ben Común están a propoñer deberan chegar a bo porto.

Quizais, a proposta de candidaturas conxuntas da esquerda para o Senado sexa difícil de artellar pola proximidade das eleccións xerais. Pero, tras reunirse con Esquerda Unida e o Bloque Nacionalista Galego, en breve os do “Ben Común” farano coa dirección nacional do PSdeG. Unha proposta necesaria e similar ao acordo entre as esquerdas catalás.

Que todas as propostas frutifiquen en acordos, abrindo novos vieiros para a construción dunha saída progresista á crise e dunha verdadeira alternativa política en Galicia.

Ver artigo no Diario de Ferrol.

Portos

Parellamente ao enésimo accidente en Punta Langosteira, Greenpeace vén de criticar a construción do seu Porto Exterior, que considera innecesario ao ter fronte da Coruña o Porto Exterior ferrolán. Mais o certo é que estes días Portos do Estado acaban de librar outros 250 millóns de euros para ver se así conclúen as obras do porto coruñés, onde todos están de acordo en que é o peor dos emprazamentos posibles e que, unha vez en funcionamento, estará boa parte do ano inoperativo polas situacións medioambientais da zona elixida.

Un novo orzamento que vén sumarse a outros 753 millóns de euros, produto das sucesivas medidas erróneas tomadas, que gravaron este investimento pagado por todos. Isto contrasta co que está a acontecer co Porto Exterior ferrolán. O presidente de quenda Cesáreo Fraga, na xunta da Asociación Impulsora do Plan Ferrol esixía ás Institucións afectadas un pronto remate das obras portuarias e dos accesos a Caneliñas. O necesario para finalizar as mesmas resulta ser sensiblemente inferior ao crédito librado estes días polo Ministerio de Fomento e o ICO, na súa sinatura coa presenza do alcalde coruñés para Punta Langosteira.

Non son chegados aínda os tempos para o remate das obras e dos accesos ferroviarios do Porto Exterior de Ferrol? Que pensan sobre todo isto o alcalde de Ferrol e os diversos grupos municipais? Cal é o posicionamento da executiva socialista ferrolá?

Ler artigo no Diario de Ferrol.