Vivir en Ferrol?

Agora non hai unha oposición, como no mandato anterior, que poida tumbar as iniciativas do grupo de goberno, grazas á súa maioría absoluta. Pero, a propaganda non soluciona os problemas cotiás da cidadanía ferrolá. Nin tampouco o anuncio da reurbanización de grandes áreas como a do Sánchez Aguilera que, no mellor dos casos, comezará coa vindeira convocatoria electoral municipal.

Este verán vimos como se anunciaba unha suba impresionante dos prezos da vivenda, tanto para a compra como para alugueiro. Dende Canido alertaban de que veciños de toda a vida están a marchar, producindo iso que algúns levamos tempo alertando e que se chama xentrificación. Palabra que non forma parte do vocabulario político local.

Mentres, hai estudantes que están a pagar oitocentos euros por unha habitación individual en Ferrol, tal como recollía este xornal, ou vemos como se revenden inmobles da Sareb – pagada por todos para salvar á banca – a prezos desorbitados. Os únicos proxectos de vivenda alcanzable son anuncios do ministerio de Vivenda, pero que tardarán en ser realidade tanxible. E cal é o aporte das vivendas turísticas? Onde están os seus ocupantes, cun centro da cidade baleiro de turistas neste mes de xullo?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vivir-ferrol-5374146

Okupas

En maio era publicada no BOE a primeira lei da vivenda da nosa democracia, que pretende que o 50% da vivenda sexa protexida e quede á marxe da especulación. Non debera pasarmos desapercibido o recente congreso inmobiliario de Galicia, impulsado pola Xunta – a través do IGVS – e da patronal inmobiliaria.

Unha das cousas que o novo alcalde de Ferrol deberá clarexar é se o Sánchez Aguilera vai ter vivenda protexida ou todo irá ao mercado libre e que medidas, se vai tomar algunha, poñerá en marcha para protexer ás familias e á mocidade no seu dereito a unha vivenda digna. Vén isto a conta, porque no congreso referido a visión da Xunta de Galicia era clara: dous terzos da poboación galega vive ao día e, por iso, en calquera momento poden ir a peor e, polo tanto, considera “necesarias” medidas que os bancos e as grandes inmobiliarias poidan executar inmediatamente, en favor dos seus negocios.

Nesta evidente estratexia para confundir todo co delito de “okupación”, o problema radica en que a Constitución Española recolle como dereitos cidadáns o acceso á vivenda e á propiedade privada – hoxe severamente cuestionados – e Ferrol vai camiño de ser, como todas as cidades costeiras, zona con tensións inmobiliarias.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/okupas-4327283

Vivendas en alugueiro

Estamos asistindo a un sostido aumento do prezo da vivenda en alugueiro no conxunto de Galicia. É certo que Ferrol vai por detrás da media, pero non é casual que aquí haxa xa algún fondo voitre facendo acopio de inmobles.

É certo que hai un importante parque de vivenda municipal, para o cal é necesario a actualización “definitiva” do seu padrón, fixar criterios obxectivos e sustanciar dunha vez os dereitos históricos dos (poucos) propietarios de Recimil. Tamén hai vivenda da Xunta de Galicia. O normal sería unificar uns criterios obxectivos e avaliables temporalmente.

Mais a Administración Autonómica só axuda a un 20% das familias en dificultades económicas. É a única que non achega recursos propios, só xestiona os cedidos polo Goberno de España. Así mesmo, acaba de expulsar a máis persoas ao baixar en 300€ o tope de ingresos. É dicir, se vostede gaña 1076€ non ten dereito segundo a Xunta de Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/vivendas-en-alugueiro/20190918232037265019.html

Inquilinos

A etapa de desafiuzamentos e os problemas que ocasionan o alugueiro turístico, na vida da cidadanía, ten unha contra parte positiva como é a organización das e dos afectados. Así, están poñéndose en marcha “sindicatos de inquilinos e inquilinas”, incluso no caso barcelonés -recentemente constituído- houbo unha colleita de achegas financeiras usando o sistema de micro doazóns, que permitía a calquera persoa apoiar esta iniciativa.

Resulta moi interesante que grupos de veciñas e veciños queiran impulsar a defensa do dereito constitucional á vivenda e un alugueiro accesible, estable, seguro e digno. Agora estas novas “organizacións sindicais” están nunha campaña de dar a coñecer as súas propostas e provocar cambios nas leis. Propostas que van desde garantir unha maior duración dos contratos, a volta ao IPC ou que as administracións públicas promovan alugueiro de titularidade pública.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/inquilinos/20171214002124210971.html

Alugueiro vacacional

A presión turística que sofren Cedeira e Ares é unha charla recorrente no meu traballo. É certo que non chegamos á sobre explotación do Mediterráneo, máis nunha cidade que, como Ferrol, ten unha cuarta parte das súas vivendas baleiras. Aquí aínda é razoable a relación calidade/prezo do alugueiro tradicional. Pero, tamén hai unha ampla oferta de baixa calidade que obriga a unha busca intensa.

Nesta relativa calma -coa necesidade de revitalizala cidade, evitar que a rehabilitación supoña a substitución da veciñanza tradicional, prever situacións de risco- é chegado o momento de ir alén de recontar inquilinos en Recimil.

A mellor forma de garantir o equilibrio entre a oferta global e o dereito á vivenda é a promoción dunha empresa municipal, máximo cando aquí non hai que temer á Lei Montoro, pero si saber da calidade e contía dos inmobles que dependen tanto do Concello como do IGVS.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/alugueiro-vacacional/20170809205553198777.html