Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Coronación

 

Felipe V de España “O Animoso”

En dous días cambiaremos de xefe no Estado. Deciden por nós, unhas Cortes que esqueceron que, en democracia, o pobo é quen máis manda. E din que o referendo, que decida o pobo, non se axusta á Constitución. Manda truco!

Esquecen que Juan Carlos I foi referendado polo cidadáns. Iso si, co paquete completo da reforma política que foi sometida ás urnas, iniciando así a Transición democrática. Certo, tamén, que a intentona golpista do 23F deulle a lexitimidade. Mais, agora esgotada coa axuda dos elefantes e do xenro.

E porque as cousas non son eternas, a xente ten dereito a decidir. Máxime cunha crise social como a vista nas eleccións europeas do 25 de maio. Están sen resolver a saída da crise económica, o modelo de Estado e a configuración federal de España. Esa é a lectura. O sexto Filipe será coroado, será legal, pero non lexítimo. Si, saúde e república!

Enlace a @DiarioFerrol

 

Auga

 

Si, a xestión do alcalde José Manuel Rey fai auga. O conflito do saneamento e as novas taxas da auga, que gravan as economías dos ferroláns, veñen dados pola incapacidade da dereita local para defender Ferrol, fronte á Xunta de Galicia.

Pretenden darse un titular nesta longa precampaña de cara ás eleccións municipais do 2015. Mentres, Augas de Galicia e a Xunta escabullen a súa obriga de poñer en marcha todo o proceso do novo saneamento. Non vaia ser que haxa problemas; e de paso fan negocio a costa dos cidadáns.

A falta de sangue da dereita ferrolá, vólvese contra deles. A rebelión entendible de Narón, só é o primeiro paso para a rebelión da propia veciñanza ferrolá, contra unha dereita incapaz de defender o ben común. Unha dereita que está de xeonllos ante os intereses crematísticos duns poucos. Acaba o alcalde ferrolán de pegarse un tiro no seu propio pé.

Enlace web á columna Letras de Cambio (@DiarioFerrol).

 

25 de maio

 

As eleccións europeas do vindeiro 25 de maio traen de cabeza aos dirixentes do PP. Os cidadáns teñen a oportunidade de poder convertelas nun plebiscito, sobre as políticas insolidarias e de recortes, aplicadas por Rajoy. Preocúpalles que a xente poida castigalos nas urnas, porque eles son a correa de transmisión dos mercados financeiros.

Fronte a todo o aparato de propaganda e ao dominio que a dereita ten dos medios de comunicación oficiais, a esquerda debe mobilizar a rúa; e que ninguén crea que se pode substituír a acción dos militantes por unhas redes sociais que usan, fundamentalmente, os xa convencidos.

O 25 de maio hai dúas posibilidades. Máis desigualdades e máis recortes cunha dereita á que lle sobran a xente e o estado de benestar; ou unha alternativa progresista, liderada polos socialistas, produto do encontro e unidade de todas as esquerdas.

Enlace web @DiarioFerrol

 

Os Maios

 

OsMaios_Canido2014

Unha vez máis, chegan os maios e así os podemos vivir grazas ás xentes do barrio de Canido. Unha vez máis, as súas rúas énchense de cores, vida e unha aposta colectiva por se diferenciar e marcar a súa propia identidade. Isto converte a Canido nun referente necesario, dunha cidade que como Ferrol necesita verse en positivo.

É este un barrio para ocupar as súas rúas e terrazas. Os seus recunchos, e máis en festas e nesta ocasión a combinación dos maios co apalpador de por medio, da música e da feira da artesanía, foron unha invitación feita pola veciñanza ao conxunto da cidadanía ferrolá.

En Canido están a crear calidade de vida, á que se suma a (incompleta) recuperación grazas ao Urban iniciado en tempos do alcalde Irisarri. Denota o barrio saber vivir e participar dun proxecto colectivo, saber sumar as súas individualidades e singularidades. Parabéns.

Enlace ao @DiarioFerrol