Autodidacta

Diario de Ferrol, 23 de maio 2026

Di o Portal das Palabras que é aquela persoa que se instruíu a si mesmo sen axuda de ningún mestre. Saramago, na súa novela “Historia do Cerco de Lisboa”, salienta que se alcanza esta disposición produto do propio e digno esforzo e que as sociedades antigamente tiñan orgullo dos seus autodidactas, mais agora son vistos con malos ollos.

É o que ten vivir nunha sociedade clasista. O atreverse a superar os teitos de cristal que as democracias formais, liberais, teñen para aqueles que desafían a orde establecida e pretenden buscar o seu propio camiño, a pesar das trabas impostas aos que están máis abaixo na escala social, polo que sexa.

Tamén é certo que moitas destas persoas, que se atreven a buscar saídas as súas paixóns e romper muros, acaban – polo xeral – desenvolvendo o chamado síndrome do impostor. De crer que de, algún xeito, están a cometer un sacrilexio por saírse da norma establecida. Mais, Saramago da unha bula a aquelas persoas que escriben versos e historias para distraer e, así, son autorizados a continuar a ser autodidactas.

Por certo, na novela enriba mencionada, son as tropas do rei Afonso Henriques, que falan na lingua propia de Galicia, os que conquistan Lisboa na idade media.

Mulleres literarias

É de agradecer que, no Faladoiro Literario promovido polo Concello de Ferrol e o Campus Universitario, trouxeran a Manuel Rivas. Do mesmo xeito, que sempre é un acerto poñer a un periodista como Pepe Fandiño que, seguramente, sexa unha das persoas que máis sabe de literatura e como transmitilo.

Nese faladoiro que, ambos os dous, mantiveron o pasado martes, fixeron balance sobre a eclosión que, nas últimas décadas, hai de mulleres facendo literatura e recibindo multitude de recoñecementos no conxunto do Estado. E permítanme usar estas “Letras de cambio” para volver a mencionar (por iso da veciñanza) a Ana Varela e a súa novela “Runrún”, agora tamén traducida ao castelán e a Eva Veiga, a cal recentemente puiden escoitar no Ateneo Ferrolán.

Hai semanas, faláballes de Vargas Llosa e do clásico “La guerra del fin del mundo”. Quedei coa sensación de estar inconclusa a trama literaria, a pesar da súa enorme complexidade. E como os libros son como a árbore da vida, alguén debera desenvolver a historia de Jurema, que elixiu ao periodista miope seguramente por ser o anti heroe e a de María Cuadrado, Madre dos Homes e do Coro Sagrado. E isto tamén vale para Alejandrinha Correa, Estela e Sebastiana…

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-05-14/mulleres-literarias-855340.html

Segundo conto de Nadal

Quedaramos – fai un ano – en que un lóstrego (ou era un arco da vella?) provocara unha morea de luces de cores, e así na cidade do mar, non onde acada o mundo, senón onde realmente comeza, foi testemuña de que algo raro, pero estrañamente acolledor estaba a acontecer.

Os problemas desapareceran e cada quen parecía que podía acariñar os seus máis fondos desexos, pero os de verdade, aqueles que gustan porque non fan dano. A xente parábase na rúa, simplemente a falar e repartir apertas como se estas nunca foran a esgotarse. Iso causaba as risas das nenas e dos nenos, porque – como xa se sabe sempre – eles son os que teñen as súas cabezas ben asentadas sobre os ombros, non como os maiores que as van perdendo a poucos.

Agora, ninguén discutía. Todo era amabilidade, incluso ninguén devolvía aquel libro que lido, non gustara á libraría, para despois poñer unha reclamación. O mundo era o mundo, pero xa non era o dos maiores, senón de aqueles que sabían que era posible ser felices vendo aos demais ser felices. Era, deben sabelo, Nadal. E daba igual se crías ou non, se desta ou de aquela igrexa ou de ningunha. O importante era que a cidade do mar era de todos. Tamén túa. Felices festas… (continuará).

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-12-24/segundo-conto-de-nadal-826677.html

Un café en Escandoi

Teño nas mans o último libro dedicado de Ramón Loureiro, “La bendición de las estrellas”, porque fai unhas poucas semanas puiden asistir á presentación, que a cargo de Manuela Santos – decana de Humanidades – tivo lugar no Campus de Ferrol.

Di César Antonio Molina que o autor “mistura neste diario o mundo real co máxico, o tempo real co intemporal que ocupa moita parte da súa mente” e que neste libro ten “especial relevancia o mundo celta e medieval artúrico con Merlín á cabeza. Pero, tamén o mundo clásico mediterráneo. E, por suposto, xamais desdeña a actualidade…”.

Ese día era a miña intención quedar até finalizar a presentación, xa que Ramón sempre ten algunha achega interesante que ábrenos o camiño a novos lares. Pero, iso non foi posible. Ao marchar Loureiro díxome – facendo un alto na súa exposición – que tíñamos un café pendente.

O que el non sabe é que o Merlín máis eu xa estamos confabulados. Quedou en axudarme cun conxuro, para así eu poder “roubarlle algo” – xa sei que isto non é de bos amigos, pero éche o que hai – polo que levo anos devecendo. “Expropiarlle” o manuscrito de “O corazón portugués”. Por favor, non llo conten. Isto será un segredo entre vostedes máis eu. En débeda quedo.

Gramática da fantasía

Resúltame estraño que a literatura para nenos poida ser considerado un xénero menor. Antón Cortizas a define como aquela que tamén pode ser lida polos máis pequenos. A experiencia di que as nenas e os nenos son moi esixentes como lectores e, polo tanto, hai que encontrar as técnicas e as narrativas axeitadas. Hai que ir máis alá dos relatos para recuperar a nosa vida perdida ou aquela que non tivemos, como pasa na literatura de adultos.

Gianni Rodari fará nos anos sesenta do século pasado un longo periplo polas escolas infantís buscando respostas a como é que se inventan as historias. Buscará xogos nos que incluír como participantes plenos aos máis pequenos, onde estes non sexan simples consumidores, senón persoas que crean e producen valores e cultura.

Usar unha simple palabra e de cada letra dela derivar outras e, así, artellar un relato curto resulta ser unha base máis que suficiente para comezar a crear historias, pero – evidentemente – hai que lograr a participación e a plena identificación das nenas e dos nenos. A inspiración resulta ser filla de querer xogar coas palabras e da constancia. Un relato é como as ramas dunha árbore. Diso Rodari e a súa “Gramática da fantasía” saben moito.

https://kalandraka.com/gramatica-da-fantasia-galego.html