Temos orzamentos

O sentido común volve ás formacións da esquerda ferrolá. A cidade contará cun novo orzamento, condición primeira para saír da situación actual de parálise administrativa. Si, non foron quen de poñerse de acordo en tres anos, e acadaron o acordo máis importante de todo o mandato municipal nuns poucos días. Son moito mellor uns supostos malos orzamentos, que non telos pola incapacidade de non antepoñer os intereses de Ferrol.

O outro asunto, pero que tamén ten a súa importancia, aínda que tapado pola aprobación das contas municipais, foi a sentenza xudicial que anula o reparto das dedicacións exclusivas, entre o PP e o populismo autoritario local. A mensaxe é clara: as retribucións económicas veñen dadas da responsabilidade na xestión municipal, non dun reparto caprichoso.

Quedan abertas as municipais do 2019. Espérase autocrítica, responsabilidade e renovación fonda nas listas da esquerda.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/temos-orzamentos/20180516232625226019.html

Isto non vai

O tempo vaise acelerar, nun ano teremos eleccións municipais. Parece que Ferrol vai seguir na mesma senda de estes últimos anos. Onte víamos neste xornal, como por falta de xestión, están sen gastar quince millóns de euros, nunha cidade falta de cousas tan elementais como tapar fochas, rehabilitar vivendas sociais ou atender a familias en situación de risco social. E haberá desculpas para todos os gustos, pero para a cidadanía iso xa non vale.

Si, dirán que o culpable é o alcalde. Evidentemente, para iso é a primeira autoridade, pero haberá quen diga que hai bloqueo municipal e que as dedicacións exclusivas quedaron repartidas por un pacto contra natura coa dereita local. O certo, é que isto non vai. Que estamos ante a última oportunidade para a esquerda de limpar a súa mala imaxe, queda menos dun ano e esta fíxolle gratis o discurso a unha dereita que só ten que poñelos fronte ao espello.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/isto-non-vai/20180419001801223250.html

Mexar por fóra

A crise foi usada para desmantelar e hipotecar os servizos públicos e lastrar a remunicipalización de aqueles que foron privatizados. Unha vez na batalla pola súa recuperación, ás arcas e á xestión municipais, hai todo tipo de situacións. Resulta curioso que en Ferrol foi a lea entre as esquerdas o que acabou por bloquear a mesma. Así, esta bandeira, quedou en mans de plataformas nas que substancialmente -é certo- están as mesmas persoas.

Á marxe disto, un bo amigo diríalles que xudicializar a política é un erro de fondo que leva a ningures. Máis, cando non se entende que non traballen pola cuestión esencial e primeira a conseguir das tres forzas da esquerda: uns orzamentos pactados que conteñan estas demandas cidadás. O outro -dito con cariño- é mexar por fóra. Reforza, ademais, a idea dunha vendeta por estar a carón de aquela que non ten ningún problema en pactar coa dereita.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/mexar-por-fora/20180321223509220287.html

Será verdade?

Anúncianse actuacións que, de concretarse, poderíamos estar a falar dun novo tempo que rompa coa parálise que afecta a Ferrol. Unha busca de acordos coa Deputación para un novo convenio que rache coa precariedade no servizo de bombeiros, ou o tan necesario albergue de peregrinos para o noso Camiño Inglés, a apertura dun convenio con Fomento para dunha vez remodelar a entrada das Pías, cun montante de máis de catro millóns de euros.

Xa no campo estritamente local, estaría a comunicación entre o Ensanche e Santa Mariña, un investimento importante para Recimil, así como case un millón de euros para a urxente reforma do mercado de Caranza. Máis, todo isto depende dun pacto para os novos orzamentos municipais. Fronte ás redes sociais que falan de plenos alleos, quero crer que o interese xeral vai quedar por riba do particular, permitindo dar respostas ás necesidades de Ferrol.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/sera-verdade/20180207224814215830.html

Happy New Year

Si, realmente as ferrolás e os ferroláns, creo que lle pedimos pouco a este ano 2018. Que haxa un mínimo de consenso para que as cousas da cidade se resolvan, ou polo menos para que teñan algún tipo de solución que non acabe sendo un charco máis. Veremos se a Corporación é capaz de sacar adiante ese orzamento municipal, que tan necesario é para ir pechando os furados que hai no déficit de xestión da nosa casa común.

Si, pedimos unhas políticas e uns políticos que cheguen a acordos que beneficien ao conxunto da cidade. Pero, todo apunta a que este ano, antesala das municipais de maio do vindeiro, comezaremos a ver o baile que pretende entreternos e non pidamos a cada quen contas do que fixo ou deixou de facer. Aquí hai quen cre que por agarrar unha pancarta xa pode xustificar o seu e acusar aos demais das súas propias incapacidades e renuncias a defender o que é de todas e todos.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/happy-new-year/20180103225503212350.html