Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Señora Rosa

 

Cada vez é moito máis evidente que o actual equipo do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, non prevía gobernar. Porque, só así pódese entender a desidia con que están a tratar todo o que afecta á xestión municipal.

O autismo da actual concelleira de benestar social, Rosa Martínez. As súas desafortunadas declaracións, sobre se ela “pensaba” que non había nenos que pasan fame na nosa cidade, volven a amosar esta falta de perfil. Máis, non é novidade. Estamos acostumados a respostas que buscan entreter ao persoal e non asumir responsabilidades, pola falta evidente de traballo e preocupación polo que se ten entre as mans.

Este desprezo para a xestión propia, levan a considerarse de seu máis como uns intermediarios ante un feixe de asociacións confesionais e empresas, en vez de responsables públicos do que é patrimonio común dos ferroláns, o noso Concello.

Enlace a @DiarioFerrol

 

Creative Commons

 

Que a Rede é unha selva pola inxente cantidade de información é unha obviedade. Pero, baixo a premisa de elaborar materiais de libre acceso e circulación hai, como contrapartida, moitas experiencias que apostan por unha cultura participativa, crítica e comunitaria.

Á marxe de que moitas iniciativas que xa hai, que unhas terán máis ou menos éxito, é evidente que quen queira ten materiais de alta calidade para formarse de xeito autodidacta. Para fomentar ese espírito crítico, necesario nestes tempos de crise social.

Páxinas como as de Somos Ninguén, Traficantes de Soños, Nocións Comúns, Coop57 ou a do profesor catalán Vicenç Navarro, unido á auto financiación de proxectos sociais por medio do crowdfounding, están a ser a base teórica e práctica dunha nova esquerda emerxente que, dende os movementos sociais, rompen as vellas e rancias hexemonías.

Enlace a Diario de Ferrol.

 

Ferrol Cre

 

ferrol cre

Hai cousas xa imparables. As crebas producidas o 25 de maio obriga aos partidos a abrir as súas ventás, para que entre o aire fresco. E no Partido Socialista non podía ser menos.

A elección do novo secretario xeral do PSOE “á galega” é unha consecuencia desa crise de lexitimidade que sae das recentes eleccións europeas. Veremos se finalmente sae Sánchez co que Tapias reste a Madina, ou se pola contra aqueles que avalaron ao segundo, van agora votar por este último, para asegurarse que a vella garda marche.

Pero, iso non abonda. Hai que recuperar a credibilidade e a militancia perdidas. Novos mensaxes e novas voces, para un tempo novo. De aí as recentes xornadas “Ferrol Cre” das súas secretarías de política municipal e de comunicación. Unha aposta por unha nova cultura política, que debe ubicar aos socialistas no corazón dunha cidade que cre na súa xente.

Enlace a @DiarioFerrol.

 

Os tempos son chegados

 

As pasadas eleccións europeas do 25 de maio de 2014 mudaron radicalmente o panorama político, facendo ao conxunto dos partidos reféns das súas desidias ou debilidades. Hoxe, ninguén, pode dicir que ten asegurado o seu futuro. A derrota da dereita fronte a esquerda e a irrupción de Podemos, abren unha perspectiva política onde o futuro está por escribir. Nada é xa imposible.

temposEn Galicia hai que contabilizar, entre os perdedores, a un coñecido xornal que apostaba polo PP, dándolle ao PSOE algún regalo envelenado. Aquel, que nas últimas autonómicas –a diferenza do acontecido nas europeas- axudaba a AGE evidenciando as eivas dos socialistas e do BNG, para consolidar a maioría de Núñez Feijóo,

Como reflexión inicial, é evidente que imos a unha crecente mobilización social, porque os recortes van seguir sendo impostos dende a UE de Merkel, nesa aposta de usar a crise como escusa para desmontar o Estado de Benestar. Pero, tamén, vemos como a maioría da poboación non está, aínda, disposta a ir a unha ruptura, pero si usan o seu dereito ao voto para romper un sistema político esgotado e que visualmente vese na abdicación de Juan Carlos I. Primeira resposta política á crise de lexitimidade, aberta polos cidadáns o 25 de maio, por parte dos Poderes públicos.

Así, hai catro elementos centrais nos resultados electorais do 25 de maio:

a) A xente non está disposta a seguir sufrindo a crise económica e menos a ter un futuro de miseria e reclama unha saída progresista. A xente está farta duns recortes que pagamos sempre os mesmos. Oiremos con moita máis insistencia a suposta necesidade dun “goberno de concentración”.

b) A reordenación da España plural esixe avanzar decididamente a unha formulación plenamente federal do Estado, onde as nacións e pobos que a conforman teñan pleno recoñecemento dos seus dereitos nacionais. Unha suma positiva de todas as nosas potencialidades para saír da crise.

c) A situación sofrida pola monarquía parlamentaria vén dada polos escándalos xudiciais e a súa incapacidade de enfrontarse á degradación política e social, dun sistema do que é a súa máxima expresión institucional. Reabre, polo tanto, a necesidade dunha nova lexitimidade democrática para a xefatura do Estado, sendo a canle natural a república.

d) Por último, o sistema de partidos tanto a nivel estatal como o que, en principio, xurde das eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2011 fai augas por todos os lados.

O partido socialista móvese nunha imprescindible refundación ou unha implosión por ausencia nas loitas sociais. As primarias “á galega” para elixir ao secretario xeral evidencia a necesidade dun novo tempo, pero tamén a “ruptura do aparato de Ferraz”, que incapaces de pechar filas tras a presidenta andaluza presentan como principal candidato a Pedro Sánchez, pero tamén ábrenlle a porta ao actual secretario xeral do Grupo Parlamentario, Eduardo Madina. Probablemente sexa a candidatura de Alberto Sotillos a máis interesante, por apostar por un xiro real á esquerda e pola refundación do PSOE.

Acrise…JJVeigaO proceso federal está a tapar a situación do PSdeG e os retos que debe afrontar. Entre eles, debe decidir unha nova relación co PSOE: a) Pasar de ser a “Federación Gallega” a un verdadeiro partido nacional galego, e non por cuestión “nacionalista”, senón por simple necesidade de “facerse maior de idade” e asumir integramente os seus destinos. b) Artellarse alén dunha simple suma de proxectos municipais, para ter unha visión colectiva de nación galega. c) Superar a estrutura provincial -que permítelle unha maior interferencia a Ferraz nos asuntos do PSdeG- para recuperar unha plena organización comarcal, máis axeitada ao noso país e d) Ser a voz, e a ferramenta, dos máis desfavorecidos, das clases traballadoras e dos sectores máis dinámicos das clases medias; sabendo que a pluralidade na esquerda será o habitual e sabendo da necesidade de conformar unha nova alianza histórica, que modifique o sistema político, substancialmente nun sentido postcapitalista e cívico-republicano. É dicir, credibilidade e militancia.

Publicado no nº 36 de Razón Socialista, revista presentada pola Asociación Fuco Buxán, no Ateneo Ferrolán, o venres 27 de xuño de 2014.